Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/06/2025 | Actualizada ás 22:00
Nun mundo cada vez máis interconectado, os virus xa non entenden de fronteiras, nin de especies, nin de tempos. No medio do ruído informativo, que acompaña a cada brote, resulta sinxelo confundir o excepcional co cotiá, o alarmante co controlado. A gripe aviaria, vella coñecida do mundo veterinario e dos ecosistemas silvestres, tense metido no discurso público como un inimigo invisible que muta, avanza e, ás veces, semella desaparecer sen deixar rastro. Non é unha ameaza nova. Tampouco é unha epidemia constante. É unha enfermidade vírica con ciclos naturais, que ás veces pasa desapercibida e outras maniféstase cunha virulencia capaz de arrasar colonias enteiras de aves. A ciencia leva décadas estudándoa, pero as súas maneiras de actuar --e, sobre todo, de mudar-- seguen sendo esquivas. E aínda que os humanos non somos os seus hóspedes habituais, a posibilidade dun salto de especie segue a ser unha preocupación lexítima.
Galicia Confidencial fala con Ana María López Beceiro, profesora da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), para facerlle unha pregunta aparentemente sinxela pero que gran parte da poboación aínda non ten clara: que é en si a gripe aviaria? "A gripe aviaria é unha enfermidade causada por un virus, posiblemente moi complexo --o que fai que aínda a día de hoxe non contemos con toda a información sobre el--, con dúas características que o fan especialmente perigoso: unha gran capacidade de transmisión, é dicir, de infectar a animais novos sans; e unha gran capacidade de mutación, o que o leva a desenvolver variantes durante algunha das súas replicacións que poden ser altamente patóxenas", explica a experta. Por establecer unha semellanza co caso da gripe humana, salvando as distancias, sinala que "a nosa gripe tamén vai variando un pouquiño cada ano, e esa variacion fai que non teñamos defensas contra ela ao 100 % ao ano seguinte".
"A PESAR DE QUE A GRIPE AVIARIA É UNHA ENFERMIDADE QUE SE COÑECE DENDE HAI TEMPO, PODEN APARECER NOVAS VARIANTES MÁIS LETAIS"
Así as cousas, a profesora da USC asegura que "a pesar de que a gripe aviaria é unha enfermidade que se coñece dende hai tempo, coa que convivimos e que, salvo naqueles exemplares que están inmunodeprimidos ou moi débiles, non produce unha mortalidade demasiado rechamante, pode darse o caso de que aparezan novas variantes que si sexan especialmente letais a nivel de aves". Algo que achaca, por unha banda, a que o propio virus ten unha gran capacidade patónexa e, pola outra, a que as aves non teñen defensas eficaces fronte a esas novas variantes. En caso de que iso aconteza, explica que "o que se vai producir é unha mortalidade tremendamente elevada, que fará que unha gripe que convivía entre as aves sen pena nin gloria, poida desatar unha nova ondada dunha enfermidade cunha alta mortalidade que nos pode chegar a lembrar ao que acabamos de vivir os humanos coa covid nos humanos".
E cales son as aves especialmente vulnerables a esas novas mutacións con maior poder patoxénico? As aves que viven en colonias. "Nelas, os individuos están moi concentrados, de maneira que, cando entra un virus contra o que non teñen defensas e que é moi patóxeno, causa a morte de centos ou miles de exemplares", resalta López Beceiro, que di que iso foi precisamente o que aconteceu nos últimos anos con aves mariñas silvestres, como os mascatos. A súa densidade poboacional e os seus desprazamentos migratorios favorecen a expansión do virus. "Estas aves non coñecen de fronteiras, polo que unha variante patóxena pode aparecer no norte de Europa e rematar afectando colonias no Atlántico galego, sen quedar circunscrita a unha zona concreta", advirte. Pero tamén incide no feito de que "esta enfermidade é especialmente letal en poboacións de aves porque as aves son o seu reservorio natural, de aí o nome común do virus como 'gripe aviaria'".
"PODEMOS ESTAR SEGUROS DE QUE DENTRO DUNS ANOS, POR ESTATÍSTICA, OS EPISODIOS DE LETALIDADE DO VIRUS SE VOLVERÁN REPETIR"
Con todo, insiste en que a gripe aviaria non é unha enfermidade nova, senón unha enfermidade moi antiga e un virus moi coñecido pero que, periodicamente, sofre mutacións que poden dar lugar a variantes máis letais. "Periodicamente imos seguir vendo estes procesos de explosión do virus, de efectos letais, nos que algunhas poboacións de aves gregarias que viven en colonias vanse ver mermadas", explica a profesora da USC. Por iso, podemos falar da gripe aviaria como unha enfermidade cíclica, pero tamén autolimitante: "Cando aparece unha cepa moi agresiva, remata cos exemplares máis débiles". E é que na natureza non existen as vacinas que os humanos temos para facer fronte a estes virus, polo que é a propia natureza a que se encarga de restablecer a orde. "Que os organismos máis débiles rematen morrendo pola nova variante do virus é o tratamento natural --entre comiñas-- para unha enfermidade animal, xa que se reduce tanto a poboación hospedadora que ao final o virus non pode seguir expandíndose", explica. Despois diso, o virus semella que desaparece, porque queda sen hospedadores, pero co paso do tempo volverá, ao conseguir adaptarse a novos hóspedes.
Pero tamén pode acontecer, como resalta, que "o propio hospedador, neste caso, algunhas aves, consigan facerse resistentes e xerar defensas eficaces fronte a novas variedades do virus". Se iso acontece, "son esas aves as que se van reproducir, de maneira que os seus descendentes van ser resistentes contra esa variedade do virus durante moito tempo ata que novas mutacións dean lugar a unha nova variedade contra a que non teñan defensas". Así as cousas, López Beceira subliña que "estes procesos que ás veces nos chaman moito a atención, sobre todo cando chegan as novas variantes que causan altas mortaldades, forman parte, en realidade, do curso normal da natureza". "A natureza é así de salvaxe, por dicilo dalgún xeito, e conta con esas maneiras de resposta, por iso podemos estar seguros de que dentro duns anos, por estatística, os episodios de letalidade do virus se volverán repetir", resalta, lembrando que, "cada vez que un virus se replica, hai unha posibilidade remota pero real de que dea lugar a unha nova variante máis patóxena, e iso está acontecendo de xeito continuo na natureza".
"OS VIRUS TEÑEN UNHA FORMA DE VIDA TOTALMENTE PARÁSITA, PRECISAN DO HOSPEDADOR PARA REPRODUCIRSE, POLO QUE NON LLES INTERESA MATALO"
O problema medra cando o virus logra saltar das aves aos mamíferos, algo que xa aconteceu. "Mentres o virus circula entre aves, que é o normal nesta enfermidade da gripe aviaria, como leva facendo dende hai moitísimo tempo, non hai problema", asegura a experta. Pero, "se o virus logra adaptarse aos mamíferos, que non é a súa especie diana, e comeza a transmitirse entre eles, entón pode volverse perigoso para nós", advirte López Beceiro. Nun comezo, sinala que "non debería dar moito problema nin maiores complicacións, porque os mamíferos non son o seu hospedador favorito". Con todo, "iso non quita que nunha das súas replicacións, ademais de saltar de aves a mamíferos, adquira a capacidade de saltar de mamífero a mamífero". "É aí cando para nós, os humanos, empeza a ser problemático", sinala.
Pero tamén matiza que os virus "non mutan para volverse máis letais", senón que "simplemente están cambiando constantemente e, ás veces, esas mutacións rematan producindo un gran dano". E aínda que non se diseñen para iso, o risco está presente. E é que apunta que "os virus teñen unha forma de vida totalmente parásita, é dicir, precisan do hospedador para poder reproducirse, polo que non lles interesa matalo". De aí que normalmente as enfermidades coas que levamos máis tempo convivindo, séculos ou milenios, nos fagan dano, pero non nos maten, porque "ao propio virus non lle interesa matarnos". O problema chega cando aparecen as variantes, que, "aínda que tampouco se deseñan a consciencia para ser máis patóxenas, sinxelamente xorden aleatoriamente e rematan causando un gran dano", apunta.
"OS SÍNTOMAS EN AVES SON MOI INESPECÍFICOS, PERO O AEROSOL DERIVADO DUN ESPIRRO É UNHA DAS FORMAS MÁIS PERIGOSAS DE CONTAXIO"
Os síntomas en aves son "moi inespecíficos". Trátase, basicamente, de cadros respiratorios: espirros, secreccións nasais, dificultade para voar... "O diagnóstico é sempre laboratorial, porque moitos outros virus ou bacterias producen síntomas semellantes", explica a profesora da USC. No tocante á transmisión, López Beceiro asegura que esta se produce sobre todo polo aire --a través do espirro dunha ave enferma-- e tamén por contacto con secrecións ou superficies contaminadas. "O aerosol, derivado dun espirro que o organismo escreta para tratar de eliminar o virus, é unha das formas máis perigosas de contaxio", resalta. Así, incide en que "non hai un cadro específico a nivel de veterinaria que permita identificar a simple vista que un animal padece gripe aviaria". Hai que recorrer á proba do bastonciño, introducido en determinadas áreas das vías respiratorias altas para retirar algo de secreción e levala a analizar no laboratorio.
Finalmente, sobre o risco alimentario, a experta tranquiliza: "Se se cociña o alimento, non hai perigo". As altas temperaturas de cocción eliminan por completo o virus. "Se o consumimos en crú si pode existir risco, pero aquí non temos moita tradición de consumo de carne de ave pouco cociñada e moito menos crúa", apunta. No tocante aos ovos, sinala que acontece o mesmo: "O proceso de cocción eliminaría o virus completamente". Ademais, resalta que "esta tampouco é a vía prototípica de transmisión do virus", aínda que, "como sempre pode existir un mínimo risco, o máis sensato é empregar o sentido común e, en caso de sospeita, non consumir o alimento ou, de facelo, que sexa cociñándoo a altas temperaturas". E tamén advirte sobre a problemática da contaminación cruzada. "Se facemos unha mala manipulación de alimentos, se despois de cortar o polo crú nunha táboa empregamos a mesma táboa sen limpar para cortar nela tomates que logo comeremos en crú na ensalada, corremos risco", advirte.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.