CGT esixe a a Xunta e ao Concello de Ourense que pidan explicacións a Renfe sobre o futuro do taller ferroviario

A petición prodúcese nun contexto de crecente preocupación polos 32 postos de traballo que están en risco ante a posible externalización do mantemento de locomotoras serie 333.3.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 28/05/2025 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

O sindicato CGT presentou un escrito ante a Xunta de Galicia, a Subdelegación do Goberno en Ourense e o Concello de Ourense, no que reclama a estas institucións que esixan información a Renfe e ao Ministerio de Transportes sobre o futuro da base de mantemento da operadora ferroviaria en Ourense. A petición prodúcese nun contexto de crecente preocupación polos 32 postos de traballo que están en risco ante a posible externalización do mantemento de locomotoras serie 333.3.

A preocupación do sindicato céntrase na licitación publicada o pasado 9 de maio por Renfe Mercadorías, que contempla a cesión a unha empresa privada do mantemento de 65 locomotoras durante cinco anos por un valor superior a 70 millóns de euros. Desas unidades, 26 están actualmente asignadas ao taller de Ourense, o que converte a estas instalacións nas segundas máis relevantes do país para esta serie, só por detrás de Vicálvaro. CGT alerta de que a dirección de Renfe non puido concretar que vehículos substituirán aos que agora se manteñen en Ourense, o que xera unha "incerteza total" sobre o futuro inmediato do centro.

Neste contexto, a organización sindical solicitou que as administracións galegas esixan transparencia sobre as cargas de traballo previstas e os posibles plans de investimento no taller ourensán. Ademais, o sindicato lembra que o taller de Monforte --instalación que podería asumir parte do traballo se a privatización avanza-- non dispón das condicións técnicas nin a homologación necesarias para afrontar as intervencións de alta complexidade que si se realizan en Ourense, como as revisións tipo IM5, que implican o desmonte completo das locomotoras.

AGARDANDO A REUNIÓN DESTE XOVES

CGT tamén mostrou a súa expectativa ante a reunión ordinaria que este xoves, manterá o Comité de Empresa con representantes de Renfe, na que esperan "que se aclaren as cargas de traballo para o futuro do taller de Ourense e os investimentos que Renfe ten previsto facer nestas instalacións para garantir os 32 postos de traballo". O escrito presentado, remitido tamén a todos os grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia e no pleno do Concello, insiste en que Ourense non pode permitirse a perda doutro centro ferroviario, despois do peche dos talleres da Coruña e Monforte.

Vía de tren do servizo entre Ourense e Lugo
Vía de tren do servizo entre Ourense e Lugo | Fonte: Adif - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta