Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2025 | Actualizada ás 14:22
O portavoz da Executiva do PSdeG Xullo Torrado, acusou ao Goberno galego de estar "perdido e desorientado" e advertiu de que a Xunta "non ten iniciativa nin unha posición clara sobre cuestións esenciais", entre as que mencionou a defensa do galego, o acceso á vivenda ou a sanidade pública.
Nunha rolda de prensa celebrada este venres en Santiago, o socialista asegurou que "mentres os gobernos socialistas propoñen e actúan, a Xunta cambia de criterio, bloquea ou directamente desaparece".
Neste contexto, Torrado incidiu en que foi o PSdeG quen impulsou no Congreso dos Deputados e no Parlamento de Galicia o recoñecemento do galego como lingua oficial na UE, "un acordo que o PP apoiou en Galicia e ao que se opuxo en Bruxelas apenas dúas semanas despois.
Deste xeito, o portavoz socialista destacou que "non está claro se queren ou non queren ser galegos. A incoherencia do PP coa lingua é só unha mostra de como funcionan, din unha cousa aquí e fan outra fose".
Un patrón que se repite, segundo denunciou, na política de vivenda, neste sentido, referiuse a a recente declaración de zona tensionada solicitada polo Concello da Coruña, "unha ferramenta que o goberno galego tentou frear a pesar de ser unha medida útil para garantir o acceso á vivenda".
Ademais, aproveitou para referirse tamén ao caso do Hospital da Mariña, "onde a maior actuación da Xunta foi retirar pancartas no canto de contratar persoal, preocúpalles máis que a xente non proteste que resolver o que está a pasar".
Con todo, Torrado denunciou que "o Goberno galego non está a liderar ningunha resposta aos problemas estruturais de Galicia" e reivindicou o traballo do PSdeG neste sentido. Ademais, a preguntas dos medios de comunicación, Torrado confirmou que este domingo "haberá representación socialista" en Pontevedra para participar na protesta contra o proxecto de Altri en Palas de Rei e contra a fábrica de Ence.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.