Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/05/2025 | Actualizada ás 13:18
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chama á cidadanía a unha "mobilización masiva" este domingo, día 1 de xuño, en Pontevedra e Marín para denunciar o "impacto" no medioambiente de Ence e do proxecto que a pasteira lusa Altri quere instalar en Palas de Rei.
Así o fixo este sábado no municipio pontevedrés de Catoira nun acto para conmemorar os dous anos da chegada do BNG á alcaldía. Neste municipio da ría de Arousa que, en palabras de Pontón, "esta sendo ameazada" por Altri, lamentou que "esa macrocelulosa é unha auténtica bomba ambiental e pon en risco o futuro de miles e miles de postos de traballo en Galicia".
Nese contexto, fixo un chamamento para participar nas mobilizacións para dicir que Galicia "necesita industria do s.XXI" e "non empresas do pasado, como as que representan as macrocelulosas". "É lamentable que o PP sexa incapaz de atraer proxectos innovadores e de futuro. O único que quere ofrecer ao noso país son as empresas que outros non queren", subliñou en referencia a Altri.
A continuación, Pontón asegurou que Galicia "merece algo máis" que industrias "contaminantes que queren eucaliptizar" máis á comunidade e que "non significan" progreso, senón que son a "destrución" do medio natural e de miles de postos de traballo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.