Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/09/2025 | Actualizada ás 16:09
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, acusou ao BNG e ao PSdeG de "utilizar dunha forma francamente repugnante" a situación en Gaza para "crear confrontación artificial". Asegurou que o PP "non é sospeitoso de non condenar" o que está a suceder en Palestina e lembrou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificouno de "animalada".
Con todo, rexeitou que se empregue o termo "xenocidio", que considera "exclusivamente xurídico" e sobre o que deben pronunciarse os tribunais, apelando á "mesura" e diferenciando entre criticar ao goberno israelí e descualificar ao pobo xudeu. Pazos tamén cargou contra o BNG polo "boicot" ao Foro A Toxa pola participación do ex-primeiro ministro Ehud Olmert, quen —subliñou— está a criticar duramente a Netanyahu.
Ademais, reprobou a iniciativa do PSdeG e doutros parlamentarios de formar unha bandeira palestina con cartolinas nas escaleiras do Pazo do Hórreo, lembrando que as instalacións comúns non deben empregarse para "manifestacións partidistas". "Non vale todo, e alguén debería empezar a entender que hai que respectar os espazos que son de todos", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.