Minuto de silencio por Gaza en máis de 35 concellos galegos de diferentes cores políticas

Entre as cidades, Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña, Vigo e Pontevedra secundaron a convocatoria. Ourense, gobernada por Democracia Ourense, e Ferrol, co PP ao mando, evitaron sumarse ao chamamento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2025 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

Polo menos 39 concellos galegos, ademais das Deputacións da Coruña e Lugo, sumáronse esta mañá a un minuto de silencio en solidariedade polas vítimas de Gaza, convocado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Na convocatoria, a entidade lanzaba unha petición do fin do bloqueo da axuda humanitaria na fronteira da Franxa.

Entre as cidades, Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña, Vigo e Pontevedra secundaron a convocatoria. Ourense, gobernada por Democracia Ourense, e Ferrol, co PP ao mando, evitaron sumarse ao chamamento.

En declaracións aos medios, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey (PSdeG), trasladou que esta convocatoria se debe a unha "unánime condena ao xenocidio en Gaza", unha valoración similar á realizada pola rexedora de Santiago, Goretti Sanmartín (BNG). Esta segunda pediu o "alto ao lume" e insistiu no fin do bloqueo da axuda humanitaria.

Polo menos en Santiago e Lugo, houbo representación de todos os grupos políticos. Isto inclúe a concelleiros do PP, formación que, a nivel nacional, evitou utilizar o termo 'xenocidio' ata o momento, a pesar de que organizacións internacionais como a ONU xa se refiren a a ofensiva israelí sobre Gaza desta forma.

En municipios de menor tamaño, si houbo concellos cos populares ao mando que secundaron o chamamento da Fegamp. Entre os contabilizados por Europa Press a través das convocatorias publicitadas en redes sociais, só seis deles están gobernados polo PP: Arteixo, Laracha, Poio, Oroso, Ordes e Salvaterra do Miño.

Entre eles, Arteixo é o máis poboado. A través das súas redes sociais, e cunha bandeira palestina no centro da publicación, chamou á solidariedade co pobo palestino tras o "agravamento da situación da ofensiva militar despregada polo goberno de Israel".

Outros máis pequenos como Oroso e Ordes realizaron unha convocatoria cunha mensaxe máis equidistante, no que realizaban unha repulsa "enérxica" tanto ao antisemitismo como á islamofobia. Un chamamento idéntico utilizaron Monforte, liderada polo PSOE, e Muxía, gobernada por un candidato independente, fronte a unha maioría de concellos que se sumaron á condena do xenocidio.

CONDENAS DE CORUÑA E SANTIAGO AO XENOCIDIO

Neste contexto, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, subliñou que o propósito desta acción pretende ser unha "unánime condena ao xenocidio en Gaza", lembrando que con este termo hase referizo a ONU ao masacre.

"A cidadanía non podemos manternos na equidistancia e hai que tomar partido pola legalidade internacional e polos dereitos humanos do pobo palestino, que está a ser exterminado e masacrado polo Estado de Israel", expresou.

Inés Rey lembrou ao xenocidio perpetrado pola Alemaña nazi sobre o pobo xudeu para insistir en que o actual masacre é "outro xenocidio". Así, indicou que a incursión militar israelí non ten "outro obxectivo" que "exterminar a un pobo, matar a miles de inocentes e destruír un territorio para despois repartirllo con Estados Unidos".

Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, expresou a súa condena ao xenocidio, ante o que pediu un "alto ao lume" e a apertura dos corredores para a entrada da axuda humanitaria.

"Xa non é exclusivamente unha guerra inxusta e desapiadada, senón que a falta de recursos e alimentación están a facer que o conxunto da poboación de Gaza non teña ningunha maneira de subsistir e estase abocando a unha situación de exterminio", lembrou.

Neste sentido, agradeceu a presenza de representantes da Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e persoal funcionario do mesmo Concello.

Así mesmo, Sanmartín cualificou como "importante" a presenza de representantes de todos os grupos políticos municipais, preguntada a este respecto: "É importante que ningunha persoa quede atrás. Para nós ninguén pode deixar de denunciar o que está a pasar en Palestina".

POSTURA DO PP GALEGO

Pola súa banda, preguntado nunha rolda de prensa, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, asegurou descoñecer o detalle de que dirixentes populares do ámbito local participan nos minutos de silencio e, no caso do Concello de Santiago, cal era a redacción exacta da convocatoria.

En todo caso, Pazos esgrimiu que o PP "non é sospeitoso de non condenar o asasinato, o masacre e o que está a suceder en Gaza". "E creo que o propio presidente (Alfonso Rueda) foi moi contundente na cualificación usando o termo animalada", esgrimiu, antes de criticar, en todo caso, que se "force un debate artificial" en torno "a un termo que é exclusivamente xurídico" --en alusión a xenocidio--.

Minuto de silencio por Gaza en Santiago de Compostela, a 19 de setembro de 2025.
Minuto de silencio por Gaza en Santiago de Compostela, a 19 de setembro de 2025. | Fonte: Europa Press

ORGANIZACIÓNS CIVÍS PIDEN IMPLICACIÓN AO GOBERNO

Diversas organizacións da sociedade civil galega, convocadas por Compostela x Palestina, instaron ao Goberno central a "tomar as medidas necesarias" para asegurar que a Flotilla Global Summud e a súa tripulación, que partiu cara a Gaza o 31 de agosto desde Barcelona con axuda humanitaria, "cheguen sas e salvas á costa gazatí".

Ademais, denunciaron que nos últimos meses o Goberno de España "subscribiu máis de corenta contratos de compra de armas a empresas israelís por un valor superior a 1.041 millóns de euros", o que sitúa a España, tal e como sinalaron, "como o maior importador de armamento de Israel na Unión Europea".

Todos eles reclamaron ao presidente Pedro Sánchez e á vicepresidenta Yolanda Díaz "garantir" que a Flotilla poida desenvolver o seu labor de abrir un corredor humanitario para "aliviar á exhausta poboación de Palestina"; "cumprir co deber de garantir a seguridade e integridade da cidadanía e condenar publicamente o secuestro dos seus cidadáns pola entidade sionista".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta