Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/09/2025 | Actualizada ás 15:47
A líder do BNG, Ana Pontón, manifestou en Pontevedra, onde participou no minuto de silencio convocado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, debe "rectificar e condenar o xenocidio do pobo palestino a mans do Estado criminal de Israel".
A modo de argumento, proclamou que é "unha vergoña" que o presidente da Xunta "boicotee a declaración institucional no Parlamento ou as propostas que buscan o posicionamento de Galicia como país contra o xenocidio en Gaza".
Así, lembrou que o BNG levará ao pleno da semana que vén unha proposición non de lei para condenar "con rotundidade" o xenocidio. "Que máis ten que pasar para que actuemos con contundencia?", preguntouse, antes de esgrimir que é "unha indignidade e unha inmoralidade" a posición da comunidade internacional "permitindo o masacre do pobo palestino as mans do estado criminal de Israel".
A portavoz nacional emprazou a todos os gobernos a "tomar nota da indignación cidadá" e a "actuar con contundencia fronte ao xenocidio". "No BNG cremos que hai que romper todo tipo de relacións diplomáticas e económicas con Israel, que hai que illar a quen está a cometer ese xenocidio e que hai que tomar todos os medios necesarios para que se lle embarguen armas e para que a comunidade internacional actúe para frear este xenocidio. Todos nos debemos situar de maneira clara", concluíu.
COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN POLOS INCENDIOS
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este venres a creación dunha comisión de investigación parlamentaria para analizar a xestión dos incendios forestais que afectaron a Galicia este verán, con especial impacto en Ourense. Desde o parque forestal da Tomba, en Pontevedra, acusou ao PP de "abandonar o rural" e de favorecer un modelo forestal baseado na "eucaliptización ao servizo de macrocelulosas como ENCE ou ALTRI", que converte os montes nunha "polvoreira". Pontón puxo como exemplo alternativo o programa municipal Monte Vivo, que aposta pola recuperación de especies autóctonas e pola colaboración coas comunidades de montes, defendendo que investir en prevención é clave: "cada euro investido en prevención aforra dez en extinción".
Pola súa banda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores reivindicou o compromiso do Concello de Pontevedra coa recuperación forestal a través de Monte Vivo, iniciado en 2007 tras os graves lumes de 2006. Destacou que xa se plantaron máis de 400.000 árbores autóctonas e elimináronse especies invasoras, cun investimento anual de 120.000 euros no mantemento de parques forestais como A Fracha, O Pontillón do Castro e A Tomba. "O monte é futuro, é vida", afirmou, apelando á Xunta a asumir a súa responsabilidade e a deseñar un plan estrutural para a política forestal de toda Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.