Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 31/05/2025 | Actualizada ás 22:00
Dende hai xa varios anos, en praias, montes e campos de cultivo de toda España repítese de cando en cando unha escena que, a primeira vista, pode semellar inofensiva: unha persoa camiña cun detector de metais, atento ao pito que indique a presenza dun obxecto soterrado. O que a miúdo se presenta coma un pasatempo inocente ou unha busca de 'tesouros' pode agochar unha ameaza real e crecente para o patrimonio arqueolóxico. O espolio de xacementos mediante detectores de metais non é novo, pero adquiriu novas formas, máis visibles e virais, co auxe das redes sociais. Canles de YouTube e perfís en Instagram e Tik Tok amosan a influencers desenterrando moedas, pezas antigas ou restos metálicos sen ningún tipo de control nin autorización. Jaime Almansa, investigador do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro da asociación Némesis, teno claro: "Están facendo unha actividade ilegal que vai moito máis aló dun simple hobby".
"NO ÁMBITO BRITÁNICO É MOI FRECUENTE A PARTICIPACIÓN DAS COMUNIDADES EN ARQUEOLOXÍA E O DETECTORISMO ESTÁ MÁIS LIBERALIZADO"
"Eu empecei a traballar en arqueoloxía con 16 anos, na miña vila", conta Almansa, de orixe madrileña, que explica que "alí había unha lenda que dicía que entre Los Calvarines e Fuente de la Mora --o xacemento arqueolóxico en cuestión-- hai máis ouro e prata que en España toda". Esa lenda, como lembra, foi o primeiro eslabón dunha cadea que, anos máis tarde de ter traballado alí e comezar xa a universidade, o levaría a enfrontarse cara a cara cun par de 'piteiros', é dicir, persoas que usan detectores de metais para buscar restos arqueolóxicos. "Ese foi o meu primeiro encontrón co problema do espolio", relata. E, dende entón, a súa carreira foi pouco a pouco ligándose á loita contra este fenómeno. Con estancias de investigación no estranxeiro --como o seu paso por Inglaterra, onde o detectorismo está regulado baixo un sistema máis liberal--, Almansa comprendeu que "non todo o mundo sae roubar", pero que a permisividade xera moitos matices perigosos.
"En Inglaterra cursei unha materia chamada 'arqueoloxía pública', que estuda as relacións entre arqueoloxía e sociedade, porque no ámbito británico é moi frecuente a participación das comunidades en arqueoloxía e o detectorismo está liberalizado, calquera pode facelo legalmente", explica. Para el isto foi un shock, que calquera puidese coller un detector de metais e saír con el buscar pezas arqueolóxicas. "Era un modelo completamente diferente ao español, onde existen máis restricións", sinala. Nesa dicotomía, Almansa foi creando a súa propia idea arredor deste asunto e, de volta en España, funda a súa pequena editorial, saca a obra 'El futuro de la arqueología en España' e, a raíz dela, coñece a Ignacio Rodríguez Temiño e edita para el a obra 'Indianas Jones sin futuro', que a día de hoxe "tense convertido na Biblia do espolio en España". Como el mesmo indica, Rodríguez Temiño "é unha das persoas máis comprometidas coa loita contra o espolio, tanto administrativamente desde a Xunta de Andalucía como a nivel de investigación".
"PODEMOS DIFERENCIAR TRES TIPOS DE DETECTORISTAS, SENDO OS QUE CAUSAN GRAVES DANOS OS ESPOLIADORES PROFESIONAIS, QUE BUSCAN ENRIQUECERSE"
Os detectores de metais chegan a España nos anos 70, procedentes dunha orixe militar, e, para os 80, xa se converteran nun problema moi grande. A día de hoxe véndense porque son unha ferramenta legal e moi útil en moitos ámbitos --dende os controis de seguridade en aeroportos ata a industria alimentaria ou a minaría--, pero tamén hai tendas que fan promoción directa da súa utilidade para buscar 'tesouros'. "Realmente no mundo do detectorismo tamén hai xente que ten unha afección inocua, que sae buscar obxectos porque lle gusta estar en contacto coa natureza, compartir con amigos...", apunta o investigador do CRETUS. O problema? Que "hai moita outra xente que si está facendo esa actividade co obxectivo de obter un rendemento económico", denuncia. Así, en España, segundo explica, pódense distinguir tres tipos de usuarios de detectores: "os que chamados de 'praia e alta montaña', que son inofensivos e só queren desfrutar da súa afección; os de 'interior', que non teñen un ánimo de lucro, pero que ás veces atopan pezas e fan pequenas coleccións persoais; e os 'espoliadores profesionais', que forman parte de redes criminais organizadas".
Estes 'espoliadores profesionais' "saben o que buscan, saben onde está e véndeno no mercado negro co obxectivo de enriquecerse, polo que estamos falando dun tráfico ilícito", alerta. E son un problema para todos, como advirte o investigador, pois "perxudican aos profesionais da arqueoloxía, pero tamén á sociedade en xeral e aos afeccionados do detectorismo que o único que queren e saír a pasalo ben ou mesmo colaborar con proxectos arqueolóxicos". Pero a raíz deste problema para Almansa tamén se atopa nunha cultura que glorificou o achado individual: museos que priorizan a estética da peza sobre o contexto, o que provoca que esas pezas arqueolóxicas rematen adquirindo un certo valor económico, relacionado tamén co coleccionismo.
"COA ARQUEOMETRÍA FORENSE TRATAMOS DE BUSCAR UNHA ESPECIE DE RELOXO MICROBIANO QUE NOS PERMITA DICIR CANDO SAIU UNHA PEZA DUN XACEMENTO"
Jaime Almansa forma parte da asociación Némesis --na que tamén se atopa Rodríguez Temiño--, nada no ano 2017, que busca abordar o espolio dende múltiples frontes: legal, técnica, educativa e mesmo tecnolóxica. "Colaboramos con Garda Civil e Fiscalía, desenvolvemos metodoloxías de valoración de danos, propostas de regulación máis xustas e agora estamos explorando tamén a arqueometría forense", resalta. Este último proxecto é particularmente ambicioso e será posible grazas á súa contratación no CRETUS. Trátase de aplicar análises científicas ás pezas espoliadas para determinar datos crave como a súa procedencia xeográfica e o tempo que pasou dende que foron extraídas do xacemento ata que se puxeron no mercado.
"Estamos traballando con comunidades microbianas que habitan na cerámica antiga e que van mudando co paso do tempo, coa idea de crear unha especie de reloxo microbiano que nos permita dicir se unha peza saiu hai 5 meses ou 10 anos do xacemento", explica. Esta liña de investigación busca resolver un dos maiores problemas xudiciais en casos de tráfico ilegal: a imposibilidade de demostrar a orixe e data do espolio. "Na operación 'Tertis' detiveron a 52 persoas e requisaron 300.000 pezas, pero, como non se puido acreditar de onde viñan nin cando saíron do xacemento en cuestión, todo quedou en nada, tiveron que devolver todas as pezas, e eles quedaron en liberdade", lamenta Almansa. Con esta nova metodoloxía, o obxectivo é rematar con esa impunidade e proporcionar probas científicas que respalden as acusacións nos tribunais.
"HAI QUE PROTEXER OS XACEMENTOS, PERMITIR QUE OS ARQUEÓLOGOS TRABALLEN E QUE OS AFECCIONADOS POIDAN SELO SE CUMPREN COA LEI"
A pesar do panorama actual, Almansa non aboga por unha prohibición total. A súa proposta baséase no equilibrio: "Hai que protexer os xacementos, permitir que os arqueólogos traballen e que os afeccionados poidan saír con seguridade, se cumpren coa lei". De feito, algúns detectoristas colaboraron en investigacións científicas e mesmo hai propostas compartidas para fomentar unha práctica responsable. Dende Némesis tamén apostan por medidas de protección activa nos xacementos que os doten de ferramentas que permitan monitorar dunha forma máis efectiva o que neles acontece. Pero amósase consciente de que "temos decenas de miles de xacementos arqueolóxicos só en España, co cal é practicamente imposible estar en todas partes todo o tempo". "Os máis importantes e grandes si están protexidos, pero a maioría non o están, e os espoliadores están atentos", advirte.
Na súa loita contra o espolio arqueolóxico, o equipo de Almansa impulsou diversas liñas de traballo que van dende a prevención ata a investigación forense. Entre os proxectos máis ambiciosos destaca un que quedou ás portas de obter financiamento europeo: un sistema de monitorización activa que detectaría o sinal dos detectores de metais en xacementos protexidos, simulando unha presenza policial virtual. "Era unha proposta moi ben valorada, pero ao quedar terceiros non puidemos obter financiamento para desenvolvela", lamenta. Outro dos piares que considera clave para combater o espolio tamén é a colaboración entre institucións, tanto a nivel nacional como internacional. En España, segundo apunta, hai unha certa coordinación entre corpos como a Garda Civil, a Fiscalía ou as administracións culturais, pero, "cando pasamos a nivel europeo, todo se complica". Operacións como Pandora --un esforzo anual de Europol contra o tráfico ilícito de patrimonio-- demostran que existe vontade, pero tamén unha enorme dificultade para que todos os actores implicados falen e se entendan entre si.
Chegados a este punto, subliña tamén que un dos grandes escollos legais na loita contra o espolio é a falta dun criterio claro e obxectivo para valorar os danos ocasionados polos espoliadores. "Agora mesmo, unha peza pode ter un valor de poucos miles ou de centos de miles de euros, segundo a quen lle preguntes", denuncia Almansa. Esa arbitrariedade xera inseguridade xurídica tanto para quen espolian como para quen intentan protexer o patrimonio. "Ante unha mesma peza, cando se trata dun espolio que causou un dano, valórase moi alto, pero, cando hai que dar unha compensación por un achado casual, valórase moi baixo", exemplifica. Para resolvelo, dende Némesis están desenvolvendo unha metodoloxía de valoración fundamentada en evidencia científica e criterios técnicos: custo de reposición, escavación, conservación e análise. "Queremos que, con catro datos e un criterio profesional, sexa posible estimar un valor xusto e claro", sinala.
"HAI YOUTUBERS QUE ESTÁN ARRASANDO EN VISUALIZACIÓNS REALIZANDO ESTA ACTIVIDADE TOTALMENTE ILEGAL, AMOSÁNDOA ABERTAMENTE"
Un dos factores que máis preocupan aos investigadores como Almansa é a normalización do espolio a través das redes sociais. Cada vez é máis común atopar vídeos de youtubers ou tiktokers que empregan detectores de metais como parte do seu contido. "Hai algúns que están arrasando en visualizacións e o que están a facer é unha actividade totalmente ilegal, amosándoa abertamente", denuncia. Aínda que algúns escúdanse en gravacións en países nos que o detectorismo si está permitido, como Inglaterra ou Polonia, xerando confusión sobre a legalidade desta práctica en España de cara ao público xeral. "A xente non o percibe como un problema, veo coma un entretemento, pero non pensa no dano real que se está facendo ao patrimonio", advirte. Mesmo cando se denuncian estas prácticas, como aconteceu xa con algún destes youtubers, resulta moi complicado que o xuíz poida actuar se non se pode demostrar que o vídeo foi gravado en territorio español.
Sen embargo, o risco de deixar as portas abertas ao espolio segue latexante, pois en momentos de dificultade económica, moitas persoas lánzanse ao detectorismo como unha maneira desesperada de obter ingresos. "Hai xente que en circunstancias normais non sae co detector, pero se queda no paro, si se anima a ir buscar algunha peza", advirte Almansa. "Un par de moedas non dan para moito, pero se atopan algo valioso, poden sacar un bo feixe de cartos", sinala. Ademais, nestes casos, un problema engadido é que moitas veces esas pezas que atopan nin sequera alcanzan o valor suficiente para detonar unha investigación policial. "Se as operacións policiais van custar máis que o valor do material incautado, non compensa poñelas en marcha", lamenta o investigador.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.