Por Europa Press / Redacción | Bueu | 03/06/2025 | Actualizada ás 13:27
O pleno municipal de Bueu (Pontevedra) reprobou o luns á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, debido á "mala actuación" cos veciños da Illa de Ons. O PP abstívose na votación.
A moción foi presentada polo concelleiro non adscrito Daniel Chapela --quen ata novembro de 2024 foi coordinador da comisión de Cultura do PPdeG-- e sumou o apoio das dúas formacións que compoñen o goberno local: BNG e PSdeG-PSOE.
O concelleiro nacionalista Xosé Leal xustificou o voto favorable a esta proposta: "Desde o goberno sempre estivemos e estaremos á beira da veciñanza e queremos que se convoque a Mesa por Ons de maneira inminente". En concreto, máis aló de reprobar á conselleira, que visitou a illa o pasado 22 de maio, o texto da moción relata que a última reunión deste órgano foi en maio de 2020 e que polo momento segue sen haber data prevista.
O pleno de Bueu arrincou ás 21.00 horas e estendeuse ata pouco antes da media noite, nun salón cheo coa veciñanza de Ons. Antes do debate dos concelleiros, interveu a presidenta da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons, María José Pérez, quen reclamou "un acceso digno" ás súas casas e remarcou o "trato denigrante da conselleira" cara a elas, "pois nin tan sequera quere sentar a falar".
A reprobación prodúcese dúas semanas despois de que Vázquez, xunto co conselleiro de Cultura, José López Campos, visitasen a illa para anunciar a rehabilitación da capela de San Xaquín.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.