Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2025 | Actualizada ás 13:09
O exame de Historia de España da PAU (Probas de Acceso á Universidade) suscitou numerosas críticas entre o alumnado e o profesorado galego. Docentes de varios centros educativos galegos presentaron unha queixa polo primeiro exercicio, que era de carácter competencial.
A pregunta expuña aos alumnos que imaxinasen que traballan no arquivo dun concello e que deben corrixir un texto elaborado por ChatGPT sobre o Imperio Español no século XVI destinados a uns paneis explicativos de diferentes seccións. En concreto, o parágrafo é o seguinte: "Durante o reinado de Felipe II a política exterior estivo orientada a manter a hexemonía española, o que obrigou a desenvolver un importante esforzo militar. A rebelión de Portugal foi o principal conflito peninsular, provocado pola implantación en territorio luso das institucións e leis de Castela. Ademais, a tradicional rivalidade exterior con Francia e o imperio turco acompañouse de novos problemas, como o enfrontamento coa raíña inglesa Isabel I, que motivou a Empresa de Inglaterra. Dita iniciativa prevía a invasión da illa mediante unha Gran Armada que debía achegarse a Escocia para apoiar un levantamento contra os ingleses, o que permitiría o desembarco das tropas españolas e o seu avance cara a Londres".
Tras o exame, que se realizou o martes, un grupo de docentes remitiron á Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) un escrito no que mostraban a súa desconformidade por varios motivos. O primeiro, que o enunciado non achega o número de erros a detectar e corrixir, tal e como si recollía o borrador que publicou a PAU a comezo do curso. Ademais, a "incorrecta redacción dos erros afástase das orientacións establecidas polo grupo de traballo" transmitidas desde o inicio de curso e entraba "en puntualizacións moi concretas que non se corresponden co nivel de contidos" en 2º de Bacharelato para o primeiro bloque do exame.
Tamén consideran que o texto empregaba vocabularios e contidos "que corresponde máis a un nivel universitario e que non aparece nos manuais de uso habitual empregados nesta materia e en toda a etapa de secundaria obrigatoria e posobligatoria". Esta non é a primeira queixa contra un exame da PAU galega no primeiro ano do novo modelo, xa que tamén a proba de Bioloxía xerou malestar entre estudantes e profesores desta área pola súa esixencia. A CiUG respondeu que os contidos estaban dentro do currículo e enmarcou as críticas na novidade do exame.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.