“Os galegofalantes aínda carecemos dos mesmos dereitos que os castelanfalantes”

Emilio Xosé Ínsua non esquiva preguntas. Cuestionado sobre o papel da política no galego, cuestiona o uso “partidista” tanto do PP por asumir o delirante discurso de Galicia Bilingüe como “certo segmento do nacionalismo” e as súas “correas de transmisión”. Autor dunha nova monografía sobre as Irmandades da Fala, asegura que aínda perviven os prexuízos que motivaron o seu nacemento e pide a “tirios” e “troianos” que reflexionen sobre a experiencia da xeración que introduciu o galego na escola. O impacto do 'decretazo', as escolas Semente e a visión da lingua entre os seus alumnos son outros temas desta entrevista.

Por Manuel Vilas | Vilanova de Arousa | 01/06/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Emílio Xosé Ínsua López (Viveiro, 1967) é un dos estudosos da Literatura Galega moderna máis prolíficos. Escritor, poeta e profesor de galego no ensino público, ao longo da súa traxectoria, participou en numerosas organizacións (cofundou a Mesa pola Normalización e colaborou en ADEGA, Letras da Cal, STEG, etc.).  

Emílio Xosé Ínsua
Emílio Xosé Ínsua | Fonte: Wikimedia AELG

Baia Edicións acaba de sacar do prelo o seu quinto ensaio publicado A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931); un completísimo volume que, co gallo do seu centenario, desmiúza o percorrido ideolóxico e político das persoas que foron protagonistas do nacemento da defensa organizada do idioma e do galeguismo político. 

As Irmandades da Fala é un tema clásico na historia do estudo do nacionalismo galego. Que aporta de novo a súa monografía?

Intenta achegar un relato completo, mesmo diría exhaustivo, da traxectoria das Irmandades, non centrado unicamente no plano político (máis que ben estudado xa por Beramendi, Núñez Seixas, Vázquez Souza, Antón Capelán, Xavier Castro, etc.), senón abranguendo tamén a reivindicación idiomática, o labor doutrinario e o inmenso traballo cultural e xornalístico que despregaron.

En certos capítulos corríxense algunhas interpretacións mistificadoras preexistentes e noutros achéganse dados descoñecidos ata o de agora, que permiten interpretar ou entender máis cabalmente a dinámica interna das Irmandades nalgúns instantes digamos “chave”. En todo caso, trátase dunha obra con evidente vocación enciclopédica, unha monografía que bebe de moitas fontes e tenta explicar a fondo a historia desta entidade tan decisiva na historia do país.

Portada de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala
Portada de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala | Fonte: Baía Edicións

Unha das iniciativas chave das Irmandades foi a creación das "Escolas do Insiño en Galego" para rematar coa marxinación do idioma no sistema educativo. Hoxe son consideradas un exemplo inspirador por varios colectivos organizados ao redor das escolas Semente. Son comparábeis as situacións daquela e a de hoxe, onde o galego é parte do currículo oficial?

As “Escolas do Ensiño” foron unha iniciativa tan ben orientada como, no entanto, limitada no seu decorrer: só existiron na Coruña, só daban traballo a dous docentes (Casal e Acuña) e, por último, só albergaron uns escasos douscentos rapaces ao longo de varios anos. Eran, nese sentido, unha pinga de auga no mar educativo desa época. Serven hoxe, sobre todo, como referente simbólico, como proba evidente de que era posíbel, daquela coma hoxe, outro modelo de ensino máis sensíbel á lingua e ao país que o que existía oficialmente.

Paréceme ben toda iniciativa privada no ámbito escolar que dea relevancia ao uso e aprendizaxe da lingua de noso, mais tamén entendo que o ideal a que debemos aspirar como colectividade é que o sistema público de ensino outorgue ao galego o lugar que lle corresponda como lingua propia do país, en todos os colexios e para todo o alumnado. A nivel particular, como docente e como afiliado do STEG, esa é a miña loita.

Visto con perspectiva histórica, acertaron as Irmandades a disolverse no seo do Partido Galeguista?

Non creo que interese tanto un xuízo de valor sobre se as Irmandades “acertaron” ou non disolvéndose no seo do PG (calquera opinión ao respecto chocaría coa evidencia empírica de que o fixeron, efectivamente), como, pola contra, unha análise pormenorizada, que é a que intentei plasmar nos capítulos correspondentes do libro, sobre como afrontaron as Irmandades, debates incluídos, ese período tan intenso politicamente da “Dictablanda”, a proclamación da 2ª República, as eleccións a Cortes Constituíntes, o debate constitucional republicano, etc. 

Na VI Asemblea, en abril de 1930, as Irmandades non se deron posto de acordo sobre a liña estratéxica a seguir. O grupo coruñés, o máis importante e numeroso con A. Villar Ponte, Ánxel Casal, Alfredo Somoza, Vítor Casas, etc., apostaba por facer que o galeguismo participase da O.R.G.A. para loitar pola república federal, entanto outros sectores, liderados por Castelao, Risco, Otero e Paz Andrade receaban da definición republicana, desconfiaban do liderado de Casares Quiroga e apostaban organicamente por constituír unha miríade de agrupamentos especificamente nacionalistas, que só darían confluído finalmente en decembro de 1931.

Isto que relata garda similitudes co que pasa hoxe ...

O nacionalismo galego vive hoxe debates e diferenzas estratéxicas que xa se deron, mutatis mutandi, nesa conxuntura histórica e tanto “tirios” como “troianos” deberían reflexionar moito sobre esa experiencia. Uns, porque a “autónoma” O.R.G.A. acabou engrosando a Izquierda Republicana de Azaña e o seu líder, Casares Quiroga, facendo obstrucionismo do plebiscito estatutario. Outros, porque en momentos históricos decisivos a súa “pureza” pode derivar en irrelevancia política, cousa ben negativa para o país, e porque a propia confluencia do Partido Galeguista na Fronte Popular, en febreiro de 1936, non puxo en cuestión para nada a firmeza do seu ideario nacionalista nin a súa independencia orgánica.

No seu volume vostede narra o "conflito soterrado" entre a xeración que lanzou as Irmandades e os vellos galeguistas da Real Academia. Por que se produciu? Foi un conflito xeracional ou ideolóxico?

As Irmandades constitúen, de facto, un intento feliz de superación das insuficiencias e das contradicións entre teoría e praxe do rexionalismo finisecular. No caso concreto da Academia, cómpre dicir que desde moi axiña, tras a polémica que rodeou a súa fundación, ficou neutralizada como axente galeguizador. Como forma de “protexerse”, deu entrada no seu seo a moitos individuos de nulo compromiso coa lingua, investiuse do título de “Real” nunha cidade de alma republicana como era A Coruña, publicou o seu Boletín en español, etc. As Irmandades, coa súa aposta polo monolingüismo e coa súa coherencia entre discurso e praxe “retrataron” todas esas insuficiencias da Academia. Numerarios como Casás Fernández, Alejandro Barreiro Noya, Jaime Solá ou Fernando Martínez Morás, etc. significáronse ademais como detractores das Irmandades en non poucas ocasións.

Foi sorprendente para min constatar o absoluto desencontro que se produciu entre Murguía e Antón Villar Ponte cando este esixiu do daquela presidente da Academia un pronunciamento público favorábel á mobilización catalanista de xaneiro de 1916, en demanda da oficialidade. O silencio de Murguía determinará que as Irmandades nazan sen o seu concurso e que nunca colabore nin en actos nin en publicacións súas, a diferenza dos seus máis fieis discípulos, como Lugrís, Carré, Tettamancy, Vaamonde… 

Posteriormente, é ben significativa a escasa presenza de académicos entre os asinantes do Manifesto de Lugo ou a actitude de entusiasmo dalgúns deles (Carré Aldao, Eladio Rodríguez, etc.) cara á ditadura de Primo de Rivera.

Non hai dúbida que a defensa do idioma foi clave para o nacemento do nacionalismo como proxecto político organizado. Ao longo da súa historia, a defensa do idioma sempre foi un dos eixos das súas reivindicacións. Con todo, hai quen sostén que esta defensa a ultranza da lingua puido ter consecuencias sociais contraproducentes para a promoción do idioma, como a nai que quere tanto a un neno que o afoga de tantos abrazos. Cal é a súa opinión sobre isto? 

“Política” é todo o que afecta á “polis” e a lingua, que é un feito social e cumpre entre moitas outras funcións a de identidade, non pode deixar de ser por iso mesmo algo “político”. As propias Irmandades, que comezaron como unha entidade máis ben de tipo cultural, axiña comprenderon a necesidade de afrontar tamén desde a política, no sentido máis nobre da palabra, as súas reivindicacións e demandas.

A defensa da lingua galega ten sentido desde o mesmo momento en que o idioma propio de Galiza foi condenado historicamente a unha marxinación intensa que aínda non está hoxe corrixida de todo, nin moito menos, e tamén desde o punto e hora en que os galegofalantes non gozamos no día a día dos mesmos dereitos e oportunidades de uso lingüístico que os castelánfalantes na nosa propia sociedade. Moitas das causas polas que loitaban as Irmandades hai agora cen anos seguen infelizmente en pé.

Que determinados sectores fixeron e fan un uso “partidista” da lingua é un feito indiscutíbel. Fíxoo Núñez Feixó dando por bo o discurso delirante de certas entidades, capaces de deformaren a realidade ata o punto de colocaren o galego como lingua “imposta” en Galiza, que xa é dicir; pero fíxoo tamén certo segmento do nacionalismo, político e sindical, convertendo en meras correas de transmisión algunhas entidades que naceran coa vocación de xuntar toda caste de persoas amantes da lingua galega para pular pola normalización.

Melloraría a saúde do idioma se un pacto saca a súa promoción do debate político?

Non acredito nun pacto para “sacar” o galego do debate político, senón máis ben nun debate e mais nun pacto político, o máis amplo e xeneroso posíbel, para tirar o galego da situación de devalo en que vive actualmente.

Vostede é profesor no ensino secundario. Os mozos da actualidade perciben o galego como parte da súa identidade que cómpre conservar ou veno unicamente como unha ferramenta de aprendizaxe do sistema escolar?

Non me atrevo a dar unha resposta categórica, porque entre o meu propio alumnado vexo que hai de todo, nese sentido. O que si percibo é que ningún discurso, nin o identitario, nin o pragmático/utilitario, ten capacidade “per se” en exclusiva para orixinar mudanzas. Á mocidade fáltanlle espazos e ferramentas básicas de socialización en galego e tamén padece o efecto de prexuízos novos que foron xurdindo nos nosos días, como a identificación mecanicista entre lingua e determinadas opcións partidarias ou esa certa “hostilidade ambiental” entre os seus iguais que rodea ás mozas e mozos neofalantes. 

O polémico "decreto do plurilingüismo" leva en vigor case un lustro. Coa perspectiva que dan os anos e tendo en conta a súa experiencia, até que punto prexudicou o galego nas aulas?

Ese decreto está a pasar xa aos manuais de sociolingüística e aos libros de texto feitos con rigor como a máis grave agresión perpetrada contra a lingua galega por un gobernante posterior á ditadura de Franco e como o primeiro obstáculo a remover, sen dúbida, para unha nova política lingüística imprescindíbel que volva colocar a normalización de usos como horizonte e que combata os prexuízos que ese decreto non fixo máis que alimentar.

E que anda a ler Emilio Xosé Ínsua esta primavera?

Unha novela da escritora de orixe palestina Randa Jarrar titulada Un mapa do lar, a última de Xavier Queipo (Os Kowa), unha noveliña de Francisco A. Vidal escrita xa hai bastantes anos que me interesa pola ambientación mariñeira e cambadesa (O botín da inmortalidade) e o poemario de Carlos Negro Masculino singular.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 37 comentarios

14 Salvador Otero Duran

Indignante como galego sintome decepcionado

13 galegoexiliado

Onte fun a unha oficina e o funcionario que me atendeu iba vestido de español, con traxe e corbata, e sin boina. Que verjuenza, nin que estivéramos en Madriz.

12 Balbino Fernández

Hai tanto facherío lendo o Galicia Concidencial? Que pobres se precisan repetirse e replicarse neste pequeno medio para espallar as suas misérias racistas e supremacistas! A outra posibilidade é noxenta: sería moi triste que para animar o debate desde Galícia Confidencial se use e abuse de algo tan sensible como a língua. Sería noxento para un médio que se di galego. E fai sospeitar tanto abuso!

11 nostrus

O galego non foi introducido na ensinanza ata fai unhos cantos anos, non foi oficial ata a Constitucion do 78, hai moitos galegos que morreron sin chegar nunca a falalo........Enton podemos chegar a conclusion de que "o galego é a lingua propia de Galicia" é unha falacia e tan so é unha lingua de Galicia para que a use todo aquel que queira na dose que queira inda que o mundiño nacionático a considere a "única e verdadeira". Unha lingua non pasa de ser unha farramenta de comunicacion ao servicio das personas. Os nacionáticos pódenlle rezar canto queiran ao galego, pero os demais non estamos obrigados.

1 teutonio

joder macho, pero de verdade non te aburres con estas barrenadas??, pero escríbeas nun word e logo pégaas que así afórraste o traballo de escribir o mesmo sempre.

2 Biritu

teutonio, deixao estar. O nostrus insiste constantemente nas súas idioteces porque fronte a argumentos de defensa dun idioma en pé de igualdade con outros idiomas, os mononeuronales coma él non teñen unha defensa lóxica, porque sinxelamente é moi difícil que a haxa. Entón dedícanse a autofanatizarse e a terxiversar a realidade. Xa ves que durante un tempo había moita xente que chegaba a creerse o de "es que nos están imponiendo el gallego!". Menos mal que cada vez quedan menos coma nostrus

10 Yoshi

Con leer que este individuo fue uno de los fundadores del chiringuito upegallo trincasubvenciones llamado A Mesa ya podemos darnos una idea de la catadura moral e intelectual del sujeto. En fin, que necesitan dinero porque las cuotas no dan para tanto vividor del gallego.