Temas: AUTOMóBIL XUNTA

Galicia quere competir por acoller a fábrica que Tesla Motors planea montar en Europa

A Xunta recoñece o seu interese por optar á posible instalación dunha planta de coche eléctricos da compañía californiana. Por outra banda, o Executivo galego non baralla outro "escenario" que non sexa a continuidade das plantas de Alcoa en Galicia.

Por E.P. | Santiago | 01/06/2016 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, manifestou que a Xunta porá "todos os instrumentos" ao seu alcance para a posible instalación dunha fábrica de coches eléctricos da marca californiana Tesla Motors en Galicia, tras o interese amosado da empresa por implantarse en Europa.

Factoría de Tesla Motors.
Factoría de Tesla Motors.

A preguntas dos xornalistas, coincidindo coa reunión que mantivo coa Asociación de Emprendedores e Empresarios de Galicia (Ascega), Conde indicou que "sempre que haxa unha oportunidade de captar investimento, Galicia estará aí".

No caso concreto de Tesla, dixo que hai "distintas iniciativas" que se están a impulsar a través do Instituto de Comercio Exterior (ICEX) e que, no caso de Galicia, a través do Igape, se está "en coordinación" con este organismo. Ademais, manifestou que a Xunta está a "traballar a través de axentes de colaboración para identificar se realmente neste caso hai unha oportunidade".

De existir, dixo que a Xunta de Galicia "porá todos os seus instrumentos" para poder atraer ese investimento. Con todo, apelou á prudencia para ver primeiro "se hai esa oportunidade de cara ao futuro".

ALCOA

Por outra banda, tras a reunión mantida este martes cos traballadores das plantas de Alcoa en Galicia, dixo que o Executivo galego non baralla "ningún tipo de escenario" que non sexa a continuidade das fábricas da Coruña e San Cibrao (Lugo).

"Non traballamos nun escenario distinto que a continuidade de Alcoa de cara ao futuro", indicou o conselleiro. Ademais, reiterou que o Executivo galego e os traballadores están a buscar que haxa esa continuidade e "calquera tipo de medida" que poida garantila. Mentres, sobre a posible venda das fábricas, manifestou que haberá que facer "un seguimento desta redefinición estratéxica que está a formular Alcoa".

Temas: AUTOMóBIL XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta