Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2025 | Actualizada ás 17:03
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou a suspensión, de forma cautelar, das autorizacións de construción doutros tres parques eólicos situados nas provincias de Pontevedra e da Coruña. En concreto, trátase do parque de O Sobredo, en Arbo; Monte Xesteiros, na Estrada, e Patiñeiro, en Vimianzo. A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo conclúe que concorren elementos que acreditan, polo menos indiciariamente, "a presenza de valores ambientais que quedan expostos polas obras a un dano significativo".
Ademais, o TSXG engade que as obras, no caso dos parques de Monte Xesteiros e Patiñeiro, "pola súa propia natureza e a interacción coa contorna, son susceptibles de causar un grave dano a valores ambientais sensibles que, sendo sinalados previamente por informes rigorosos e imparciais incorporados polo Ministerio de Transición Ecolóxica á DAE, que desaconsella a instalación de novos parques eólicos, e sinalándose ademais a presenza de especies vulnerables ou en perigo de extinción, xeran un conxunto de indicios probatorios".
Os maxistrados subliñan que, obrando co principio de cautela, "ante a simple hipótese de que ese dano poida ser de difícil ou imposible reparación -algo que non é posible demostrar cunha proba plena ata que o dano está producido-", opten por apreciar "a concorrencia do orzamento fundamental da tutela cautelar, que pode facer ineficaz a sentenza que no seu día se dite, se o dano está irremediablemente causado".
Nos autos, a Sala incide en que resultou indiciariamente acreditado que existen elementos sensibles do ecosistema que se van a ver afectados de forma relevante (afección a especies de flora ou fauna que están especialmente protexidas por estar en estado de ameaza ou perigo de extinción).
INTERESES ECONÓMICOS
Tamén indican que "a ponderación favorable de intereses económicos como prevalente é extremadamente excepcional, só admisible cando compromete de forma esencial a economía da nación ou produce un dano particularmente intenso". Así, o TSXG sinala que o Tribunal Constitucional "establece no xuízo de ponderación en sede cautelar a preeminencia da protección ambiental como preferente sobre outros intereses aducidos, que, aínda que lexítimos, non resultarían irremediablemente afectados, como si sucedería cos valores ambientais que se tratan de salvagardar".
REVISIÓN PLANTA SOGARISA
Por outra banda, a Xunta revisou de oficio a autorización ambiental integrada (AAI) do Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia (CTRIG), no municipio das Somozas, para modificar as condicións de emisións dunha das súas plantas (a denominada EVOX) e engadir un novo apartado referir# a a calidade do aire co obxectivo de reforzar a seguridade do funcionamento da instalación.
Esta revisión prodúcese no marco das accións iniciadas pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostenibilidade despois do incidente rexistrado, no mes de marzo, no CTRIG que obrigou a suspender preventivamente a actividade asociada á planta EVOX.
Despois das inspeccións realizadas ao centro e á vista do informe solicitado en materia de calidade do aire, que propón novos condicionantes e unha revisión dos límites e do plan de vixilancia establecido para este foco de emisión do CTRIG, a DXCAS acordou revisar a autorización orixinal, dando trámite de audiencia ao titular para que puidera presentar os documentos e alegacións que considerara oportunos antes de resolver.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.