O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira avanza programación

Artistas emblemáticos do panorama folk nacional e internacional compartirán escenario con novos talentos do 9 ao 13 de xullo. Ortigueira transformarase, un ano máis, no epicentro mundial da música celta cun programa que reúne grandes nomes da cultura folk e celta.

Por Galicia Confidencial | Ortigueira | 24/06/2025 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira vén de anunciar os concertos que encherán de música folk, celta e tradicional a vila durante 5 días.

Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira (2024). Foto cedida pola organización.
Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira (2024). Foto cedida pola organización.

Dende o mércores 9 ata a madrugada do domingo 13 de xullo, o escenario Estrella Galicia contará con preto dunha vintena de artistas procedentes das diferentes Nacións Celtas. Os concertos comezarán ese mesmo día cos vigueses Pelepau, seguidos da histórica banda bretoa Gwendal, que celebra os seus 50 anos enriba dos escenarios. Pechará a primeira noite Xosé Liz, presentando o seu novo proxecto Indala.

A xornada do xoves 10 estará protagonizada principalmente polos novos talentos seleccionados no Concurso Runas 2025. Abrirá a noite o dúo Darach, seguido do trío Rae, Dalama & Carballido e, por último, a formación madrileña Xara. O cuarteto escocés Dallahan será o encargado de pechar esta segunda noite.

Escola de Gaitas de Ortigueira, como é tradición, será a encargada de abrir a noite do venres, pero esta vez farao cun concerto histórico cheo de sorpresas polo seu 50 aniversario. Desde Canadá, unha das grandes apostas deste ano, La Bottine Souriante, regresa ao Festival despois de 16 anos para ofrecer o que será o único concerto da formación canadense en Europa neste 2025. Pechará o venres o grupo ferrolán Böj, gañador do Concurso Runas no 2016, que volverán ao escenario para presentar o seu novo disco.

Dúas bandas cunha traxectoria internacional indiscutible compartirán escenario o sábado 12: a bagad bretoa Kevrenn Brest Sant Mark regresa a Ortigueira oito anos despois da súa última actuación no Festival, seguida dunha cita ineludible con Milladoiro, que celebra 45 anos como referentes da música folk celta galega. Chegará o momento para os gañadores do Runas 2024, os galegos Alana, que precederán á banda anglo-irlandesa Flook, quen celebrará o seu 30 aniversario no Festival. Pechará a noite máis longa do Festival David Pasquet 3, unha aposta orixinal pola mestura entre música tradicional bretoa e electrónica.

A xornada do domingo correrá a cargo de bandas galegas como Tiruleque Breo, e do gaiteiro asturiano José Manuel Tejedor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta