Galicia gastou máis de 1,7 millóns de axudas da UE en tanatorios

Unha parte relevante dos cartos de Bruxelas para modernizar o rural acaba na industria funeraria. Até 13 casas mortuorias e unha clínica de tanatoestética recibiron importantes subvencións dende 2009.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 14/06/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Galicia está a destinar unha importante parte dos fondos que recibe da UE para modernizar o rural a construír tanatorios. Segundo datos oficiais compilados por GC, AGADER -o ente da Xunta que xestiona as axudas europeas para o rural- aprobou subvencións para 14 casas mortuorias nos últimos seis anos. 

Autoridades, como o daquela delegado da Xunta Rogelio Martínez, participan na inaguración dun tanatorio en Ourense
Autoridades, como o daquela delegado da Xunta Rogelio Martínez, participan na inaguración dun tanatorio en Ourense

Os fondos do Programa Leader destinados dende 2009 a este fin suman en total máis de 1.769.806 euros. Hai tanatorios subvencionados con cartos para o desenvolvemento rural por toda a xeografía do país.

Tanatorios subvencionados por toda Galicia

Así, entre outros lugares, concedéronse axudas para Servizos San Roquiño (Monfero), Funeraria Martínez (Oroso), Tanatorios Pombo Vázquez S.L (Serra de Outes), San Campio Ayón, S.L (Lousame), Manuel Iglesias Calviño (Val do Dubra), Gonzalo Tome Sieira (Negreira), Funeraria San Juan de Touro (Touro), Valiño Mosteiro (Santiso), Pompas Fúnebres de Arosa S.L (Catoira), Pompas Fúnebres de Tomiño (Tomiño), Pompas Fúnebres A Cañiza (A Cañiza) e Tanatorio Xirón (Becerreá). Nalgún caso o que se subvencionou xa non foi a casa mortuoria, senón a adaptación dun local para tanatoestética, é dicir, para acicalar aos defuntos. Tal é o caso de Funerarias Lamas de Sarreus, que recibiu máis de 20.600 euros para este fin.

As axudas do Programa Leader canalízanse a través dos chamados Grupos de Desenvolvemento Rural. Neles colaboran administracións, asociacións e a iniciativa privada. O certo é que a maioría dos que tramitan axudas, uns 30, non exisitía até a posta en marcha do Programa Leader. 

Son numerosos os exemplos nos que o tanatorio foi a única iniciativa subvencionada -caso de Catoira- ou a que recibiu a maioría dos cartos, caso por exemplo de Lousame, parte do GDR de Noia.

Modernizar o rural

Ten sentido adicar fondos de Europa a construción de casas mortuorias? Pode haber opinións diversas ao respecto, pero o que está claro é que -vista a profusión destas axudas- forma parte dos proxectos subvencionábeis.

Iso malia que a construción de casas mortuorias non cadra directamente, en principio, con ningún dos obxectivos declarados no Leader, que son os seguintes: “Mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural; mellorar e implementar servizos para a poboación nas zonas rurais, favorecendo a mellora do nivel de vida da poboación rural, a inclusión social e a redución da pobreza;  favorecer a ocupación sostible do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos/as, as persoas con discapacidade, as persoas maiores, etc…; garantir a sostibilidade  da actividade no medio rural, mediante un coidado e utilización adecuada dos recursos naturais e  potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio”.

Galicia está tendo problemas para presentar proxectos subvencionábeis

A cuestión de fondo é que a AGADER e a Xunta tiveron, malia crisis, problemas para atopar proxectos dabondo cos que cubrir todo o diñeiro concedido por Bruxelas. De feito, segundo informara Campo Galego, a finais de ano Galicia corría o risco de perder máis de 150 millóns de axudas para desenvolvemento rural por non telas executado antes de final de ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

6 pino

O despois vas a un concello socialista coma o de Monforte e para un contrato temporal e estando no paro obrígante a pagar preto dos 80 euros.

5 jot

Boa falta fazem,a pirámide demográfica está na net para o demonstrar.

4 Fendetestas

Será para acoller á paisanaxe infartada nas ducias de pistas de pádel construidas con fondos de desenvolvimento rural... http://adega.gal/info/090121joomla/...

3 zombies do campo

ben unha cousa e gastar e outra facer desaparecer os cartos nos petos... a PPolitica esta moi corruPPta ... miren o que fixo podreiros cos cartos de venezuelas (monedeuros foi correndo a pagar a facenda, foi tan burra que ata pagou mais do necesario para non verse pillado en crime coa facenda real)

2 Rural

O problema será en todo caso se hai un exceso destas instalacións. Pero non ten nada de malo que a xente do rural poida despedir os seus mortos nun espazo adecuado, en vez de ter que facelo na súa casa (iso era hai 30 anos) ou a 20 kilómetros do seu fogar.

1 Acracio

É vergoñento o que custa enterrar ou incinerar a un familiar, un despropósito de lugar hiper mega luxoso para despedir a alguén que nos deixa con problemas económicos. E en vez de crear un servizo público que permita enterrar a calquera dun xeito digno, pois subvencionamos a tipos que se están forrando!!!! Favor con favor se paga, se ríen de nosotros y a ti te parece que está bien que puedas enterrar a alguien en un sitio bonito, y pagado con el dinero que era para las personas desfavorecidas, ladrones!!!!! Una partida destinada a equilibrar la economía se la das al burgués que justo decide montar el chiringuito, qué casualidad y qué bonito.... Patético.