Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2025 | Actualizada ás 10:56
A xornalista Concepción -Concha- Pombo foi elixida nova directora xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) en terceira votación no Parlamento galego só co apoio do PPdeG, xa que a oposición oponse a este nomeamento. Substitúe no cargo a Alfonso Sánchez Izquierdo, quen levaba 16 anos no cargo desde a súa elección en 2009 coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta.
Tras fracasar nas dúas votacións anteriores por non haber as maiorías necesarias, de 50 e 45 deputados respectivamente, a elección de Pombo tivo que chegar a unha terceira votación na que xa foi suficiente coa maioría aboluta (38 deputados) coa que conta o PP, grupo promotor da súa candidatura.
A votación celebrouse en urna ao comezo do pleno deste martes e non houbo debate. O reconto dos votos emitidos deu lugar a 39 sufraxios a favor e 33 que deixaron a papeleta sen marcar --considerados en contra--.
A designación de Concepción Pombo como candidata a dirixir a CRTVG, que en virtude da nova lei pasará a chamarse Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia SA (CSAG), foi aprobada en solitario polo PP na comisión de control dos medios públicos. A nova norma cambiou o sistema de maiorías para a elección deste cargo.
REXEITAMENTO DA OPOSICIÓN
O pleno comezou coa petición de palabra da viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, para reclamar unha alteración da orde do día co fin de incorporar unha quenda de intervencións dos grupos ao concluír nesta xornada "o dedazo" do Partido Popular polo que "van impor máis control e máis manipulación política". Así, procedeuse a unha votación para decidir se se podía intervir, cuestión rexeitada polos populares.
Tanto BNG como PSdeG rexeitaron a proclamación de Pombo ao considerar que se trata da candidata "máis radical" e á que responsabilizan da "desaparición do pluralismo nos medios públicos".
TRAXECTORIA
Na súa comparecencia en comisión parlamentaria a finais de maio, Concha Pombo reivindicou a súa "longa" traxectoria para optar a porse á fronte da CRTVG, nunha nova etapa "co galego e co próximo por bandeira" na que "fomentar unha relación máis emocional coa audiencia", na cal a cidadanía sexa "partícipe da produción e difusión" de contidos.
Estas licenciada Ciencias dáa Información pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) explicou que entrou como bolseira na corporación en 1998 e agora, 27 anos despois, vai asumir " o cargo de maior responsabilidade" no ente. Considera que isto manda "unha mensaxe tremendamente poderosa" porque se "están pondo en valor a traxectoria e carreira profesional de todos os traballadores da empresa".
Realizou "case toda" a súa carreira profesional na CRTVG, salvo unha paréntese de catro anos no gabinete da Consellería de Emigración e no sector privado para dirixir un programa para o ente público. Desde o ano 2017 era directora da área de Información e Documentación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.