Os mariñeiros galegos pásanse á seguridade social francesa

O PSdeG critica a "nula" actuación da Xunta e o Estado ante esta problemática, xa que "se"tiña que dar resposta de forma máis urxente" .

Por E.P. | Compostela | 15/06/2016 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Un total de 179 mariñeiros dos 479 que traballan en 53 buques de bandeira francesa pero con capital español xa se deron de baixa este ano no réxime especial do mar do Instituto Social da Mariña (ISM) para pasarse ao seu homólogo en Francia, o ENIM. Unha cantidade que supón o 37% do total, con traballadores de lugares como Vigo, Marín, A Coruña, Burela, Cedeira e Celeiro (Viveiro).

Un dos barcos do Grupo Conservas Calvo na súa sede galega
Un dos barcos do Grupo Conservas Calvo na súa sede galega

Diso informou na comisión de Pesca do Parlamento galego a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, quen remarcou que esta é unha situación "complexa", na que -tras unha análise por parte do Ministerio- "hai unha irregularidade na contratación" destes traballadores, pois "dende unha perspectiva estritamente laboral, o que hai que aplicar é a normativa laboral francesa".

Con todo, remarca que unha vez que "se ten claro" que a aplicación en materia laboral é "estritamente a francesa", unha "cuestión diferente" son "os dereitos de seguridade social". Así, para "salvagardar" esas condicións negóciase para asinar un convenio bilateral entre o Estado español e o francés co fin de que os mariñeiros galegos poidan seguir estando dados de alta na Seguridade Social en España para cuestións básicas como acudir ao médico e outras prestacións.

De tal forma, Concheiro explica que se busca que as persoas que estaban a cotizar no ISM "no momento de xurdir o conflito o poidan seguir facendo", se ben recoñece que "probablemente" os "novos" mariñeiros que se vexan afectados por esta situación teña que cotizar "con cargo á seguridade social francesa", aínda que chama a esperar aos termos que figuren no futuro convenio.

A Xunta, asusente

Pola súa banda, o deputado socialista José Ramón Val, autor desta pregunta, criticou a "nula" actuación da Xunta e o Estado ante esta problemática, xa que "se"tiña que dar resposta de forma máis urxente" para axilizar a sinatura dese convenio bilateral.

En cambio, a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar defendeu a "posición activa" da Xunta dende que coñeceu esta problemática en outubro de 2015, ao tempo que chamou a atención sobre que é unha "cuestión que non pode ser resolta unilateralmente por Galicia", nin tampouco o Ministerio, senón en negociación con Francia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta