Por Claudia Varela Lourido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2025 | Actualizada ás 12:15
O almorzo on/off que acolleu esta mañá a sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) puxo enriba da mesa os resultados do proxecto Xeración Contrainfo, que analizou nesta edición "o impacto da misoxinia e o machismo nas aulas galegas". Na presentación, organizada polo CPXG, a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Xornalistas Galegas, salientáronse aspectos que afondan nos discursos de odio difundidos nas redes sociais e o impacto que teñen no estudantado. Tamén colabora o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, a Asociación Clavico (Claustro Virtual de Coeducación), o programa educativo Género Educa e o financiamento da Xunta de Galicia.
Na súa introdución, Ana González Liste, membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, sinalou que este programa interpela á profesión da mesma maneira que ao resto da sociedade e salientou que "os resutados deste ano demostran que as iniciativas do Colexio para achegar a perspectiva de xénero ás redaccións son imprescindíbeis". Marga Tojo, integrante das Xornalistas Galegas, destacou que "os medios de comunicación sitúanse entres os actores discursivos que aseguran a conformación das relacións desiguais de xénero".
Este estudo foi realizado a 396 estudantes e 199 docentes de centros de ensino de toda Galicia, e os resultados destacan que "IES non son espazos libres dos discursos de odio, cun 80% do alumnado LGBTIQ+, un 74% dos alumnos cishetero e un 71% das alumnas cishetero que manifestaron ter sido vítimas dalgún tipo de agresión, algo ratificado polo profesorado, que asegura nun 76% dos casos ter presenciado esas agresións e apunta aos alumnos cishetero como principais agresores". Tal e como apuntaba Sonia Díaz, técnica de proxectos de Agareso, os datos demostran que os estereotipos de xénero continúan estando moi presentes entre a rapazada. Un dato moi preocupante que se analizou no estudo é a porcentaxe de alumnas (12%) que asegura non ter confianza para falar en público, fronte unicamente o 2% dos seus compañeiros.
A polarización é outro dos temas vehiculares da enquisa. Para un 62% dos rapaces cishetero, a loita pola igualdade é "excesiva" e actualmente son eles os discriminados, un discurso que tamén se detectou entre as familias e o profesorado. "Esta é a fenda en realidade", afirmou Díaz, que tamén apuntou que preto dun 40% dos rapaces cishetero teñen opinións relacionadas coa extrema dereita. Para paliar e atender a esta situación de forma especializada, desde Agareso recomendan "traballar de forma diferenciada a igualdade coas mozas e cos mozos, e atender de forma específica o sentir dos rapaces".
Como contrapunto positivo, Díaz asegurou que estes datos conviven "cunha rapazada fascinante" e que o que destaca o informe é "a parte máis escura da foto", pero que esta é unha realidade á que se debe responder de forma "urxente e imprescindíbel" tanto co traballo en mandatos de xénero como no de discursos sociais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.