Un pacto con condicións ambientais devolve ao PP a Alcaldía de Touro

O edil non adscrito pacta con Jesús Reboredo a personación xudicial contra a mina e unha comisión de medio ambiente que el mesmo presidirá.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2025 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

O concelleiro non adscrito de Touro, Darío Rei, entregará a Alcaldía ao PP tras pactar unha moción de censura co portavoz popular Jesús Reboredo, que será o novo rexedor. O acordo entre ambos inclúe compromisos ambientais clave: o Concello deberá personarse en todas as causas xudiciais relacionadas coa mina de Touro-O Pino e crearase unha comisión de medio ambiente presidida por Rei, cuxo criterio será vinculante para o novo goberno local.

Arquivo - Protesta contra a mina de cobre. PLATAFORMA MINA TOURO NON - Arquivo
Arquivo - Protesta contra a mina de cobre. PLATAFORMA MINA TOURO NON - Arquivo | Fonte: Europa Press

Rei, exmembro de Movemento Veciñal, abandonara o goberno por discrepancias co actual alcalde, Roberto Castro. O éxito da moción é posible grazas a unha recente sentenza do Tribunal Constitucional que elimina a penalización aos tránsfugas en mocións de censura. No seu comunicado, Rei critica tanto ao actual alcalde como aos anteriores gobernos do PP por non actuar xudicialmente contra o proxecto mineiro, que considera lesivo para o medio ambiente e a saúde pública.

O pacto establece que o Concello non poderá apoiar institucionalmente o proxecto mineiro mentres non exista un mandato claro da veciñanza, e en ningún caso durante o que resta de lexislatura. Tamén se contratará, nun prazo de 45 días, unha consultora independente especializada en dereito ambiental e enxeñaría para asesorar ao Concello e aos colectivos veciñais. Esta contratación será supervisada por unha comisión informativa coa participación de todos os grupos.

Pola súa parte, o PP defende a decisión como un exercicio de responsabilidade para garantir a gobernabilidade. Argumenta que o actual goberno local é incapaz de aprobar os orzamentos nin executar investimentos clave como o POS da Deputación, e que xa se perderon máis dun millón de euros en axudas. A formación tamén lembra que nas últimas eleccións quedou a poucos votos da maioría absoluta e que esta situación política era "insustentable".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta