Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2025 | Actualizada ás 13:04
A deputada do BNG Noa Presas reivindicou á formación nacionalista como alternativa pola súa historia "de corrupción cero" en "máis de 40 anos gobernando todo tipo de institucións", á vez que esixiu reformas lexislativas "contundentes" no actual panorama.
"Seguimos insistindo en que hai que aplicar tolerancia cero ante a corrupción e que hai que impulsar medidas concretas tanto no ámbito lexislativo como no ámbito político para seguir loitando contra a corrupción", destacou, a preguntas dos xornalistas en rolda de prensa, coincidindo coa comparecencia do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para facer balance do curso.
"Sendo certo que houbo explicacións políticas", o Bloque continúa "insistindo" en que está "á expectativa de que se arbitren medidas concretas e tamén de ir coñecendo como avanzan as investigacións que a día de hoxe están abertas".
O BNG, avisou Presas, "estará sempre aí insistindo en facer propostas para que haxa cada vez máis transparencia". Neste sentido, cargou unha vez máis contra o que considera unha "corrupción sistémica no estado" que "se pode ver a través das grandes forzas estatais". "Nós seguimos traballando como alternativa coa nosa historia de corrupción cero nos nosos máis de 40 anos gobernando todo tipo de institucións", afirmou.
Por último, reiterou que, na súa opinión, "hai que aplicar reformas lexislativas que sexan contundentes" e comprometeu que os nacionalistas estarán "atentos desde o Congreso para facer achegas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.