(Vídeo) Durísimas condicións climatolóxicas dificultan as tarefas dos equipos de extinción en Galicia

Nordés intenso, baixa humidade e altas temperaturas complican as labores de extinción e obrigan a priorizar a protección de persoas e infraestruturas. Máxima dificultade nos lumes de Corme-Aldea (Ponteceso), Santiaguiñodo Monte (Padrón) e Esteiro (Muros).

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/08/2025 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Galicia afrontou este martes unha xornada con condicións climatolóxicas extremas para a loita contra os lumes que azoutan a nosa terra, non tanto pola extensión inicial dos focos, senón por unhas condicións meteorolóxicas que favorecen a propagación das chamas e dificultan o traballo dos medios aéreos e terrestres. O vento do nordés, sostido durante toda a xornada, está sendo o gran protagonista. Na costa de Bergantiños, por exemplo, a parroquia de Corme-Aldea, en Ponteceso, rexistrou e segue a rexistrar rachas de ata 60 km/h, cunha velocidade media de entre 20 e 38 km/h, segundo distintas fontes meteorolóxicas. Este vento, seco e canalizado, empurra o lume a gran velocidade cara zonas habitadas e obrigou aos equipos de emerxencia a desaloxar preventivamente vivendas.

Helicóptero facendo a solta de auga enriba do lume no lugar do Santiaguiño do Monte, en Padrón
Helicóptero facendo a solta de auga enriba do lume no lugar do Santiaguiño do Monte, en Padrón | Fonte: GC

No interior da provincia da Coruña, o lume con foco inicial no lugar do Santiaguiño do Monte, no concello de Padrón, convertiuse nun exemplo claro de como a orografía e o vento complican a operación aérea. Un helicóptero de descarga tivo que manobrar en repetidas ocasións --como se pode ver no vídeo-- sen poder completar a solta de auga, realizando varios círculos arredor do foco. O nordés, con ráfagas estimadas de 30 a 40 km/h na zona alta do monte, sumado ás turbulencias xeradas pola calor do lume, obrigou aos pilotos a extremar as precaucións antes de achegarse.

Na zona de Esteiro, pertencente ao concello de Muros, o lume saltou dende a madrugada deste martes a estrada AC-550, unha vía costeira xa de por si exposta ao vento. Aquí, as temperaturas roldaban os 25 ºC, con vento do nordés de 16 a 24 km/h, pero con rachas que chegaban ata os 60 km/h en tramos abertos. Nesas condicións, as chamas poden avanzar varios metros en cuestión de segundos, o que obrigou a cortar o tráfico e coordinar desvíos mentres as brigadas intentan estabilizar a fronte, algo nada doado tendo en conta que se están producindo múltiples reactivacións.

XUNTOUSE A PEOR COMBINACIÓN POSIBLE PARA FREAR O LUME

Á dificultade do vento súmase a onda de calor que afecta a boa parte de Galicia. En zonas do interior, como Padrón, superáronse hoxe os 34 ºC, con humidade moderada, o que reduce a humidade dos combustibles vexetais e favorece a ignición. En Muros e na ría de Noia, aínda que a temperatura foi menor, a acción combinada da calor e o vento mantén os niveis de risco moi altos. Pola súa banda, en Ponteceso as temperaturas roldaron os 21 ºC, polo que neste caso o factor determinante para o espallamento das chamas foi o forte vento constante e a baixa humidade no ambiente.

As autoridades insisten en que a meteoroloxía desta xornada --nordés intenso, baixa humidade e temperaturas elevadas-- é a peor combinación posible para frear o lume. En varios dos puntos quentes, a prioridade dos equipos xa non só é apagar as chamas, senón protexer á poboación e as infraestruturas críticas. MeteoGalicia e AEMET non prevén un cambio significativo ata, alo menos, a noite deste mércores, cando o vento podería perder algo de forza. A calor intensa manteríase alo menos ao longo de toda a semana. Mentres tanto, Galicia vive outra xornada máis --e xa son máis de 10 días-- na que o vento do nordés, máis que un simple dato meteorolóxico, converteuse nun inimigo directo para os equipos que intentan salvar o noso monte, as nosas casas e as nosas vidas.

MANOBRAR CUN HELICÓPTERO CONTRA O VENTO E O LUME

As operacións de descarga aérea sobre un incendio requiren unha precisión milimétrica. O piloto debe estabilizar a aeronave nun punto fixo, a baixa altura e velocidade reducida, para liberar a auga exactamente sobre a zona máis quente da fronte. Con vento de nordés sostido --e, sobre todo, con ráfagas de 30 a 40 km/h-- esta tarefa convértese nunha manobra de alta esixencia técnica. Así, nos lumes desta xornada os helicópteros tiveron que realizar varios círculos arredor do foco antes de tentar descargar. O vento non só empurraba lateralmente ás aeronaves, senón que as zonas de monte crean turbulencias orográficas: remuíños e cambios bruscos de dirección do aire que obrigan ao piloto a correxir constantemente o rumbo.

A isto habería que sumar o efecto do propio incendio: o aire quente que ascende dende as chamas forma correntes térmicas verticais que, ao chocar co vento frío, xeran inestabilidade extra. Nesas circunstancias, un xiro pechado ou unha aproximación demasiado rápida pode comprometer a seguridade, polo que os pilotos optan por arrodear a zona e buscar un intre no que o vento se estabilice para realizar a descarga. Como explican os expertos en extinción, un helicóptero cargado con mil litros de auga ten un centro de gravidade máis inestable e resposta de maneira máis lenta aos mandos. Se o vento muda bruscamente en plena aproximación, o piloto debe priorizar a seguridade e abortar a solta, aínda que iso supoña dar outra volta e perder segundos preciosos na loita contra o lume. O primordial sempre é a vida humana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dompimpon

Os lumes de Noia non se reactivaron ata veces polas condicións e despois saltaron a Esteiro ao outro lado da ría por arte de maxia. Hai pouca condena exemplar e pouco interese en recoñecer que son todos provocados. O monte non arde só porque faga calor.