Piden doazóns de sangue ante as baixas reservas dos grupos A positivo, A negativo e 0 positivo

Os hospitais galegos precisan unhas 500 doazóns de sangue cada día para desenvolver de forma eficaz o labor asistencial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2025 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), da Consellería de Sanidade, realizou un chamamento á doazón de sangue, especialmente nos grupos A positivo, A negativo e 0 positivo, por atoparse en reservas baixas. En canto aos grupos sanguíneos restantes o 0 negativo está en nivel normal e os B positivo, B negativo, AB positivo e AB negativo atópanse nun bo nivel.

Nun comunicado, ADOS lembrou que hai moitas persoas nos hospitais que necesitan recibir unha transfusión dalgún compoñente de sangue por múltiples razóns como unha operación, un transplante, un accidente ou unha enfermidade. De feito, os hospitais galegos precisan unhas 500 doazóns de sangue cada día para desenvolver de forma eficaz o labor asistencial. Por iso, ADOS dispón de locais de doazón situados nas sete principais cidades galegas e tamén de unidades móbiles que se desprazan todas as semanas por diferentes concellos do catro provincias.

Neste contexto, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou acompañado pola directora de ADOS, Marisa López, un dos autobuses de doazón desprazado a Sanxenxo, onde animou a doar, sumándose el mesmo a esta acción. Alí, destacou que "doar sangue é moi sinxelo e rápido, máis aínda grazas ao desprazamento destas unidades, e é unha acción que contribúe de maneira decisiva a salvar vidas, en calquera época do ano".

Unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS)
Unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta