Detidas dúas persoas por causar oito incendios forestais na Costa da Morte tras queimar cables para extraer o seu cobre

Estes lumes puñan en perigo a poboacións de Camariñas, Cee, Dumbría, Vimianzo e Zas.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 14/08/2025 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

Dúas persoas foron detidas como presuntas autoras de oito delitos de incendios forestais na Costa da Morte. Segundo informa a Garda Civil, os incendios eran provocados ao queimar cables de cobre para extraer o metal e vendelo de maneira ilícita. Os arrestados son veciños de Olveiroa e a ambos se lles considera autores de iniciar os lumes ao queimar cable de cobre roubado para extraer o metal e vendelo no mercado ilícito. "O que acabou ocasionando múltiples incendios forestais que provocaron danos por valor de 20.000 euros".

A investigación iniciouse a finais de xuño tras coñecer a alta frecuencia de incendios forestais cun patrón semellante. Estes lumes puñan en perigo a poboacións de Camariñas, Cee, Dumbría, Vimianzo e Zas. O modus operandi dos detidos consistía en obter cable de cobre do tendido telefónico. Unha vez logrado, liberaban o plástico que o recubre. Para iso queimaban todo en lugares apartados, normalmente rodeados de árbores que lles impedise ser vistos por testemuñas.

Utilizaban acelerantes como a gasolina ou un soplete conectado a unha bombona de butano. Estas accións acababan producindo incendios ao abandonar a zona deixando o lume sen atención. Esta conduta, levada a cabo en pleno verán e preto de vexetación moi inflamable, provocou o inicio de oito incendios forestais. Os informes periciais confirmaron que todos eles tiñan un patrón de conduta semellante.

A investigación foi levada a cabo polo Equipo ROCA e o Equipo de Protección da Natureza da Garda Civil. Tras a súa detención, os individuos foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Corcubión. A Garda Civil mantén aberta a investigación para determinar se os detidos están implicados noutros feitos semellantes.

Detido un veciño de Monterroso polo roubo de 660 metros de cable de cobre
Detido un veciño de Monterroso polo roubo de 660 metros de cable de cobre | Fonte: GARDA CIVIL - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta