Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/08/2025 | Actualizada ás 13:08
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou este luns as zonas máis afectadas polos incendios en Ourense, especialmente no concello da Mezquita, e cualificou a situación de "crítica e dramática". Esixiu todos os recursos dispoñibles para frear "unha das maiores catástrofes da historia recente de Galicia" e denunciou que a Xunta está "desbordada e sen capacidade de anticipación", con falta de medios e descoordinación nos dispositivos de extinción.
Pontón trasladou o seu recoñecemento aos equipos de loita contra o lume e aos veciños implicados, e subliñou que esta traxedia debe supoñer un punto de inflexión para mellorar a política forestal, a ordenación do territorio e os plans de prevención. Ademais, reclamou abrir un debate sobre responsabilidades políticas tras a vaga de lumes, pero insistiu en que o urxente é mobilizar todos os medios para frear o avance das chamas.
LUÍS MENOR CRITICA A XESTIÓN DO GOBERNO ANTE OS INCENDIOS
A Deputación de Ourense asegurou que declarar o nivel 3 nos incendios da provincia "non é a solución" e reclamou ao Goberno Central que deixe de buscar escusas e achegue todos os medios necesarios. O presidente provincial, Luís Menor, explicou que non é labor da Xunta pedir esta medida, senón do Goberno cando se ven afectadas varias comunidades autónomas, lembrando que nesta ocasión son sete.
Menor criticou que o Executivo central non asuma a responsabilidade e sinalou que Galicia está preparada para xestionar a emerxencia, pero carece dos recursos necesarios. Sobre a visita do presidente Pedro Sánchez e do ministro Fernando Grande-Marlaska, destacou que os medios solicitados xa foron pedidos por escrito, e ironizou sobre a afirmación de Marlaska de que os recursos son suficientes, sinalando que probablemente "nunca estaría nun incendio".
O PP CRITICABA Á UME COMO UN "MALGASTO"
O secretario de Estado de relacións coas Cortes, Rafael Simancas, considera que, ao fío do labor dos militares da Unidade Militar de Emerxencias (UME) contra os incendios forestas, é bo momento para lembrar cando o PP vía esta unidade como un "capricho faraónico" e un "malgasto". Así o escribiu nunha mensaxe publicada na rede social X, xusto cando os dirixentes do PP enxalzan a actuación da UME contra o lume e mesmo reclaman ao Goberno máis efectivos militares.
"Hoxe é un bo día para lembrar cando o PP tachaba á UME de 'capricho faraónico de Zapatero' e 'malgasto', denunciando que os seus integrantes eran os 'mellor pagos' e pretendían mandalos a misións no exterior pola súa inutilidade en España", publicou o político socialista, recollendo noticias daquelas declaracións dos entón parlamentarios do PP na primeira lexislatura do Goberno Zapatero.
AAGESEN GARANTE MEDIOS E COLABORACIÓN
A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, asegurou este luns que o Goberno está preparado para asumir o nivel 3 do Sistema de Protección Civil, o máximo grao de emerxencia, se as comunidades autónomas así o solicitan. Este nivel daría o mando da xestión dos incendios ao Ministerio do Interior. A ministra fixo estas declaracións tras visitar o Centro de Coordinación da Información Nacional sobre Incendios Forestais (CCINIF).
Aagesen detallou que hai actualmente 1.400 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en primeira liña e outros 2.000 en labores de apoio e loxística. A eles súmanse 500 militares do Exército de Terra, 100 da Armada, 5.000 gardas civís e 375 policías nacionais, despregados por distintas zonas do país. Ademais, o Ministerio dispón de 56 medios aéreos e once Brigadas de Reforzo (BRIF), ás que se engadirán novos reténs e equipos de extinción en territorios como Estremadura.
A ministra agradeceu tamén o apoio que chegará desde distintos países da UE a través do Mecanismo Europeo de Protección Civil e lembrou que o Goberno leva meses reforzando investimentos e medios contra os lumes. Recalcou, ademais, que España é un país “especialmente vulnerable” ao cambio climático e defendeu a necesidade de avanzar nunha axenda climática que combine prevención e extinción, cun incremento sostido do orzamento destinado a esta loita.
RUEDA DESCARTA O NIVEL 3 DE EMERXENCIAS
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que a próxima semana haberá unha reunión extraordinaria do Consello da Xunta, que se celebrará en Ourense, para habilitar as primeiras axudas destinadas a zonas afectadas polos incendios en Galicia e reclamou ao Goberno a incorporación inmediata dos efectivos "solicitados e comprometidos".
"Non poden chegar a contagotas. Agradecemos o que xa chegou e esperamos que chegue hoxe mesmo o comprometido", manifestou Ruda na comparecencia de prensa tras a primeira reunión para estudar estas axudas, onde sinalou que polo momento, con "aínda moitas hectáreas ardendo", non se pode facer unha estimación da contía, pero asegurou que a Xunta "estará á altura" e pediu a todas as administracións a mesma "celeridade".
Así, detallou que a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) realizará a avaliación dos danos para que as diferentes consellerías poidan proceder a facer as súas convocatorias e aprobalas no Consello previsto a próxima semana para "que se abra o prazo de petición". Ademais, defendeu que "non é necesario" que o Goberno galego solicite o nivel 3 de emerxencia porque, segundo destacou, non achegaría máis medios.
"Se o nivel 3 supuxese máis medios e fose necesario para que se achegasen eses medios, eu non tería ningunha dúbida, pero non é necesario. Onte mesmo o presidente do Goberno dicía que vai atender todas as solicitudes; estamos no nivel 2, así que sería incomprensible que se estivesen reservando medios", expuxo.
AXUDAS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE
Tamén a Deputación de Ourense aprobou este luns en xunta de goberno un orzamento de 1,2 millóns de euros destinados á compra de 12 tractores e rozadoras para a prevención de incendios, segundo informou Luís Menor, presidente da deputación, en rolda de prensa, destacando tamén que "aínda hai moitas cousas que mellorar".
PSdeG
Pola súa banda, o PSdeG apelou este luns "á unidade política e social" para facer fronte á vaga de incendios que está a arrasar Galicia, á vez que instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a sumarse ao pacto de Estado sobre emerxencia climática anunciado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e ao que, lembran, xa aludiu José Ramón Gómez Besteiro o pasado 13 de agosto en Maceda (Ourense).
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta proclamou, en rolda de prensa, que "só desde a responsabilidade compartida pódese dar unha resposta real a uns lumes de sexta xeración alimentados polo cambio climático" e reclamou medidas inmediatas para apoiar ás persoas afectadas. Rodríguez Dacosta insistiu en que "o primeiro agora é apagar o lume, pero non podemos quedarnos aí". Así, avogou por activar canto antes plans de axuda para as persoas damnificadas e intervir de maneira urxente nas zonas queimadas para evitar que a erosión e a perda de chan "agraven aínda máis a catástrofe".
CONTAMINACIÓN
Ecoloxistas en Acción alertou de que a vaga de incendios que azouta Galicia está "a disparar" a contaminación por partículas e ozono na comunidade. A queima dos montes, explican, emite grandes cantidades de sustancias tóxicas e outras como hidrocarburos aromáticos policíclicos, que nin sequera se miden, apuntan.
Concretamente, dispáranse os niveis de partículas respirables (PM10), partículas finas (PM2,5) e ozono troposférico en Galicia. Tamén en territorios limítrofes como Castela e León e o norte de Portugal. Nun comunicado explican que na última semana, no interior de Lugo e Ourense, están a producirse numerosas superacións dos límites diarios de alerta establecidos pola normativa para as partículas PM10 (80 microgramos por metro cúbico, ug/m3) e as partículas PM2,5(50 ug/m3). O fume dos incendios chegou xa ás propias cidades de Lugo e Ourense.
A asociación critica que, aínda que a Xunta de Galicia dispón dun plan de acción a curto prazo para actuar fronte a episodios de mala calidade do aire, "non activou a fase de emerxencia prevista no mesmo para os casos de superación dos límites de alerta, incumprindo a súa propia normativa na materia". "Están a vulnerar o dereito á saúde da cidadanía", afirman.
"TODOS OS MEDIOS"
Por outra banda, o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, defendeu este luns que o Goberno puxo en disposición "todos os recursos que dispón o Estado" para loitar contra o lume, á vez que acusou ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, de facer "declaracións irresponsables" e pediu "arrimar o ombreiro" aos 'populares'.
"Todo é todo", sostivo Óscar López nunha comparecencia desde o Ministerio para facer balance dos resultados do Plan do Goberno contra as estafas telefónicas e por SMS, onde tamén se referiu a a situación actual dos incendios que afectan a gran parte do territorio nacional. Segundo recalcou López, "todos os recursos do Estado están mobilizados" e explicou que a Unidade Central de Emerxencias leva mobilizada desde principios de agosto para loitar contra os incendios forestais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.