Xa son 37 os detidos en España pola vaga de incendios forestais desde xuño

Entre eles, un home en prisión polo lume de Vilardevós e un menor internado por sete incendios en Santiago.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/08/2025 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Nacional e da Garda Civil detiveron nas últimas horas outras cinco persoas pola súa presunta relación coa orixe dos incendios forestais en España, co que a cifra de arrestados desde o 1 de xuño ascende xa a 37. Ademais, outras 113 persoas están investigadas, 20 máis que o día anterior, segundo informou este mércores o Ministerio do Interior.

Incendio de Monterrei, en Vences
Incendio de Monterrei, en Vences | Fonte: Cedida

En concreto, a Policía Nacional detivo a dez persoas e imputou a outras 21, mentres que a Garda Civil arrestou a 27 individuos e mantén baixo investigación a 92 máis. O balance foi actualizado tras a reunión do Comité Estatal de Coordinación (CECOD), presidida polo ministro Fernando Grande-Marlaska, que analizou a situación dos 21 incendios que seguen activos en varias comunidades en nivel operativo 2.

Segundo Interior, o CECOD constatou unha mellora das condicións meteorolóxicas en Ourense, León e Zamora, onde a recuperación da humidade e a diminución do vento favorecen os labores de extinción. Porén, en Cáceres o escenario segue a ser adverso debido ás altas temperaturas e ao vento seco.

Entre os últimos detidos figura un home de 47 anos arrestado en Vilardevós polo lume que arrasou 578 hectáreas e obrigou a confinar dúas localidades. O xuíz decretou o seu ingreso en prisión provisional sen fianza, ao ter antecedentes por outro incendio. Tamén foi detido un menor de 17 anos en Santiago de Compostela acusado de provocar sete lumes en dez días; a Fiscalía de Menores ordenou o seu internamento nun centro.

Galicia é unha das comunidades máis castigadas polos incendios e onde se concentra un maior número de arrestos. Ademais do caso de Vilardevós e do menor de Santiago, un home foi enviado a prisión polo incendio de Oímbra, mentres que noutras provincias tamén houbo detencións: en Colmenar Viejo (Madrid), en Zamora —onde se queimaron máis de 4.000 hectáreas— e en Ávila, onde foi arrestado un traballador da extinción acusado de provocar o lume de Cuevas del Valle, con 2.000 hectáreas afectadas.

O Código Penal castiga con entre 10 e 20 anos de cárcere e multas de ata 24 meses os incendios que poñan en perigo a vida ou a integridade das persoas. Para os lumes forestais sen ese risco, as penas van de 1 a 5 anos, aínda que poden aumentar ata 6 anos se o incendio alcanza especial gravidade por arrasar grandes superficies, danar espazos protexidos ou ter consecuencias erosivas ou ambientais moi significativas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta