SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2016 | Actualizada ás 19:55 por EUROPA PRESS
Endesa distinguiu a empresa Daorje polas súas boas prácticas en seguridade e prevención de riscos laborais durante a revisión do grupo 2 da central térmica das Pontes (A Coruña), recentemente finalizada.
No acto de entrega do premio, o director da Unidade de Produción Térmica (UPT) das Pontes, Miguel Ángel Asún, destacou o elevado nivel de seguridade alcanzado por todas as compañías contratistas que participaron nos traballos.
Segundo informou nun comunicado, a revisión de cada un dos catro grupos de que consta a central é moi complexa dende o punto de vista da prevención de riscos laborais, xa que participan traballadores externos que coinciden cos propios de Endesa, mentres a instalación segue en produción.
Para estender ás contratistas os "rigorosos criterios de seguridade" con que opera Endesa, a central conta cunha empresa encargada de colaborar na xestión da seguridade, que vixía e asesora sobre as boas prácticas dos empregados propios e alleos.
Este é SGS, que aplica baremos fixos e previamente establecidos. A mellor das compañías recibe o Premio de Prevención de Endesa As Pontes.
A distinción é relevante porque, á hora de avaliar ofertas de servizos, Endesa ten en conta tanto as propostas técnicas e económicas como as medidas de seguridade laboral que garante o oferente.
NINGÚN ACCIDENTE LABORAL
Na revisión do grupo 2 foron avaliadas vinte empresas, que acumularon 111.740 horas de traballo home, cantidade que se suma ás 7.383 horas do persoal propio de Endesa que participou nos traballos.
Nese tempo non se rexistrou ningún accidente laboral con baixa. Daorje, que xa obtivera este galardón en 2013, obtivo unha cualificación de 94,17 puntos sobre 100, sendo a media do resto de empresas tamén elevada, de 91 puntos.
Estes valores son moi parecidos aos rexistrados na revisión precedente, o que quere dicir que a excelencia en seguridade é unha tendencia sostida, e non un feito ocasional.
O director da central térmica entregou o premio a Jesús Villazón Vidal, director da División Industrial de Daorje. Daorje é un contratista histórico de Endesa, á que presta servizos de mantemento industrial e montaxes.