Por Europa Press / Redacción | Santander | 03/09/2025 | Actualizada ás 11:57
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou a capacidade de decisión das comunidades autónomas fronte ás "recentralizacións" e os cambios nas políticas europeas que se deciden "sen ter en conta aos territorios", que son os que teñen que executar moitas delas.
Así o manifestou este mércores en Santander, durante a súa participación na inauguración do curso 'Da idea á acción: Os 30 anos do Comité das Rexións e a evolución da Política de Cohesión', que organiza a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) e á que acudiron os presidentes de Cantabria, María José Sáenz de Buruaga; de Andalucía, Juan Manuel Moreno; e Castela-A Mancha, Emiliano García-Page.
O mandatario galego, que tamén é representante da delegación española ante o Comité de Rexións (CdR) da UE, reflexionou sobre o "momento complexo" que atravesa Europa, que tivo que "reformularse moitas cousas moi rapidamente" desde que Estados Unidos "cambiou as regras de xogo sobre a marcha".
Neste sentido, Rueda dixo que as decisións de Bruxelas poden ser "entendibles", pero ao "baixar ao micro" a xente a "nota máis". Por iso, cre que os gobernos rexionais deben "amornalo e compasalo" para "evitar que se tomen malas decisións ou que as boas se executen mal". E é neste contexto no que o presidente da Xunta observa unha "tendencia á recentralización" da política europea, porque "parece que é o fácil" e que "funciona mellor". "Iso non é verdade", engadiu, porque "hai que ver quen está a tomar as decisións e quen as está executando".
No caso concreto de España, un país "moi descentralizado" no que as comunidades autónomas "funcionan mellor que o Goberno central", a recentralización "non ten moito sentido". Por isto, Rueda criticou que se negocien asuntos con Bruxelas "sen consultar" cos territorios. O presidente galego puxo como exemplo a execución dos fondos europeos 'Next Generation', porque aínda hai partidas "que están ao 60 por cento" de execución cando en 2026 finaliza o prazo
FINANCIAMENTO AUTONÓMICO E INCENDIOS
O titular da Xunta, durante a súa intervención en Santander, aproveitou para criticar as negociacións do Goberno central con Cataluña e os partidos nacionalistas en relación co financiamento. Tamén agradeceu, ante a presenza dos presidentes de Cantabria, Andalucía e Castela-A Mancha, a colaboración que brindaron outras autonomías a Galicia durante o operativo para extinguir os grandes incendios do pasado mes de agosto.
E fixérono, destacou Rueda, "sen necesidade de mandar listas, nin de crear comités previos, nin de facer visitas antes de". "Mandáronnos medios de forma absolutamente áxil, desburocratizada e despolitizada", insistiu, para diferenciar a xestión dos territorios da do Goberno centrasl.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.