Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2025 | Actualizada ás 14:10
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, tachou de "refrito espeso" o decálogo de medidas presentado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no marco do novo Pacto de Estado contra o Cambio Climático. Considera que é un refrito do que se falou en 2022 e que "non se plasmou absolutamente en ningún tipo de acción no territorio".
A responsable autonómica expresouse así este mércores durante unha visita á aldea do Couto, en Ponteceso, onde supervisou os resultados do proxecto Couto Florido. Considera que o Goberno trata de "ocultar" a súa "inoperancia, incompetencia e incoherencia". Concretamente, referiuse a a falta de explicacións da proposta de España para optar aos 9.000 millóns de euros que corresponden ao país do Fondo Social para o Clima que habilitou Europa.
Sobre isto, lembrou que os proxectos deberían presentarse a 30 de xuño, "da man das Comunidades Autónomas". "E unha vez máis, dános as costas", lamentou, apostilando ademais que "Galicia fixo o seu traballo" presentando 60 iniciativas en maio por valor de máis de 2.000 millóns de euros. "Transcorridos dous meses non sabemos absolutamente nada", reprochou, algo que, apuntou, xa trasladou á vicepresidenta terceira.
Avanza que, se non reciben explicacións, recorrerán a Europa para preguntar que está a ocorrer e "denunciar a situación". "Que deixen de dar voltas. Tense que plasmar en proxectos, en orzamentos. E non pór desculpas de forma reiterada", afirmou.
LUIS PLANAS
Pola súa banda, o ministro de Agricultura, Luis Planas, sinalou ao respecto que os incendios de agosto mostran que o cambio climático xa non é un risco afastado e que é necesaria unidade de acción, con lealdade institucional e colaboración, para facer fronte a esta emerxencia climática que afecta a todos. Estas catástrofes impactan directamente sobre o sector primario e, segundo engadiu, a loita contra os efectos do cambio climático necesita aos agricultores e gandeiros porque a actividade agraria coida a contorna e protexe e garante o futuro do medio rural.
En relación coas políticas de adaptación e loita contra o cambio climático, Planas fixo fincapé na aposta do ministerio pola modernización dos regadíos, réxime no que se obteñen as dúas terceiras partes da produción vexetal de España, cun investimento de 2.500 millóns de euros ata 2027. Igualmente, sinalou como fundamental a aplicación de novas técnicas xenómicas que permitirán dispor de cultivos adaptados ás novas condicións climáticas con temperaturas máis elevadas e secas. O ministro resaltou tamén o sistema de seguros agrarios como instrumento imprescindible para a xestión de riscos e reiterou a proposta de España de que a Unión Europea cre un sistema de reaseguros para fortalecelo no conxunto dos Estados membros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.