Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/09/2025 | Actualizada ás 15:58
Galicia poñerá en marcha un proxecto pioneiro para medir o impacto real dos tratamentos innovadores en pacientes con dexeneración macular asociada á idade (DMAE), a principal causa de cegueira en maiores de 65 anos e que afecta a máis de 40.000 galegos. O plan foi abordado nun encontro entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o director executivo de Roche Pharma Internacional, Padraic Ward.
O proxecto, en colaboración co Sergas e Roche, busca avaliar o efecto social das intervencións sanitarias nesta enfermidade e contempla medidas como cribados poboacionais con ferramentas de intelixencia artificial, programas de capacitación para profesionais sanitarios en investigación en oftalmoloxía e a implantación de solucións dixitais que faciliten a asistencia a domicilio.
Segundo explicou o Goberno galego, o sistema de medición permitirá optimizar a xestión clínica, mellorar a toma de decisións e ofrecer un seguimento máis personalizado dos pacientes. Ademais, a iniciativa aspira a deseñar un proxecto integral que cubra todas as fases da abordaxe da DMAE —diagnóstico, tratamento e seguimento—, incluíndo a monitorización remota. Ward destacou que este acordo situará a Galicia “á vangarda mundial” no tratamento da enfermidade apoiado na medición de resultados en saúde e no valor social da innovación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.