Feijóo cualifica de “indigna” a denuncia dos afectados pola hepatite C

O presidente da Xunta proclama que "a inmensa maioría dos facultativos" do Sergas comparten o seu posicionamento, tras volver rexeitar calquera atraso nos tratamentos ligado a cuestións económicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2016 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu cargar contra os enfermos de hepatite C, as súas familias e os cidadáns que acusan o seu Goberno de ter causado mortes polos retrasos na administración de tratamentos para esta enfermidade. Feijóo non só defende a actuación da Xunta, senón que ademais atrévese a cualifica de "indigna" a denuncia dos afectados e proclama que "a inmensa maioría dos facultativos" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) comparten o seu posicionamento, tras volver rexeitar calquera atraso ligado a cuestións económicas.

Alfonso Rueda, Puy Fraga e Núñez Feijóo no Parlamento
Alfonso Rueda, Puy Fraga e Núñez Feijóo no Parlamento | Fonte: ppdegalicia.com

Feijóo reafírmase nas súas críticas e carga sen miramentos contra os impulsores dunha denuncia promovida pola Plataforma de Afectados pola Hepatite C e polo colectivo Batas Brancas, co doutor Evaristo Varo á fronte, a raíz da que se abriu unha causa xudicial, con dous cargos destacados do Sergas investigados. Segundo o presidente da Xunta, os enfermos e as familias teñen uns intereses políticos que van máis aló das súas doenzas.

No pleno do Parlamento, dixo: "Coñezo perfectamente os intereses que hai detrás. Seino; por iso reitero: cando médicos que fan transplantes hepáticos a 100.000 euros cada transplante e despois din que se diminúe o diñeiro da Hepatite C, iso é indigno. E a inmensa maioría dos facultativos do Sergas consideran indigna esa denuncia e o seu posicionamento", espetou Feijóo a Antón Sánchez (AGE).

Previamente, Sánchez afeáralle o seu comportamento e instáralle a aclarar que considera "reprochable" da actitude dos médicos que "denunciaron unha situación" para salvar vidas". "Dende a súa poderosa posición ataca un traballador público coa actitude propia dun matón", advertiu ao presidente, afirmación que o presidente da Cámara, Miguel Santalices, retirou, e pola que foi chamado á orde dúas veces.

"Pois macarra!", apostilou a parlamentaria do Grupo Mixto Chelo Mártinez dende o seu escano, mentres que Feijóo, na súa quenda de réplica, non variou a súa postura e, tras garantir que se cumpriron os protocolos para tratar a enfermos de Hepatite C, asegurou que el "defenderá" a sanidade pública dos que buscan "deostar e humillar" o sistema. E é que, haseverou, "dicir que os pacientes morren por falta de diñeiro é indigno".

"Comprendo que haxa políticos, xornalistas ou médicos que intentan estender unha idea falsa do funcionamento da sanidade pública, pero que un político o faga na Cámara é desprezable. Que o reitere é dobremente desprezable. A súa catadura moral quedará reflectida no diario de sesións por segunda vez", afeou Feijóo a Sánchez, mentres que este ironizou con que "o amigo de Marcial dourado e de Pachi Lucas fale de catadura moral".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Balbino de Neira Vilas

Queredes atopar esta noticia en "La Voz" ou no "Correo"? Pois non a atoparedes.

1 Salgueiro

Toda crítica ao PP neses periódicos, é automáticamente censurada. Non aparece.