(Vídeo) De Álvaro de Luna a 'La Reina del Flow': o Recorda Fest volveu encher A Coruña de himnos musicais pasados e presentes

Do pop español máis nostálxico ao reggaeton colombiano: unha noite de himnos, emoción e baile ata o amencer. Álvaro de Luna, La Reina del Flow, Juan Magán e Henry Méndez fixeron vibrar A Coruña nunha cita xa histórica.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 07/09/2025 | Actualizada ás 03:17

Comparte esta noticia

O Recorda Fest converteu este sábado A Coruña nun grande escenario de lembranzas, emocións e festa sen freo. Dende media tarde, co público comezando a facer fileira para entrar ao recinto, ata ben entrada a madrugada cos últimos acordes de Henry Méndez, a cidade viviu unha xornada marcada pola diversidade musical e pola sensación de estar asistindo a algo irrepetible. Esta era a mellor despedida de verán que podía ter a urbe herculina, cun festival que foi consolidándose nos últimos anos coma unha das grandes citas do calendario musical galego, que volveu demostrar que a música ten o poder de xuntar xeracións distintas nun mesmo lugar. Familias, grupos de amigos e turistas compartiron a experiencia, desfrutando dun cartel que mesturaba nostalxia e novedades. A noite prometía emocións fortes e cumpriu sobradamente, con momentos que quedarán na memoria de todos os asistentes.

Show da serie de Netflix 'La Reina del Flow' no Recorda Fest da Coruña
Show da serie de Netflix 'La Reina del Flow' no Recorda Fest da Coruña | Fonte: GC

POP SOLEADO E NOSTALXIA TELEVISIVA CON EFECTO PASILLO E FRAN PEREA

O comezo da xornada correu a cargo de Efecto Pasillo, que puxo ao público a bailar co seu pop luminoso e os seus himnos cargados de bo rollo. Soaron temas como 'Pan y mantequilla' ou 'No importa que llueva', que acenderon as primeiras palmas e sacaron sorrisos aos asistentes que xa enchían a parte dianteira do recinto. Tras iso, a nostalxia de toda unha xeración apareceu da man de Fran Perea, que saltou á fama pola mítica serie de televisión 'Los Serrano', con clásicos que fixeron cantar a coro aos asistentes como 'Uno más uno son siete' ou 'La chica de la habitación de al lado'. A comuñón co público foi total, especialmente entre os que medraron vendo a serie.

A BANDA SONORA DE TODA UNHA XERACIÓN CON DESPISTAOS E LEIRE MARTÍNEZ

Despistaos mantivo a enerxía coa guitarra e os temas que marcaron a primeira década dos 2000: 'Física o química', a banda sonora da serie homónima que triunfou entre os adolescentes de arredor do 2010, foi coreada a pleno pulmón e 'Gracias' convertiuse nun emotivo momento que lembrou a forza do pop rock español desa época. Antes do anoitecer, Leire Martínez, voz de La Oreja de Van Gogh durante máis dunha década, deleitou cun repertorio cheo de sensibilidade e lembranzas compartidas, onde non faltaron cancións como 'El último vals', 'Inmortal' ou 'Jueves', que fixeron que se emocionase un público que a acompañou en cada palabra. Ademais, Leire tamén cantou a dúo con Fran Perea, un momento histórico para o pop español.

O GRAN MOMENTO DA NOITE: ÁLVARO DE LUNA, ENTRE EMOCIÓN E POTENCIA

A iso das nove e media da noite, chegou un dos intres máis agardados do festival: Álvaro de Luna saltou ao escenario. O artista confirmou por que é un dos máis grandes do momento, mesturando baladas cheas de emoción con estribillos coreados por todo o recinto. 'Juramento eterno de sal' convertiuse nun auténtico himno colectivo e 'Todo contigo' reafirmou a súa conexión coas novas xeracións. O seu carisma, as súas palabras de agradecemento a Galicia e a súa proximidade co público convertiron a súa actuación nunha das máis intensas da noite, cun ambiente que oscilou entre a complicidade íntima e a euforia masiva.

UN ESPECTÁCULO ÚNICO EN GALICIA: 'LA REINA DEL FLOW', A SERIE DE NETFLIX

E se había un concerto marcado en vermello no almanaque de moitos e moitas, ese era o de 'La Reina del Flow'. Por primeira vez en Galicia, o fenómeno musical colombiano fixo vibrar a cidade da Coruña cun espectáculo explosivo que trasladou aos fans ao universo da exitosa serie de Netflix. Non faltaron himnos como 'Perdóname' ou 'Depredador de amor', que puxeron a milleiros de voces a cantar ao unísono, ademais de mesturas de reggaeton, trap e pop urbano que deron forma a un directo cheo de forza. O momento máis agardado, sen dúbida, chegou con 'Reflejo'. A actuación foi moito máis que un concerto: foi unha experiencia irrepetible, cun show coidado ao detalle e unha posta en escea que levantou a todo o festival, convertíndose nun dos grandes fitos da noite.

DE KATE RYAN AO FESTÓN FINAL CON JUAN MAGÁN E HENRY MÉNDEZ

A belga Kate Ryan encheu de enerxía eurodancee a madrugada cos seus grandes éxitos dos 2000, abrindo paso á recta final máis bailable do Recorda Fest. A quenda de Juan Magán, pasada a unha da madrugada, desatou a euforia colectiva: 'Bailando por ahí' e 'He llorado (como un niño)' foron coreados como auténticos himnos de festa, mentres 'Mal de amores' e 'Si no te quisiera' convertiron a explanada nunha pista de baile. Un set que lembrou por que segue sendo un dos grandes nomes da música urbana latina. Para pechar, Henry Méndez prolongou a festa ata aproximadamente as catro da madrugada, cun repertorio no que conviviron bachata, reggaeton e pop urbano. 'El tiburón' e 'Rayos de sol' acenderon as últimas forzas do público, que bailou coma se a noite non tivera fin, poñendo así o broche final a unha noite que quedará gravada na memoria do público coruñés.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta