Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/09/2025 | Actualizada ás 15:56
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou este martes no Parlamento o seu rexeitamento á quita da débeda proposta polo Goberno central ás comunidades autónomas. Asegurou que a medida “non beneficia a Galicia” e advertiu que, segundo a normativa vixente, o aforro en xuros que se derivaría desa condonación “non pode destinarse a máis gasto”, polo que cualificou a proposta de inútil para os intereses da comunidade.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu con todo a condonación, que cifrou en 4.010 millóns de euros para Galicia, e presentouna como unha oportunidade para destinar máis recursos á prevención dos incendios e a outros servizos públicos. Acusou a Rueda de facer “seguidismo” do líder estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, e de antepoñer “motivos partidistas” ao interese da cidadanía.
Besteiro lembrou que o próximo ano Galicia terá que destinar máis de 1.700 millóns de euros ao pago da débeda e instou á Xunta a reconsiderar a súa postura: “Máis prevención, máis brigadistas e menos cavar fosas”, reclamou, en alusión á vaga de lumes que afecta á comunidade.
Rueda, pola súa parte, defendeu as políticas da Xunta en materia de prevención e puxo en valor o investimento realizado. Ademais, subliñou que a prioridade debe ser garantir un financiamento autonómico que teña en conta a realidade demográfica galega, marcada pola dispersión da poboación e o envellecemento. Neste sentido, acusou a Besteiro de dar “carta branca” a Pedro Sánchez fronte á defensa que fan outros presidentes autonómicos socialistas das súas comunidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.