Fermin Muguruza, Talco, Baiuca e Sés estarán este venres no Revenidas

Se a primeira xornada do festival xa foi de alto nivel, o 12 de setembro é espectacular. Entre os detalles salientables deste día está o concerto do músico vasco que ofrecerá a súa última actuación en Galicia da súa xira 40 Aniversario.

Por Galicia Confidencial | Vilagarcía de Arousa | 12/09/2025 | Actualizada ás 09:03

Comparte esta noticia

O Revenidas botou a andar este pasado xoves, 11 de setembro, e fíxoo con propostas internacionais de música festiva e combativa como a dos bosnios Dubioza Kolektiv ou de punk rock en estado puro, como a da banda sueca The Baboon Show ou os neozelandeses Dick Move. Tamén estiveron consagrados da escena estatal, como os cataláns Buhos, con máis de 1.400 concertos ás costas; e figuras emerxentes desa mesma escena cunha proxección exponencial, como os extremeños Sanguijuelas del Guadiana. E, por suposto, cunha especial atención ás propostas dos grupos e artistas galegos con The Rapants, Hugo Guezeta, Galician Army e a propia Duendeneta, con Carlos Crespo e Kris K Dj aos mandos.

Fermín Muguruza. Foto cedida polo Revenidas para promoción.
Fermín Muguruza. Foto cedida polo Revenidas para promoción.

FERMIN MUGURUZA

O músico vasco estará este venres 12 de setembro para ofrecer o que será o seu último concerto en Galicia da xira 40 aniversario.Tralo seus memorables concertos no Movistar Arena de Madrid, no Palau Sant Jordi de Barcelona e a súa histórica actuación no estadio de Anoeta, en Donostia, Fermín Muguruza chega a Vilaxoán para dalo todo.

Estamos diante dun dos músicos máis inquietos, innovadores, influentes e activistas que deu a música peninsular xa desde os seus inicios en Kortatu e no seu posterior proxecto, Negu Gorriak. Unha auténtica esponxa musical que sempre se empapou de ideas alá por onde pasou. Soul, ska, electrónica, rock, punk, reggae, hip-hop, R&B, trip-hop, música tradicional, mestizaxe… todo ten cabida na súa proposta e sen descoidar o seu activismo, reivindicación e loita.

"A segunda xornada do Revenidas será un auténtico paseo pola xeografía sonora peninsular cunha incursión en Italia", afirman dende a organización. Dende alí chegan Talco, na súa enésima vivisita ao Revenidas, banda de ska-punk coñecida pola súa potente fusión de ritmos enérxicos, letras comprometidas e espírito antifascista. Propostas semellantes chegarán da man de Sons of Aguirre & Scila, formación xurdida da fusión do trío valenciano de rap combativo Sons of Aguirre e banda alacantina de metal Scila, coa vontade de denunciar inxustizas sociais, políticas e económicas.

Sés
Sés | Fonte: SES.RENDE.GAL - Arquivo

Tamén dende o Mediterráneo, concretamente dende Barcelona, chegan Les Testarudes, nove mulleres, de entre 20 e 27 anos, cunha proposta somora acabalo entre o ska, o rocksteady e o reggae. E tamén son barceloneses Svetlana, o dúo formado por Júlia Díaz e Roc Bernadí, unha explosión única de electropop con influencias que van dende EDM ao house pasando pola rumba, o dembow ou o reguetón. E a cabalo entre Biskaia e Navarra móvense J Martina, a banda de pop electrónico con referencias a outros xéneros autóctonos, formada polas irmás Kattalin e Ane Bárcena xunto con Javier Jorajuria.

CARTEL GALEGO PARA ESTA XORNADA

Este venres estará Baiuca que chega a Vilaxoán no mellor momento da súa traxectoria. O seu disco Barullo estivo en todas as listas dos mellores álbumes e reaformou ao músico de Catoira como o proxecto de electrónica máis influinte da actualidade. Outra das presenzas destacadas da segunda xornada do Revenidas é a de Sés, "puro carisma e forza sobre o escenario", cun son baseado na combinación de influencias tradicionais propias cos múltiples e diversos estilos dos que se foi nutrindo: canción de autora, músicas tradicional, folclore latinoamericano e rock&roll.

Completan o cartel A Duendeneta, que fará dúas sesións, e Seitura, un cuarteto de punk rock do Val Miñor cun directo cheo de potencia, raiba e moitas ganas de festa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta