Galicia, Portugal e a 'fronteira do eucalipto': que se pode plantar (e onde), ata cando e con que condicións

Galicia, Portugal e o norte peninsular marcan ritmos distintos na expansión do eucalipto.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 01/10/2025 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

Durante anos, o eucalipto estendeuse sen freo polo noroeste peninsular, transformando a paisaxe, empobrecendo a biodiversidade e convertendo milleiros de hectáreas nun monocultivo pensado só para alimentar ás pasteiras. Pero a súa expansión comeza a atopar muros: Galicia tratou de frealo cunha moratoria (haberá que ver se se prorroga ou non e o debate sobre a súa efectividade tamén está no ar), Portugal limita novas plantacións e outros territorios do norte peninsular, coma Biscaia (País Vasco), tamén optaron por poñerlle freo. Pola contra, Asturias e Cantabria seguen permitindo novas repoboacións, mantendo abertas as portas a unha especie que xa domina demasiados vales e montes.

Bosque de eucaliptos
Bosque de eucaliptos | Fonte: EP - Arquivo

Este mosaico normativo revela unha realidade incómoda: mentres algunhas administracións recoñecen o impacto ambiental e social do eucalipto e deciden pór límites, outras continúan favorecendo o negocio rápido, aínda que iso supoña hipotecar o solo, os recursos hídricos e o futuro do monte galego e cantábrico. Nesta reportaxe analizamos que se pode plantar e onde, quen decide, e por que é necesario facer unha firme aposta por deter unha especie que medra máis rápido do que o territorio pode soportar.

GALICIA: MORATORIA AUTONÓMICA (2021-2025) Á AGARDA DE DECISIÓN

Galicia mantén unha moratoria a novas plantacións de eucalipto dende xullo de 2021, recollida na Lei 11/2021, de recuperación da terra agraria (disposición transitoria). A moratoria está a piques de expirar, o 31 de decembro deste 2025 --e para moitos non se cumpriu estritamente--. Pero a día de hoxe segue aberto o debate sobre se prorrogala --o sector ambiental pide extendela, mesmo ata 2030, mentres o sector forestal propón fórmulas intermedias como 'dereitos de plantación'--. Actualmente o eucalipto é a especie dominante nos montes galegos, ocupando segundo as cifras oficiais unhas 419.000 hectáreas. Puntos clave:

  • Prohibidas novas plantacións --agás excepcións moi taxadas-- mentres dure a moratoria.
  • Obxectivo: frear a expansión e gañar tempo para a ordenación específica do eucalipto no marco do Plan Forestal de Galicia.
  • Debate aberto: a Xunta non confirmou extensión desta prórroga e hai presión social e sectorial en ambos os sentidos.

PORTUGAL: REARBORIZAR SI, EXPANDIR NON

Aspecto dunha leira tallada de piñeiro entre dúas grandes masas de eucalipto na Fonsagrada
Aspecto dunha leira tallada de piñeiro entre dúas grandes masas de eucalipto na Fonsagrada | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Dende 2017, Portugal opera cun réxime que restrinxe a expansión do eucalipto e prioriza a rearborización --replantar onde xa había-- fronte a novas plantacións en superficies sen historial recente de eucalipto. O marco xurídico é o RJAAR (Regime Jurídico das Açoes de Arborizaçao e Rearborizaçao), articulado no DL 96/2013 e reforzado pola Lei 77/2017. Este enfoque contén o crecemento neto do eucaliptal en Portugal, aínda que non o elimina: permite manter produción (replantando) sen abrir novas frontes. No país, o eucalipto (especialmente o 'glóbulus'), cobre aproximadamente 845.000 hectáreas, o que representa arredor dun 26,2 % da superficie forestal portuguesa. Que significa isto na práctica:

  • Novas plantacións: só son posibles en supostos taxados e con licenza previa do ICNF (autoridade forestal).
  • Rearborización: preferencia por replantar onde xa existía eucalipto nos últimos anos (trazabilidade do uso previo).
  • Control administrativo: o ICNF esixe proxecto e comproba compatibilidades (ordenación, riscos do incendio, Natura 2000, etc.).

ASTURIAS: SEN MORATORIA XERAL, EN RÉXIME DE AUTORIZACIÓNS

No Principado de Asturias non existe, a día de hoxe, unha moratoria autonómica específica contra o eucalipto. As plantacións e cambios de uso forestal sométense a autorización expresa conforme á Lei de Montes e ás instrucións de actuacións en montes (procedemento, informes, compatibilidades ambientais e de ordenación). Isto deixa o eucalipto nun réxime de control caso a caso (por proposición e condicións do monte), pero sen prohibición xeral como en Galicia. Os inventarios de Greenpeace falan de que os montes asturianos teñen unhas 60.000 hectáreas de eucalipto.

CANTABRIA: NON HAI MORATORIA, PERO SI AUTORIZACIÓN E DEBATE SOCIAL

Cantabria non aprobou unha moratoria xeral ao eucalipto. As repoboacións requiren autorización administrativa e compatibilidade cos instrumentos de ordenación e co marco ambiental. Nos últimos anos, organizacións sociais e ambientais pediron implantar unha moratoria semellante á galega, pero non se materializou a nivel autonómico. Os inventarios de Greenpeace falan de que os montes cántabros teñen unhas 39.000 hectáreas de eucalipto.

PAÍS VASCO: BISCAIA SI TEN MORATORIA; GIPUZKOA E ÁLAVA NON

Os inventarios de Greenpeace falan de que os montes vascos teñen máis de 26.000 hectáreas de eucalipto, sendo tamén a especie dominante neles. O caso vasco diferenciouse por territorios históricos:

  • Biscaia aprobou no 2022 unha moratoria foral a novas plantacións de eucalipto, inicialmente co horizonte ata o 31 de decembro de 2025. En maio de 2025, o TSJ do País Vasco desestimou o recursos contra a norma que desenvolve a moratoria, polo que aínda segue vixente.
  • Gipuzkoa e Álava non contan con moratoria xeral. A discusión pública existe, pero o marco é de autorizacións e ordenación ordinaria.

POR QUE ESTE MOSAICO REGULATORIO IMPORTA AO MERCADO?

Este patchwork normativo condiciona fluxos de madeira e, por extensión, prezos e loxística: onde hai moratoria, non medra a superficie --alo menos na teoría--; onde non a hai, pode medrar baixo control administrativo; se ademais existe gran capacidade industrial próxima (Portugal), o curso transfronteirizo intensifícase. Neste taboleiro, Galicia xoga un papel dobre: quere conter a eucaliptización... e á vez alimenta coa súa madeira unha industrai transfronteiriza que non ten freo ao outro lado da raia.

  • Galicia intenta frear a expansión dende 2021; á vez, a súa proximidade e volume dispoñible fana atractiva para a compra portuguesa.
  • Portugal trata de conter a expansión e asegurar a rearborización onde xa hai eucalipto, pero non alcanza a cubrir a demanda das súas grandes pasteiras (Navigator, Altri...), polo que importa madeira, sendo Galicia a súa 'despensa' máis próxima.
  • Asturias e Cantabria, sen moratoria, conforman unha zona de subministración máis flexible (sempre con autorizacións) que pode amortiguar tensións de demanda.
  • Biscaia, no País Vasco, manda un sinal político e territorial claro: pausa a novas plantacións; o resto da Comunidade non o ve así.

Repoboación de eucalipto na Fonsagrada
Repoboación de eucalipto na Fonsagrada | Fonte: Carlos Castro - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta