Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/09/2025 | Actualizada ás 15:46
Adolfo Domínguez reactivou a súa fundación coa intención de desenvolver proxectos de innovación e sustentabilidade no sector téxtil, así como de apoio ao desenvolvemento rural. A compañía galega tamén asinou un acordo coa Universidade Politécnica de Catalunya para promover liñas de investigación relacionadas coa industria da moda.
Entre as primeiras actividades destaca a organización dun encontro de moda sustentable, previsto para o 15 de outubro en Madrid baixo o título Moda e territorio: Novas alianzas para o desenvolvemento rural. O evento, que conta coa colaboración das entidades ambientais Legados e Oikos, reunirá marcas e expertos como Oteyza, Ecoalf, Téxtil Santanderina e a presidenta executiva Adriana Domínguez.
Ademais, a fundación participará no Solidarity Fest 2025 de Cambados, cun programa de charlas e talleres, tras firmar unha alianza coa Fundación Condado de Taboada. A recuperación de cultivos propios e a relocalización de fibras naturais para a industria da moda figuran entre os obxectivos centrais da entidade, que tamén se uniu á Alianza pola La, iniciativa para poñer en valor este material como patrimonio cultural e económico.
O director da Fundación, Antonio Roade, subliñou que nun “mundo hiperglobalizado” é esencial reivindicar a interdependencia entre natureza, creación artística e artesanía. A entidade manterá a súa misión cultural a través de exposicións, concertos e publicacións, ao tempo que promove proxectos con impacto positivo no medio natural e no tecido rural galego e estatal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.