Temas: SAúDE TABACO

Nace a Rede galega de praias sen fume

22 areais galegos súmanse a esta iniciativa, que non ten carácter sancionador e que busca que, de xeito voluntario, os fumadores non acendan cigarros para protexer a súa saúde, a dos demais e a do medio ambiente.

Por Galicia Confidencial | Baiona | 02/07/2016 | Actualizada ás 12:26

Comparte esta noticia

Galicia contará cunha rede de praias sen fume de tabaco, un proxecto pioneiro no Estado das autonomias co que se prohibirá fumar en determinados arenais do noso país. A praia Barbeira de Baiona acolleu este venre o acto de presentación da Rede galega de praias sen fume, iniciativa posta en marcha pola Consellería de Sanidade para promover praias que respecten e coiden o medio ambiente. 

Presentación en Baiona da Rede galega de praias sen fume
Presentación en Baiona da Rede galega de praias sen fume | Fonte: Xunta.

Entre as razóns para escoller unha praia sen fume, Sanidade sinala que cada vez que prendemos un pitillo estamos poñendo en risco a nosa saúde e a dos que nos arrodean. Por iso entende que fumar na praia será un paso máis para conseguir unha sociedade sen tabaco.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade lembra que "é responsabilidade de todos contribuír a desnormalizar o consumo do tabaco da nosa sociedade".

"A nosa mocidade ten que ver que o normal é non fumar. A praia é un lugar lúdico para disfrutar da familia, da parella, da natureza, e onde o fume do tabaco non ten cabida, sendo totalmente prescindible", sinálase dende a Xunta, que subliña que esta medida "non ten un fin recadatorio, senón educativo, de promoción da saúde e de proteción do medio ambiente, sendo o seu cumprimento voluntario".

Este proxecto de Praias sen fume é o primeiro destas características que se impulsa nunha comunidade autónoma. "Estamos a falar da elección libre das praias sen fume, sen multas nin vixilancia, sen carácter sancionador", sinalan dende a Xunta. En definitiva, "ademais de mellorar a limpeza dos areais, axudamos a concienciar á xente dun bo hábito de saúde" , dixo o conselleiro Jesús Vázquez Almuiña na presentación desta rede.

Almuiña subliñou que estamos a conseguir importantes avances no obxectivo de que a sociedade galega deixe de fumar. Así, na actualidade, fuma diariamente o 17,6% da cidadanía galega, mentres que esa porcentaxe no conxunto de España é do 24%.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego incidiu en que as cabichas dos pitillos tardan dez anos en degradarse no mar, máis tempo se se acumulan na área, e levan a pegada dos miles de compoñentes químicos que conteñen, tales como a nicotina ou o alcatrán, tamén tóxicos para a vida mariña. Así pois, unha praia sen fume contribúe, tamén, a previr este efecto sobre a nosa fauna.

LISTAXE DE PRAIAS E CONCELLOS SEN FUMES

Ata o de agora, o número de concellos que se sumaron a esta iniciativa son 17, para un total de 22 praias.

Na provincia de Pontevedra, no concello de Baiona, as praias de Barbeira, Frades, Ribeira, Concheira e A Ladeira; en A Guarda, Area Grande; en Marín, Portocelo; en Nigrán, praia das Canas e praia da Madorra; e en Bueu, Area de Bon e Lapamán. Tamén se suma a esta iniciativa o Concello de Cangas, pendente de determinar a praia.

Na provincia de Lugo, no Concello de Barreiros, a praia de Coto; en Foz, A Rapadoira; en Ribadeo, Os Castros-Illas; e en Cervo, O Torno.

Na provincia da Coruña, no concello de A Laracha, a praia de Caión; en Miño, Perbes; en Oleiros, Bastiagueiro; en Ortigueira, Da Concha e Morouzos; en Ribeira, Río Azor; e en Boiro, Barraña. Tamén se suma a esta iniciativa o Concello de Valdoviño, pendente de determinar a praia.

Temas: SAúDE TABACO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta