Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/10/2025 | Actualizada ás 17:01
Os dous activistas galegos que participaron na flotilla global á Franxa de Gaza advertiron de que non se pode baixar a garda" ante ao acordo de paz que, este xoves, foi anunciado polo Goberno de Estados Unidos e que xa foi asinado por Hamás e Israel. Ademais, incidiron en que a proposta vén da man de "dous gobernos xenocidas" nos que non se pode confiar".
"Agora hai un acordo de paz proposto por xenocidas. Só por xenocidas. Non podemos baixar a garda e crer nas mentiras de dous gobernos xenocidas que xa mentiron en anteriores ocasións. Temos que seguir coa presión", recalcou a avogada Sandra Garrido, que regresou este mércores a Santiago de Compostela tras ser deportada por Israel o pasado luns.
Esta activista e o patrón de barco Manu López --este deportado o último domingo e que tamén navegou cara a Gaza coa flotilla--, compareceron este xoves a unha rolda de prensa na capital galega onde deron a coñecer máis detalles da travesía de máis dun mes polo Mediterráneo, o achegamento ao enclave e as súas detencións polas forzas militares israelís en augas internacionais. Pola súa banda, Sandra Garrido indicou que, "si", a proposta de paz se celebra en Gaza e no mundo, "pero con medo" porque "son gobernos que menten". "Non se pode confiar. E estano facendo pola presión que estamos a facer. Non deixedes de presionar", clamou.
Así mesmo, tanto Garrido como López, e demais representantes da Global Sumud Flotilla que participaron na rolda de prensa, adiantaron que haberán máis flotillas, ao mesmo tempo en que reforzaron que a idea seguir presi onando por "terra, mar e aire" para que se pare "o xenocidio".
"SE CHEGAMOS A SER PALESTINAS, ERAMOS ARRASADAS"
Respecto á vez que pasou nun cárcere israelí, Garrido subliñou que se ela e demais mulleres detidas fosen palestinas, serían "arrasadas". "Iso sempre estaba aí, na cabeza. Cada vez que nos pasaba algo, pensabamos: hai unha liña. Aínda así, foi moi cruel e besta e a man do peor exército do mundo, que manexa tortura como ninguén", lembrou a activista.
Coa tal "liña", Garrido referiuse a que ela e demais tripulantes da flotilla, de máis de 40 nacionalidades, tiñan algunha "protección dos pasaportes" que levaban. Así mesmo, a avogada acusou ao Goberno de Israel de levar a cabo "estratexias de terror" que, recalcou, utilízanse contra o pobo palestino hai anos. "O control do tempo téñeno clarísimo. O control dos alimentos... Levan anos cun laboratorio sobre como torturar á xente e como levar ao límite os corpos e as cabezas", detallou a activista.
MOTÍN NO CÁRCERE: "FREE, FREE, PALESTINE"
Durante a súa última noite na prisión israelí, o patrón de barco Manu López contou na rolda de prensa que se armou un "motín", precisamente no Pavillón 9. "Non tiñamos noticias de ninguén, ninguén entraba no cárcere. E nese momento o Pavillón 9 rebelouse", conta. Por iso, López cualifica este último recordo no cárcere dun "exercicio de resistencia inspirado polo pobo palestino". "Aínda que fosen carceleros inhumanos, afeitos a facer o que fan, na situación en que estabamos, no límite psicolóxico que nos quixeron levar, todo o pavillón entrou en folga de fame", detallou o patrón de barco.
Así mesmo, sen comida e encarcerados, conta o capitán do buque 'Meteque' que aquela noite, todas as veces que aparecía un militar de Israel e escoitábase un asubío no corredor, que se volveu ensordecedor", todos os detidos gritaban "free, free, Palestine", mentres golpeaban as portas. "Foi, de novo, un exercicio de resistencia, de non perder nunca a nosa dignidade. Mesmo cando esteamos nunha situación tan límite. De novo, resistencia, pacífica, pero resistencia", subliñou.
RECEPCIÓN NO CONCELLO
Sandra Garrido e Manu López foron recibidos, tamén este xoves, no Concello de Santiago pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e outras autoridades municipais. A rexedora da capital galega deu a benvida aos dous, ao tempo en que lembrou a última manifestación a favor de Palestina na cidade, o pasado domingo, unha protesta que Sanmartín cualificou de "histórica".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.