“Galicia exerce un liderado no eido das Matemáticas”

A directora do ITMATI, Peregrina Quintela Estévez, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, fai balance da actividade deste centro de transferencia de coñecemento, tras aprobarse a memoria do ano 2015. Por primeira vez en tres anos de vida, este consorcio creado polas tres universidades galegas superou o millón de euros en ingresos e consolida a Galicia como un referente en Matemática Industrial.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 04/08/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Os datos avalan o proxecto: o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) aumentou os seus ingresos un 97,16 por cento en 2015, pasando de 551.529,35 euros no exercicio anterior a 1.087.372,89 o pasado ano, excluído o IVE. Uns ingresos que proveñen na súa case totalidade dos contratos de transferencia, que inxectaron 1.071.112,89 euros, o 98,50 por cento do total, fronte aos simbólicos 16.260 euros —o 1,5 por cento— das tres universidades galegas, que crearon este consorcio hai tres anos. Desde a súa constitución, en marzo de 2013, a cifra total de contratos do ITMATI é de 37, dos cales 29 estiveron en marcha en 2015 con 22 empresas e entidades, todos eles centrados en tres grandes áreas de transferencia: simulación, estatística/big data e optimización. A función do ITMATI —que naceu coa vocación de ser un centro de investigación tecnolóxica de referencia a nivel internacional— é proporcionar solucións a pequenas e medianas empresas (pemes), a grandes firmas, a industrias e a administracións públicas para apoiar a innovación e a mellora da competitividade no sector produtivo, grazas ao uso de ferramentas desenvolvidas desde a Matemática Industrial. A súa directora, Peregrina Quintela Estévez, explica nesta entrevista os principais logros, os obxectivos para o futuro e por que a Matemática Industrial é clave para o desenvolvemento tecnolóxico.

Peregrina Quintela Estévez.
Peregrina Quintela Estévez.

- En tres anos de actividade do ITMATI, cales foron os seus grandes logros?

- En primeiro lugar, ter sido capaces de organizarse dun xeito axil e eficiente para ofrecer ás empresas unha carteira de servizos moi ampla e da máxima calidade no eido da Matemática Industrial; en segundo lugar, ter sido capaces de difundir de forma ampla o gran potencial das Matemáticas para resolver de forma precisa e robusta problemas complexos que poidan xurdir no tecido industrial e o máis importante, ter conseguido aglutinar arredor deste proxecto a mais de cuarenta investigadores senior das tres universidades galegas especializados en dar solucións avanzadas aos problemas que se lle plantexan as nosas empresas. Estes tres piares (organización, difusión e investigación) foron os que permitiron que nestes tres anos ITMATI puxese en marcha trinta e sete contratos con empresas e entidades, entre os que se inclúen varios no marco de convocatorias Feder Innternonecta, proxectos estratéxicos e PDI xestionados polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), proxectos competitivos, contratos directos con empresas, cursos de formación, e unha unidade mixta de investigación con REPSOL no marco dunha moi esixente convocatoria da Axencia Galega de Innovación.

- Conseguiron case duplicar os ingresos, superando o milón de euros en 2015. Cales foron as claves e de que xeito vai repercutir este diñeiro na actividade do ITMATI?

- As claves creo que son o noso modelo de colaboración constante cos expertos das universidades, a captación coidada do talento e o xeito de xestionar a transferencia cara as empresas. Isto fai que os nosos clientes estén satisfeitos cos nosos servizos e moitos deles repitan plantexando proxectos cada vez mais ambiciosos. O incremento de ingresos permítenos continuar na senda alcista e estar mais preto de ser un centro autosostible. Ademáis, ITMATI é un centro sen ánimo de lucro, polo que os nosos ingresos dedícanse principalmente a xerar postos de traballo de alto valor tecnolóxico, que permiten por unha banda reter boa parte dos xovenes con talento neste ámbito e por outra banda dar respostas coa mellor calidade e de garantía aos nosos clientes.

Equipo da Unidade Mixta de Investigación (UMI) Repsol ITMATI
Equipo da Unidade Mixta de Investigación (UMI) Repsol ITMATI | Fonte: ITMATI.

"ITMATI é un centro sen ánimo de lucro, polo que os nosos ingresos dedícanse principalmente a xerar postos de traballo de alto valor tecnolóxico".

- Case todos os ingresos pasan polos contratos de transferencia, o 98,50 por cento. Máis aló das aportacións económicas simbólicas das tres universidades galegas —o 1,5% do total—, cal é o valor que aportan e que papel esperan que xoguen?

- As tres universidades galegas (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo) asinaron o 7 de febreiro de 2013 un convenio de colaboración para a creación do Consorcio ITMATI co obxectivo de consolidar a posición relevante no eido nacional e internacional da Matemática Industrial galega. A creación do consorcio supoñía un fito importante de agregación de recursos entre as tres universidades para promover a transferencia da tecnoloxía matemática e dar respostas eficaces e áxiles ás demandas das empresas, das industrias e das administracións públicas. Este compromiso reflíctese non só nas aportacións económicas das universidades, que claramente son escasas e non determinantes na vida do centro, senón na aportación dos seus mellores científicos aos que permite adscribirse a ITMATI cunha dedicación do 25 por cento da sua xornada laboral. Durante o ano 2015 foron 42 os investigadores adscritos dende as universidades e este capital humano é determinante na traxectoria do ITMATI.

- Din que o camiño para ser autosostible pasa por eliminar a financiación pública e basearse principalmente na financianción privada. Onde quedaría nese caso o interese público do ITMATI? Deixaría de ser un consorcio público?

- A eliminación total do financiamento público para entidades coma a nosa non é realista. En países do noso entorno hai exemplos notables que así o indican; como o Fraunhofer-Gesellschaft, centro alemán de referencia internacional, que durante o ano 2014 contou cun 35 por cento de financiamento público. O que eu creo é que o financiamento público para centros como o noso ten que facerse en base a unha análise sobre que resultados e que impacto debe ter, de acordo cos fíns marcados para o mesmo e condicionar o financiamento dado á obtención dos indicadores marcados nesa análise.   

Hai que ter en conta que, por exemplo, o noso centro quere poñer no tecido empresarial os resultados da investigación máis recente levada a cabo nas universidades, o que conleva unha etapa de traducción dos resultados acadados cara ás aplicacións, e a conseguinte vantaxe de poder abordar novos desafíos, ou darlle aos xa resoltos solucións mais innovadoras e mais competitivas. Esta é unha tarefa de longo percorrido, que só cando se ten un financiamento basal a longo prazo o centro se poderá plantexar de xeito serio; se non é así ITMATI soamente poderá traballar con obxectivos a curto prazo, con todas as limitacións que isto significa.

"O obxectivo mais importante é lograr ser un centro de referencia para o tecido industrial e consolidar con éxito o proceso de internacionalización do ITMATI".

- Que plans teñen no que se refire á creación de emprego e que potencial humano temos en Galicia?

- En Galicia existe unha Facultade de Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela que goza dun gran recoñecemento a nivel internacional; ademáis, os grupos de investigación das tres universidades galegas que consolidan a súa actividade en ITMATI veñen dende hai moitos anos colaborando en dous másteres interuniversitarios, o de Matemática Industrial e o de Técnicas Estatísticas, ámbos os dous cunha traxectoria de calidade ben demostrada e que capacitan os seus estudantes para dar resposta as necesidades tecnolóxicas mais vangardistas. Isto fai que ITMATI goze dun viveiro de xente nova profesional ben formada e ilusionada por formar parte desta aventura.

É certo que os matemáticos constitúen o núcleo dos nosos recursos humanos representando un 58 por cento do persoal, pero, dado que dende o centro se busca dar ás empresas un servizo á carta coa integración total das solucións aportadas nos seus propios procesos, os equipos de traballo nos proxectos desenvolvidos en ITMATI son interdisciplinares, integrando tamén titulados doutras especialidades, como enxeñeiros, físicos ou informáticos.

Para ITMATI, a captación dos mellores profesionais é unha constante dende a súa fundación. Consideramos que a través dos mellores recursos entenderemos mellor as necesidades dos nosos clientes. O noso compromiso é consolidar o potencial humano no ámbito da investigación, da innovación e da transferencia da tecnoloxía matemática. A modo de exemplo, nos anos 2014 e 2015 creáronse 33 novos empregos tecnolóxicos.

- Cales son as liñas de actuación prioritarias para este ano e os próximos?

- O obxectivo mais importante é lograr ser un centro de referencia para o tecido industrial. Isto pasa por continuar traballando nas direccións xa indicadas e en acadar a autosostenibilidade. Ao longo dos próximos anos tamén debemos consolidar con éxito o proceso de internacionalización do ITMATI, a través dun incremento da nosa participación en mais proxectos europeos e converternos nun centro de referencia a nivel internacional no eido da Matemática Industrial.

- Os principais sectores que cobren son enerxía, materiais, medioambiente, loxística, aeronáutica, informática e telecomunicacións, e naval. Fáltalles algún sector estratéxico que incorporar e no que vexan unha oportunidade?

- Dende ITMATI consideramos que temos potencial de crecemento en tódolos sectores de actividade económica, xa que as matemáticas industriais son de aplicación para todas as ramas de actividade. Nos vindeiros anos faremos algunhas actividades específicas encamiñadas a chegar máis a sectores onde actualmente temos unha presenza menor e coñecer mellor as súas necesidades, como por exemplo nos sectores da biomedicina ou finanzas.

"As Matemáticas atópanse na base de todos os procesos industriais, dende o deseño dun airbag ata as correctas actuacións para loitar eficazmente contra os lumes forestais".

- Cal foi o proxecto máis complexo participado polo ITMATI?

- Pola súa envergadura, un dos proxectos mais destacados é a Unidade Mixta constituída pola empresa Repsol e ITMATI dotado cun orzamento a tres anos de mais de dous millóns de euros. O obxectivo desta Unidade Mixta é investigar nos métodos matemáticos e numéricos de resolución de problemas atopados de forma recurrente na actividade diaria de Repsol, especialmente nos ámbitos da simulación e optimización de dispositivos e procesos. Nestas liñas de investigación, e dende as disciplinas da Matemática Aplicada, da Investigación Operativa e das Ciencias da Computación, Repsol busca incrementar a vida útil das baterías que empregan os vehículos eléctricos e mellorar o proceso de recarga rápida; incorporar aos procesos de toma decisión, e na planificación da produción en plantas industriais, a incerteza que existe nos prezos, demandas e calidades de materias primas e produtos; ou inferir modelos complexos e rigorosos de fenómenos físicos e químicos a partir dun reducido número de observacións.

- É Galicia unha potencia, como din, en Matemáticas, en xeral, e en Matemática Industrial, en particular?

- A comunidade autónoma galega exerce un liderado no eido das Matemáticas en xeral. Non hai que esquecer que a Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela acada os primeiros postos en produción científica en distintos rankings nacionais e internacionais, e, en particular, no eido da  Matemática Industrial. Outros datos destacables do seu potencial son: o 49 por cento dos contratos asinados coa industria no período 2000-2011 corresponden a Galicia, como pode verse no Catálogo de servizos ofertados polos investigadores españois publicado por McGraw-Hill no 2012; tamén pola recente organización da 19th European Conference on Mathematics for Industry (ECMI 2016) que se celebrou en Santiago coa participación de preto de 350 investigadores de 40 países ou polos postos de representación en distintas institucións internacionais que acadan moitos dos investigadores neste ámbito.

- A quen se pregunte que é iso da Matemática Industrial e para que serve, que lle podemos dicir?

- Quizais o primeiro que a moitos se lles vén á cabeza ao pensar en Matemáticas son conceptos moi académicos, moi desvinculados da vida diaria. Sen embargo, a Matemática Industrial é algo mais que un concepto abstracto ou de difícil comprensión. As Matemáticas atópanse na base de todos os procesos industriais, atópanse dende no deseño dun airbag que evita as lesións dos ocupantes nun vehículo en colisión, ata as correctas actuacións para loitar eficazmente contra os lumes forestais. Detras de todos estes feitos hai ecuacións que permiten modelar o seu comportamento; encontrar cales son as mellores para reproducir o comportamento de cada un é un dos nosos maiores desafíos e tamén o punto clave do éxito para abordar o problema, e despois, claro está, procurar a súa resolución de forma rápida e precisa.

"O compromiso coa investigación e a innovación non é tan forte como se pretende facer ver en España".

- Para rematar, investigación e innovación foron damnificadas polos recortes. Hai quen di que tardaremos décadas en recuperar o camiño perdido respecto a outros países que si seguiron apostando pola investigación científica e o I+D+i. É pesimista respecto ao futuro máis inmediato, ou ve trazos ou indicios que fagan pensar nun panorama mellor?

- De acordo co derradeiro Informe Cotec 2016 que elaborou a Fundación Cotec para a Innovación, os datos non convidan ao optimismo, xa que o gasto en I+D+i volveu reducirse no ano 2014, mentres que todos os países máis innovadores do noso entorno están aumentando o seu gasto. Entre os datos positivos, na derradeira década mantívose un crecemento sostido da produción científica española. Chaman a atención estas cifras porque son contraditorias coas mensaxes que a sociedade escoita de continuo dos nosos representantes políticos, pero isto demostra que o compromiso coa investigación e a innovación non é tan forte como se pretende facer ver: a existencia de programas estables de investigación, con datas estables nas distintas convocatorias, e coa execución da totalidade dos recursos “inicialmente” asignados nos orzamentos aos distintos programas de investigación é unha necesidade inaprazable. Isto si permitiría plantexar obxectivos de I+D+i a longo prazo, fixar recursos humanos de alta cualificación e realmente avanzar cara unha sociedade moderna. A incerteza non é un bo modo de atraer a novos científicos con talento; é impensable, e tamén pouco ético, convencelos de vir ao noso país cun horizonte estable duns poucos anos, cando xa teñen acadado postos de relevancia nos países de acollida; e non hai que esquecer que se non hai esta rexeneración do tecido investigador cos mellores, os que entren no sistema serán os menos malos e será moi difícil manter todos os avances é exitos acadados nos anos anteriores. Este si que pode ser un problema moi importante, xa que aínda que se produza una inxección de cartos no futuro, sería unha tarefa de moitos anos a recuperación dos postos actuais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Anonymous

O progreso pasa polos matemáticos e enxeñeiros informáticos. Sábeno ben os chineses e os estadounidenses, non tanto os europeos.

1 ppaifoco

No que exerce liderato é en festas e paparotas. Non hai parangón en Europa na densidade de enchedoiros e paifocos por habitante. É triste pero é verdade e que borrárasdes o comentario anterior,igual a este, non vai cambiar a triste realidade dunha sociedade sen dignidade e cuxo maior logro identitario é facer tantas enchiornadas como habitantes. Borrar un comentario así é de necios.

1 Matemático

A túa vida debe ser moi aburrida para facer ese comentario nesta entrevista. Se cho borraron non me estraña, eu tamén o faría, e se se perdeu ou houbo algún erro, foi unha sorte; mágoa que insistas, debe ser que non tes moito que facer máis que trollear nunha tarde agosto con parvadas que non veñen a conto. Fai unhas sumas e restas para empezar, vai a praia, toma un baño e logo a ver se se che ocorre algo máis apropiado que comentar sobre o tema que se trata aqui, que é moito máis interesante que o que comentas.