O porvir de Galicia

Galicia está nunha encrucillada. Na próxima consulta electoral xógase o seu futuro. Podemos continuar pola senda trazada nos últimos anos polo goberno do PP, que nos levou a ser un país máis vello e máis pobre, ou tentar recuperar a confianza en nós mesmos e alimentar a ilusión de construir un futuro mellor para os nosos sucesores. O porvir de Galicia está nas nosas mans.

Por Pablo Vaamonde | | 24/08/2016

Comparte esta noticia
As políticas impostas por Núñez Feijóo levan camiño de converter a Galicia nunha xeografía desolada. A poboación decrece e a mocidade fuxe na procura dun futuro lonxe da terra (aquí máis do 50 por cento está sen emprego). A mal chamada “austeridade” foi aplicada como un castigo sobre a clase traballadora e as capas máis desfavorecidas da sociedade. A reducción de gasto público e a restricción da protección social e dos servizos públicos -sanidade, educacion-, provocou moita dor na xente, mais non conseguiu reducir a débeda, senon todo o contrario. Despois de oito anos de goberno de Núñez Feijóo somos un país máis pobre e tamén máis endebedado. Non é un gran xestor, como adoita presumir. Pero ten un mérito, xa que cumpriu á perfección a misión que tiña encomendada: poñer a Administración e os fondos públicos ao servizo das  corporacións financeiras e das empresas afíns. Eles saberán recompensar o seu labor.
 
Despois de que o lehendakari sinalase o día das eleccións autonómicas (en Euskadi e tamén en Galicia), para finais de setembro, ábrese unha nova porta á esperanza. Desde o poder e os medios de comunicación cómplices (Voz de Galicia, TVG…) tentan debuxar a imaxe dunha oposición enfrontada e débil. Mais o certo é que -coas dificultades propias dun proceso tan apresurado como este-,  tanto o PsdG como En Marea presentan dous excelentes candidatos que, a pouco que as organizacións traballen e a sociedade se mobilice, terán unha opción seria para desaloxar do poder ao PP. Os dous teñen claro que non disputan entre sí . Saben ben cal é o enimigo principal e que o obxectivo é conseguir o sorpasso sobre o Partido Popular.
 
Luís Villares e Xaquín F. Leiceaga son dous homes de ben, dúas persoas prestixiosas, serias e solventes, cunha notable traxectoria profesional, que agora dan un paso adiante para tentar virar o rumbo deste país desde o goberno da Xunta. Non vai ser doado, pero teñen a formación e o compromiso necesarios para afrontar o empeño. Teñen tamén un talante conciliador, favorable ao diálogo, que lles permitirá procurar acordos e puntos de encontro en beneficio da maioría social.
 
Porque o que Galicia precisa con urxencia é recuperar a autoestima e a ilusión colectiva. E hai que desaloxar do goberno a esta facción que ocupou o poder, nos últimos oito anos, cunha finalidade ben definida: poñer a Xunta ao servizo do capital e facilitar a realización de negocios a expensas do diñeiro público. Núñez Feijóo, o home que andaba en malas compañías, poderá ir para Madrid (cidada que visita con asiduidade para buscar proxección política) ou viaxar a Salvador de Bahía (dixo nunha ocasión que ese será o seu destino cando se retire). Pois alí terá moito sol e outras cousas que lle permitirán ter un gozoso retiro. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.