O número de afectados por despedimentos colectivos crece un 82,3%

Tamén aumentan un 43,9% as suspensións de contrato, malia que a economía galega creceu un 0,8% no último trimestre. As regulacións de emprego, nas súas distintas modalidades, experimentaron un ascenso do 36% no primeiro semestre.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/08/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Malia que a economía galega creceu no último trimestre a un ritmo do 0,8% e a un 3% na taxa interanual, este crecemento segue sen asegurar mellores condicións laborais e mesmo coincide cun aumento dos despedimentos colectivos no país. Así, o número de traballadores afectados por despedimentos colectivos aumentou en Galicia no primeiro semestre un 82,3% en relación co mesmo período do ano anterior, ata 904, segundo os datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Traballadores do sector industrial
Traballadores do sector industrial | Fonte: Europa Press.

As cifras relacionadas co emprego tamén son malas no que se refire á suspensión de contratos, que se incrementaron nun 43,9%, afectando a 2.936 traballadores durante os seis primeiros meses do ano.

Mentres, de xaneiro a xuño, as reducións de xornada en Galicia baixaron un 27,9%, de forma que se rexistraron un total de 439.

Así, en total, as regulacións de emprego, nas súas distintas modalidades, experimentaron un ascenso do 36% na primeira metade do ano en Galicia, ata 4.279.

DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, a cifra de traballadores afectados por despedimentos colectivos aumentou un 10,8%, ata sumar 13.082. Pola contra, os traballadores aos que se lles suspendeu o contrato reducíronse ata xuño un 17,9% en taxa interanual, ata un total de 29.877, mentres que os afectados por expedientes de redución de xornada baixaron un 40,5% neste período, ata os 4.833 traballadores.

Sumando estes tres tipos de procedementos (despedimentos colectivos, suspensións de contrato e reducións de xornada) o resultado é que o número de traballadores afectados por expedientes de regulación de emprego autorizados polas autoridades laborais ou comunicados a estas baixou un 15,1% no primeiro semestre, ata sumar 47.792 afectados.

As empresas inmersas nun procedemento de regulación de emprego diminuíron un 29,5% nos seis primeiros meses do ano, ata un total de 2.472, en tanto que os expedientes se reduciron un 28,3%, ata 3.054 procedementos. Del total de procedementos rexistrados ata xuño, o 92,6% contaba con acordo entre as partes.

Boa parte dos traballadores afectados por ERE autorizados/comunicados nos seis primeiros meses proviña da industria (26.175), cun descenso do 10,8% respecto ao ano anterior, e dos servizos, que recortaron un 20,2% a cifra de traballadores afectados, ata sumar 16.901. Na construción, os afectados totalizaron 3.647 (-25 m 5%) e na agricultura, 1.069, cifra un 17,7% superior á de xaneiro-xuño de 2015.

O 42,6%, NUN ERE ECONÓMICO

Dos 47.792 traballadores de todo o Estado afectados por ERE nos seis primeiros meses do exercicio, o 42,6%, isto é 20.395 traballadores, víronse envolvidos nun procedemento por causas económicas.

Dentro deste apartado, os procesos nos que as empresas alegaron perdas actuais afectaron 14.245 traballadores, mentres que a diminución do nivel de ingresos ou das vendas afectou 3.507 empregados.

A previsión de perdas utilizada polas empresas para xustificar un ERE afectou só a 142 traballadores, mentres que 80 traballadores se viron implicados nun ERE do sector público alegándose como causa a insuficiencia presupostaria.

Por outro lado, os traballadores afectados por ERE de causas técnicas sumaron 1.021 persoas, os afectados por causas organizativas totalizaron 5.665, os de produción ascenderon a 19.838 e os de forza maior, a 873.

GALICIA, CUARTA COMUNIDADE CON MÁIS AFECTADOS POR ERE

Por comunidades autónomas, as que rexistraron un maior número de traballadores inmersos en regulacións de emprego ata xuño foron Aragón, con 9.553 traballadores implicados (-9,3%); Madrid, con 6.277 (-22,1%); Cataluña, con 5.023 (-13,2%) e Galicia, con 4.279 (+36%).

En total, os traballadores afectados por regulacións de emprego baixaron en 13 comunidades e subiron en Baleares (+78,7%), Galicia (+36%), Andalucía (+10,9%) e Cantabria (+10,1%), ademais de nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla (+195,5%).

Os maiores descensos interanuais no período xaneiro-xuño déronse en Castilla e León (-53,4%), Castilla-La Mancha (-49,6%) e Extremadura ( -46,2%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta