Por gcdeportes | Valladolid | 29/08/2016 | Actualizada ás 09:00
Ficha técnica
Valladolid B 1: Dani Hernández; Arroyo, Mario Robles, Calero, Manu Royo; Anuar (Mito, minuto 18), Rai; Mayoral (Iván Martín, 66’), Dani Vega (Miguel Mari, 77’), Samanes e Higinio.
CD Boiro 2: Pato Guillén; Juampa, Catú, Soto, Jimmy; Borja Yebra, Marcos Álvarez (Pillado, 73’), Manu Rodríguez, Pedro Beda (Rubén Rivera, 58’), Romay e Jorge Cano (Herbert, 68’).
Goles: 1-0: Mito (minuto 45+). 1-1: Romay (minuto 56). 1-2: Jorge Cano (67’).
Árbitro: José Manuel Fernández Fernández (estremeño). Amarelas a Samanes nos locais e a Catú e Juampa no Boiro.
Incidencias: partido da 2ª xornada do grupo I da Segunda B nos campos anexos ao José Zorrilla antes uns 500 espectadores.
Os primeiros goles e os primeiros tres puntos do Boiro na Segunda B. Unha vitoria para a historia do club. Romay e Jorge Cano marcaron no segundo tempo, e os de Fredi puideron remontar o gol dos locais no engadido do primeiro acto. Trala derrota 0-1 na estrea na casa co CD Lealtad, o Boiro de Fredi quitou a presión da nova categoría sumando o primeiro triunfo. O mércores, de novo cita histórica en Barraña, coa primeira eliminatoria da Copa ante o Guijuelo.
O equipo galego controlou case todo o partido, tivo máis posesión e dispuxo de boas ocasións para marcar xa nos primeiros 45 minutos. As mellores, un lanzamento de Jimmy, no minuto 6, que petou no traveseiro e outra de Cano á media hora de xogo, só ante Dani Hernández, que se foi fóra. En troques, foi o Valladolid Promesas quen se adiantou no marcador, case na primeira ocasión que tivo e xa no desconto: Mito marcou tras unha xogada individual de Higinio.
Trala reanudación, seguiu o dominio do Boiro, quen non tardou en igualar o encontro, cun remate de Romay preto do traveseiro que fixo imposible a estirada do meta local. Dani Vega rematou para o filial ao pau coa testa nun saque de banda, pero Cano, tras pase de Borja Yebra, fixo o 1-2 apenas dez minutos despois do primeiro tanto, a 25 minutos do final. O Valladolid B viuse obrigado a adiantar liñas, e o Boiro sufriu nos últimos minutos. Pato Guillén evitou o empate nun man a man con Higinio. Co cansanzo pola calor, o partido abriuse e os locais chegaron ata en tres ocasións, pero o Boiro puido manter o resultado e sumar os tres primeiros puntos.
Catro vitorias na 2ª xornada
Despois de non acadar ningunha vitoria na primeira xornada (empates de Pontevedra, Racing, Coruxo e Celta B e derrotas de Boiro e Somozas na casa), os seis equipos galegos da 2ªB sumaron na segunda xornada catro vitorias, un empate e unha única derrota, a do Racing na Malata co Guijuelo.
O Pontevedra venceu 3-0 o Mutilvera cos tres goles no segundo tempo, obra os dous primeiros do xogador cedido polo CD Lugo Mario Barco (minutos 61 e 65) e o terceiro de Iker Alegre (87’). Os tres goles en Pasarón sitúan o Pontevedra de Luisito segundo na táboa, con 4 puntos, só por detrás do CD Izarra, o único equipo que suma dúas vitorias nas dúas primeiras xornadas.
Pola súa banda, o Coruxo de Rafa Sáez suma tamén 4 puntos tras gañar 0-1 ao Osasuna B no Tajonar, grazas a un gol de Camochu ao pouco de iniciarse o segundo tempo (minuto 50). Os vigueses empataran 1-1 no Vao co Valladolid B na primeira xornada.
Ao igual que Boiro e Coruxo, o Somozas recuperou os puntos perdidos na primeira xornada e acadou a primeira vitoria do curso a domicilio. Os de Antonio López Stili venceron 0-1 ao Tudelano cun gol do compostelán Iván Pérez no minuto 86, cando levaba tan só dez minutos sobre o céspede do Cidade de Tudela.
O Celta B é o único equipo do grupo primeiro que suma dous empates en dúas xornadas, tras empatar 1-1 co Racing de Santander en Barreiro. Adiantouse o filial céltico cun gol de Borja Iglesias no minuto 34, pero empatou Aquino para os cántabros no minuto 54.
Mentres, o Racing de Ferrol non puido estrearse na Malata cunha vitoria e caeu de xeito inxusto 0-1 co Guijuelo. Cando máis apertaban os de Míchel Alonso e asediaban a portaría rival, o galego Aitor Aspas, no minuto 78, marcaba o 0-1 que sería definitivo. Os ferroláns suman tan só un punto, acadado na primeira xornada no empate 0-0 en Mieres co Caudal Deportivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.