UU.AA. cre que as axudas europeas para reducir a produción traerán "a picaresca do leite negro"

Unións Agrarias asegurou este luns que as axudas anunciadas pola Comisión Europea para as explotacións gandeiras que reduzan a súa produción láctea ata outubro e por períodos de tres meses, co obxectivo de estabilizar os mercados, traerán consigo "a picaresca do leite negro".

LUGO | 29/08/2016 | Actualizada ás 15:52 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Unións Agrarias asegurou este luns que as axudas anunciadas pola Comisión Europea para as explotacións gandeiras que reduzan a súa produción láctea ata outubro e por períodos de tres meses, co obxectivo de estabilizar os mercados, traerán consigo "a picaresca do leite negro".

O secretario xeral da organización agraria, Roberto García, advertiu de que aparecerán produtores que certifiquen baixadas artificiais a través de bolsas de leite negro.

A Comisión Europea e os Estados membros veñen de concretar este paquete de 500 millóns de euros para axudar aos gandeiros que reduzan a súa produción durante tres meses.

Para García, esta medida non é máis que o recoñecemento por parte da Comisión Europea de que "se equivocou cando eliminou as cotas".

De feito, segundo Unións Agrarias, hai tres argumentos contra esta medida da Comisión Europea para reducir a produción. A primeira ten que ver con que se promove unha redución "voluntaria" da produción, "o que pode ser aproveitado por outros produtores para incrementar a súa produción mentres o veciño a reduce".

En segundo lugar, García alertou de que "as retiradas temporais de leite non son un escenario real, porque os gandeiros non van matar as súas vacas para reducir a súa produción e ao cabo de tres meses comprar outras".

A terceira está relacionada coa proposta de baixada "uniforme" para todos os países, algo que "afecta negativamente a España, que apenas abastece o 60 por cento do seu mercado, fronte a Holanda e Irlanda".

PROTESTA

Mentres tanto, segue adiante a organización dunha manifestación o próximo seis de setembro en Lugo, convocada polo colectivo Agromuralla, nacido á marxe dos sindicatos nas tractoradas de hai un ano.

A Organización de Produtores de Leite (OPL) expresou o seu respaldo a esta manifestación "para poñer en coñecemento da cidadanía" que o sector está "abandonado polas administracións e máis que nunca nas mans da industria transformadora e da grande distribución", en palabras do seu presidente, Manuel Iglesias.

"As administracións prefiren inxectar diñeiro para axudar a pagar as débedas en lugar de impulsar medidas reais que fagan sostible a cadea de valor de leite", reprochou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta