Amor, desamor e nonamor

Co final do verán aparecen moitos estragos no amor. O simple feito de vivir lonxe durante o resto do ano xa causa grave sufrimento nalgunhas parellas. O peor e cando acontece unha ruptura.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 03/09/2016

Comparte esta noticia

Os efectos do final dunha relación son con frecuencia traumáticos, pero a sociedade non sempre responde adecuadamente a ese padecemento invisible. Algunhas amizades quedan aliviadas e algúns familiares dedican un sorriso condescendente cara o que consideran unha loucura transitoria. En realidade, non se trata de ningunha broma para a persoa co corazón desfeito, que ten que volver á súa rutina cunha abafadora carga de dor nos ombreiros, e sábese de vidas desfeitas e incluso de suicidios.

Dada a natureza misteriosa do amor e pese ás explicacións científicas sobre o mesmo, non hai realmente demasiadas incursións filosóficas no tema. En cambio, case se pode falar de superabundancia nos campos da poesía e da música. Así e todo, o amor volve unha e outra vez a sorprender a cada individuo cando ve como arrasa cos seus cimentos.

Que se pode facer? Que consellos existen que axuden a vivir con ou sen un amor determinado? A continuación vén unha visión do tema sinxela e ben intencionada, con desculpas anticipadas por se xa foi expresada por alguén anteriormente.

Imaxinemos un círculo perfecto trazado cunha fina liña negra. O amor correspondido sería o círculo enteiro pintado de vermello. Pode haber algunha discusión ou zona de sombras, e días de maior brillo, pero é unha figura redonda enteira mentres exista a correspondencia. Moitos opinan que estar neste círculo que non se pode mercar significa acadar a máxima felicidade posible na vida humana.

No caso de producirse unha ruptura na cal un dos dous amantes está aínda namorado, un desamor, ese amante sería un semicírculo vermello, mentres que a persoa que cortou a relación sería o espazo en branco, libre de ataduras. O amante rexeitado quedará cun banco de recordos composto de miradas, palabras, caricias, abrazos e bicos de paixón.

Nun terceiro caso está o círculo baleiro que representa o amor dunha soa dirección ou “one way love” en inglés, “amo, non amor” ou “amor singulus” en latín. O amor que non é correspondido non ten ningunha traza de vermello porque non chega a haber conexión algunha co ser amado. Se non existe xa, pódese empregar unha verba nova, que é a de “nonamor”, para este tipo de namoramento que cando é máis devastador pode traer efectos radicais e vidas convulsionadas como a de Man de Camelle.

O curioso é que a maioría da xente adulta é probablemente licenciada nos tres círculos que van do todo á nada ou viceversa, e ben pode suceder, por dar un exemplo, que os que antes sorrían displicentes ante o sufrimento dun amigo ou parente abatido polo remate dun primeiro amor se encontren moribundos nun hospital co pensamento cuberto por recordos do seu propio primeiro amor.

Nos tres casos de situación romántica, un consello crucial é o seguinte: ser civilizados. Como os sentimentos son tan fortes, non é necesario agudizar a dor con escenas de súbito odio. Non hai por que deixar de falarlle a quen tanto nos quería, nin falar mal del ou dela. En canto a quen non é correspondido, pode haber elegancia e sensibilidade. Tal vez non é boa idea tomar un café, por se o rexeitado se namora máis ou para non reabrir unha ferida, pero si se lle pode dedicar un sorriso, ou mesmo ter unha certa e prudente amizade, que sería como un cuarto do círculo.

A cuestión, agora que chega a noite deste día do verán de 2016, é intentar a estas alturas da Historia que as relacións entre os seres humanos, e en especial as máis íntimas, acusen as ensinanzas milenarias do respecto, a dignidade, a compaixón e o cariño universal entre os que nos enfrontamos xuntos e sós a un destino común, a ese monstro que se opón ao amor e á vida.   


     
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.