Por Galicia Confidencial | A Coruña | 05/09/2016 | Actualizada ás 10:00
A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e a Asociación Animalista Libera aplaudiron o compromiso coa abolición da tauromaquia que xa amosaron as tres formacións políticas que están chamadas a entenderse nun potencial goberno alternativo ao Partido Popular: PSdeG, En Marea e BNG, logo de comprobar que entre as súas propostas programáticas aparecen referencias camiño da fin destes eventos.
No programa dos socialistas aparece un parágrafo no que se remata afirmando "regular esta materia para poñerlle fin alí onde se estea a producir". A inclusión deste texto no programa do PSdeG que lidera Xaquín Fernández Leiceaga supón reforzar a cooperación que a forza política mantivo con abolicionistas e animalistas durante a pasada Lexislatura, onde votou a favor da toma en consideración de dúas Proposicións de Lei que reclamaban finiquitar as touradas.
No terreo do BNG, as bases programáticas dos frontistas reflicten no apartado de "Novos dereitos avanzados a garantir na Galiza" a frase dunha "Galiza libre de touradas e de maltrato animal", que evidencia o interese dos nacionalistas por trasladar ao Pazo do Hórreo iniciativas semellantes no novo periodo lexislativo que se abriría a partires do 25S. O BNG foi o impulsor da proposta para vetar o acceso de nenos a eventos taurinos e trasladara a primeira proposición para prohibir a tauromaquia en 2013, só rexeitada polo PP.
Pola súa banda En Marea asume os principios básicos do proceso que agromou ao redor das chamadas Mareas en Común, onde se especifica "unha aposta clara pola abolición daqueles espectáculos nos que sexan maltratados." O partido instrumental reforza a súa promesa coa presenza de candidatos que xa defenderan propostas abolicionistas no Parlamento, como Antón Sánchez ou Eva Solla.
Neste senso, e a través dun comunicado, dende Galicia, Mellor Sen Touradas e LIBERA! subliñan a importancia destes posicionamentos" fronte a un lobby taurino que esmorece no país cada ano que pasa". "A feira taurina de Pontevedra, cada vez máis reducida, foi incapaz na súa edición de 2016 de rexistrar un só cheo mentras que en Valga sobrevive con apoio municipal unha solta-capea a pesares das queixas veciñais e políticas, que cuestionan o emprego de perto de 10.000€ para unha actividade que somete aos animais a un trato degradante", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.