O que se está cocendo no pote

Remato de ver o novo debate de investura no parlamento español. Dou lectura ás diferentes análises e parece que estamos diante dun problema irresoluble entre os partidos políticos que conforman o reparto. Albíscase un novo paso polas urnas como a saída mais acaida, porque neste entramado politico os discursos e as actuacións están inseridas en tácticas e estratexias preestablecidas.

Por Fermín Paz | Ferrol | 06/09/2016

Comparte esta noticia

De todos os xeitos, eu aventuro que o presidente do goberno español será do PP e non haberá terceira convocatoria de eleccións. Na intervención do martes, Raxoi tentou acoutar os espazos de posibilidades para calquera outra alternativa. O canto á unidade -formulada unha vez máis sobre a soberanía española única e indivisible- foi o cerne do seu discurso destinado a imposibilitar que o PSOE poda chegar aos 176 votos achegándose a Podemos, os independentistas cataláns e os vascos do PNV. Ciudadanos xa quedou centrado entre PP e PSOE. O demais foi parafernalia. Nada dos outros calificativos, como "tristón" ou "pouco convecido" merecen consideración política.

A sesión do mércores disque gaña en intensidade e colorido. Mesmo se chega a falar dunha lección de “parlamentarismo”, mais a realidade é que as demais intervencións das portavocias deixaron claro que non hai ningunha posibilidade de alternativa e o asunto está visto para sentenza.
Non sei canto tempo tardará o PSOE en mover ficha para a súas esixencias ao PP, en troques da súa abstención total ou parcial, mais só é un problema de tempo e de como o “venden”. Mesmo pode reeditar o pacto con Ciudadanos e pedirllle aos demais (votos en contra de Raxoi) que  apoien un  “cambio progresista”,¡fume !

Aínda vou arriscar un pouco máis na miña análise, proxectando as consecuencias do debate. As cousas son como son.

O que se está cocendo no pote é  moi clarificador na dinámica política que temos por diante. Que teñamos na Galiza unha alternativa de goberno ao PP depende de que este partido non consiga unha maioría absoluta e que o PSOE pase por diante das MAREAS na pelexa polo hexemonismo na esquerda. No caso contrario non haberá acordo tripartito, o PSOE ten decidido esa estratexia, e ven de mais lonxe que PODEMOS tratara de participar no reparto do voto. Lembremos o contexto en que se conformou o bipartito (PSOE-BNG), que xamais sería posible cun BNG por diante. Touriño e outros xa o teñen dito e Beiras podería falar deste asunto desde o seu maxisterio. Aínda que agora o contexto pareza diferente, non o é.

A consulta catalá evidencia que non é posible aspirar a unha patria galega, vasca ou catalá pola vía da actual Constitución Española. Fracasado o Plan Ibarretxe, non sei o que fará o nacionalismo vasco, mais supoño que terá que mover ficha.

Sería un erro histórico ficar outra vez fóra de xogo e enxugados polo españolismo que tanto se viste de federalista como de re-centralizador. Sen saber cal vai ser o resultado final desta  mal chamada crise institucional do Estado Español, sei que o termo Nación-Patria para españolistas e nacionalistas non ten nada de común.

Pouco a pouco, as dúbidas irán despexándose: o nacionalismo ou é emancipador ou non resolve ningún dos problemas presentados. Coincido no reclamo de Castelao aos imperialistas fracasados:  na liberdade de todas as Patrias, mais sabendo que ninguén nos vai regalar nada nunha mesa, se non hai reclamo, resistencia, movemento e construción de poder desde o antagonismo.

Igual que noutras partes do mundo, o futuro aínda non chegou, está por vir. Nese sentido, a contradición principal na Galiza debe ser entendida como unha transformación do “status quo” cun novo proceso constituinte que acredite que Galiza é a patria dos galegos e das galegas.

É tempo para facer movementos cos que ir concretando a base dos apoios, de procurar a unificación nun só proxecto nacionalista integrador das necesidades e aspiracións das clases populares que precisan da construción dun proxecto concreto de nación coas suas vertentes sociales. Por iso,  a chamada para a unificación nacionalista ten que ter esta base e ninguén que a defenda pode ficar fóra. Non esquencería de facer unha revisión autocritica das practicas cainistas si é que o nacionalismo pretende sair do furado.

A dinámica do proceso pode que precise de alianzas tácticas (para as convocatorias electorais e para os gobernos nas institucións). As estratéxicas, para mín, teñen que construirse desde xa no principio que Galiza é unha nación, con todas as consecuencias xuridico-políticas que supón tal definición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.