Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2016 | Actualizada ás 10:26
O expresidente socialista da Xunta Emilio Pérez Touriño destacou este luns a "acreditada honestidade e capacidade" de Xoaquín Fernández Leiceaga, a quen erixiu no "mellor presidente que pode saír electo" o próximo día 25.
Nun almorzo informativo organizado polo Fórum Europa-Tribuna Galicia, Touriño enxalzou a Leiceaga e expresou a súa "convicción de que pode ser un bo presidente".
"Un presidente non se improvisa nun mes ou dous. Nun país maduro democráticamente como Galicia, é froito da decantación dunha experiencia e solvencia acreditadas", reflexionou, e incidiu en que Leiceaga é "un bo compañeiro e amigo" e "un excelente economista" con traballos sobre cuestións "estratéxicas" para Galicia como a demografía, o financiamento autonómico e a industrialización.
Nun acto no que a única ausencia destacada dentro do PSdeG foi a do alcalde de Vigo, Abel Caballero, Touriño afondou no "amor por Galicia" que impregna toda a traxectoria profesional e política de Leiceaga e que se suma á súa "capacidade de diálogo".
A estas características agregou que conta cun proxecto de país "viable e solvente" e unha gran "solvencia e confiabilidade" sobre a base da "mellor tradición do galeguismo político e a socialdemocracia".
Como punto e final á súa presentación, o último socialista que presidiu o Executivo autonómico puxo en valor que Leiceaga tamén é "un excelente profesor" que "xa destacaba como un bo alumno". "Eu non acostumo a regalar as matrículas de honra, pero tiven a ocasión de entregarlla porque a gañou a pulso", apostilou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.