Gaña Feijóo, gaña Rajoy

A vitoria do PPdeG en Galicia dálle pulos ao presidente español no panorama político estatal e reforza a Mariano Rajoy. En Marea é a segunda forza política, pero empatada co PSdeG, lonxe das expectativas xeradas. A terceira posición do PSdeG augúralle novos problemas a Xoaquín Fernández Leiceaga e a Pedro Sánchez. O BNG recupera o terreo perdido nas xerais e mantén o grupo parlamentario.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/09/2016 | Actualizada ás 00:19

Comparte esta noticia

Galicia volveu darlle unha terceira maioría absoluta ao PPdeG, mellor dito, a Feijóo, que durante toda a campaña escondeu o logo do seu partido. Unha estratexia que lle deu resultado e que, de paso, lava a imaxe dos populares en España. Porque a vitoria tamén é de Mariano Rajoy.

Xosé Manuel Beiras arroupa a Luis Villares na súa presentación como candidato de En Marea
Xosé Manuel Beiras arroupa a Luis Villares na súa presentación como candidato de En Marea | Fonte: EP

Feijóo e Rajoy gañaron claramente estes comicios que se presentaron como un plebiscito da política española. E ademais, gañan con claridade, coa única maioría absoluta que teñen agora en todo o Estado. Unha renda cómoda para o presidente da Xunta que mesmo pode pensar, agora, no seu desembarco en Madrid calando aos críticos que aínda ten en Génova.

Feijóo pode presumir en Galicia e en Madrid de ser o único barón popular que foi quen de manter unha maioría absoluta, pero non unha maioría absoluta calquera, senón cimentada en máis votos que hai catro anos e nun contexto de crise e de perda de credibilidade do PP polos numerosos casos de corrupción que o afectaron nos últimos tempos.

Tamén é certo que Feijóo contou en Galicia con axuda extra, a que lle deron os medios públicos e os grandes poderes mediaticos privados, que levan anos mamando do erario público e garantizan, deste xeito, seguir mamando. E, tamén, obviamente, dos erros da oposición, con leas internas continuas nos últimos meses.

Perde a oposición

Gaña Feijóo e perde a oposición. Perdeu o PSdeG e perdeu En Marea. Os dous partidos disputábanse a segunda forza nestes comicios e, nunha batalla moi igualada, o certo é que,  quedan moi por debaixo das expectativas xeradas. 14 deputados non garantizan, a priori, unha boa fortaleza para liderar a oposición.

Ana Pontón, líder do BNG
Ana Pontón, líder do BNG | Fonte: EP

O PSdeG perde 50.000 votos e catro escanos e, ademais, a segunda forza na Cámara galega. Que sexan os socialistas os que estean por debaixo de En Marea, aínda que só sexa en porcentaxe de votos, complícalle un pouco máis as cousas ao seu candidato. Xoaquin Fernández Leiceaga terá, agora, que lidiar, novamente, cos críticos do seu partido que xa antes da campaña anunciaron que presentarán candidato á Secretaría Xeral, o que abrirá unha nova guerra interna no PSdeG que pode rematar nunha bicefalia.

Pero a quen tamén deixan tocado os resultados das galegas son, especialmente, ao seu líder en Madrid, Pedro Sánchez, ante os baróns autonómicos. Agora, cunha eleccións perdidas e un sorpaso en Galicia, a apertura de negociacións con Podemos pode supoñerlle novos frontes internos.

En Marea é a segunda forza na Cámara galega pero non vai poder presumir dun gran sorpaso ao PSdeG. É certo que, se se comparan os seus resultados cos de AGE, aumentan cinco escanos, pero as expectativas eran outras. Tan só os separan un punto e menos de 20.000 votos cos socialistas.

Esta formación paga os problemas internos que ten Podemos, a pesares de que case todos, en Galicia, quixeron deixar claro que aquí quen manda son os galegos. Sen embargo, esas tensións na formación morada en Madrid e o tempo valioso que se perdeu na elección do cabeza de lista e das candidaturas, tamén polos problemas internos, condicionaron a gran aposta de Luis Villares a quen non lle deu tempo a facerse ver nunha campaña que comezou froxa e acabou in crescendo. Tampouco foron quen de convencer a boa parte do electorado nacionalista aos que só rabuñan pouco máis de 26.000 votos.

O BNG supera a expectativas

Outro que perde é o BNG, pero case nada. Perdeu un escano pero conserva grupo parlamentario. De feito, o Bloque xogaba noutra liga nestes comicios e, abofé, que cumpriu e, con creces, os obxectivos. En parte, pola gran campaña que fixo a súa candidata, Ana Pontón, e pola boa cobertura que algúns medios privados lle dispensaron –moi ao contrario do acontecido noutras citas electorais- . Isto axudou a que os nacionalistas recuperaran a imaxe perdida nos últimos comicios.

O acontecido nas eleccións xerais auguraba unha caída histórica. Algunhas enquisas mesmo apuntaban a perda de todos os seus deputados. E con ese temor xogaba un BNG que, durante a campaña foi quen de trasladar unha mensaxe compacta e de convencer a antigos electores que, antes, caeran nas redes das mareas.

E outro gran perdedor desta noite electoral é Ciudadanos. O partido de Albert Rivera, que agardaba ser a bisagra do PP, quedou a cero. Unha derrota sen paliativos do partido laranxa que debe de buscar responsabilidades, sobre todo, por elixir a unha candidata allea a Galicia e que non acabou de conectar co seu posible electorado, a pesar de que estivo arroupada polos pesos pesados da formación.

Feijóo e Rajoy no mitin peche de campaña das autonómicas
Feijóo e Rajoy no mitin peche de campaña das autonómicas
Feijóo celebrar o resultado electoral canda a súa nai nunha imaxe das súas redes sociais
Feijóo celebrar o resultado electoral canda a súa nai nunha imaxe das súas redes sociais
Xoaquín Fernández Leiceaga con Pedro Sánchez na X Festa do PSdeG
Xoaquín Fernández Leiceaga con Pedro Sánchez na X Festa do PSdeG | Fonte: PSdeG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 49 comentarios

14 Nós

Meus parabéns ao vello profesor, experto em sorpassos pírricos, e agora de profesion palanganeiro da esquerda española. Anova, Age, Marea...., cal será o novo invento? Menos mal que a nazón estará representada no novo parlamento colonial...

13 Sarriano

O cangaita de Villares levou unha labazada do carallo. Galiza comeza a espertar do pesadelo coa volta do BNG a primeira liña.

12 Balbino Fernández

Non vos avinagredes, tanto agre... O Partido Podre está feito á medida da maioría dos galegos: autónomos que se cren empresários, aforradores cunha conta de miles pensando que son millóns, proprietários quedando abandonadas as leiras ou pisos que se senten terratenientes e donos dunha imobiliária, son a maioria dos que votan por medo ao malo coñecido. Logo hai que sumar os non poucos servos do poder, da ampla rede clientelar, da máfia dos negócios, e non son poucos. Para consolarse, hai 30.000 entregados máis (que son 80.000 con Ciudadanos), tampouco son tantos, aínda que fagan tanto dano.

1 Balbino Fernández

Alguén falou do que fixo mal a oposición, comezando pola campaña, que sendo gris e triste beneficia ao PP cun candidato popular e os medios a favor, con candidatos nada coñecidos e escollidos a dedo ou con enfrentamentos nada disimulados, con experiencias no estado que nin ofrecen seguridade nin garantías... E así unha alta porcentaxe de galegos que non traga ao PP pasou de ir votar, non confía na alternativa. A responsabilidade: no PsoEspañol que perdeu moitos miles de votos, no BNG que segue perdendo miles de votos, e en Marea que cada vez perde miles de votos (con referência a dezembro e a xuño). Non confiamos na alternativa, logo o problema está nos partidos.

11 Fartodenaziocomunistasindepes

Olitas vienen, olitas vienen. olitas vienen y van, no te vayas rianjera que te vas a marear. Viva Galicia y Viva España. Dedicado a los eternos perdedores, Nos habéis hecho sudar de lo lindo. Otra vez será, tal vez dentro de ....muuuuchos años

10 galegoexiliado

Pasou o perigo. Os galegos respiran aliviados pois Galiza seguirá a ser o país mais rico, desenrolado e industrializado do mundo, e parte do estranxeiro. Paraíso dos ricos do mundo e residencia de xubilados multimillonarios. Os galegos seguirán a disfrutar da mellor cobertura social e sanitaria envexa do mundo e paraíso de vellos e centenarios. Gracias al amado líder, luz en las tinieblas y faro de Occidente, Alberto 1º El Reconquistador de Galaecia.