Temas: WOMEX MúSICA

Womex 16 converte Santiago de Compostela no maior escaparate musical do mundo

Asistirán unhas 2.500 persoas de máis de 100 países: 290 stands, 300 músicos de 40 países e uns 200 xornalistas. Haberá 45 concertos abertos ao público, ademais da programación reservada aos profesionais, que inclúe feira, 22 conferencias e networking.

Por GC Tendencias | Compostela | 13/10/2016 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

Quedan seis días para que chegue a Santiago Compostela a vixésimo segunda edición de WOMEX, a maior feira internacional das músicas do mundo. Terá lugar do 19 ao 23 de outubro na Cidade da Cultura e en varios espazos da Cidade Vella que acollerán a máis de 300 músicos de todo o planeta, entre eles os galegos Radio Cos, Xabier Díaz e Narf.ç

La chiva gantiva nunha edición anterior do Womex
La chiva gantiva nunha edición anterior do Womex

O WOMEX 16 acollerá a uns 2.500 participantes de máis de 100 países. A feira durante o día inclúe 270 stands con máis de 700 empresas, ademais de 22 conferencias e 95 relatores de 35 países en 50 sesións, entre outras actividades. 

WOMEX, ademais da feira profesional no recinto do Museo Centro Gaiás durante o día, abre ao público 45 concertos durante tres noites (xoves 20, venres 21, e sábado 22), en diferentes espazos da Cidade Vella: Praza da Quintana, Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio Abanca e a Sala Capitol para as sesións DJ. Para eles seguen á venda os bonos a 55 euros, ademais das entradas individuais para os 18 concertos na Praza da Quintana, por 20 euros anticipadas.

Os concertos divídense en tres grupos: a Selección Oficial, que acolle a músicos de todo o mundo elixidos por un xurado internacional e que se poderán ver na Praza da Quintana e no Auditorio Abanca; o escenario Atlantic Connections, que acolle propostas musicais da Península e de América Latina (Teatro Principal); e, por último, o escenario offWOMEX, que acolle propostas alternativas (Salón Teatro). 

Ademais haberá un DJ Summit que terá lugar na Sala Capitol e que acollerá o venres 24 e o sábado 25 cinco DJ sessions. 

Davide Salvado no Womex
Davide Salvado no Womex

A WOMEX acoden artistas de todo o mundo cunha carreira xa consolidada no seu lugar de orixe pero que desexan internacionalizar. Nesta edición participarán artistas como Faada Freddy, NY Gypsy All Stars, Dudu Tassa & The Kuwaitis, Bixiga 70 ou Oligarkh. Os músicos galegos que participarán serán Radio Cos, Xabier Díaz e Narf xunto cos mozambicanos Timbila Muzimba.

Opening e Womex Awards

O Opening é a sección de apertura do Womex que serve para lle dar a benvida aos profesionais que participarán no evento. Terá lugar o mércores 19 no Auditorio de Galicia, dirixido polo músico galego Pedro Pascual e reunindo a grupos da Península Ibérica como Kepa Junkera, María Arnal & Marcel Bagés, xunto aos galegos Carmen París, o cuarteto Caramuxo e Talabarte.

Womex concede anualmente os premios aos máis significados intérpretes das músicas do mundo. A ganadora este é Calypso Rose, nacida en Tobago en 1940. Escribiu a súa primeira canción con 15 anos e desde entón foise convertido nunha das voces fundamentais da música das Antillas.

Estreas mundiais no Womex Film Nights

Womex Films Nights é o festival de documentais sobre música que este ano estreará o Womex en Santiago. As sesións celebraranse no Museo das Peregrinacións en tres sesións diarias, entre os días 20 e 22.  Nove películas integran o cartel deste festival de documentais, con títulos que repasan a situación da música no mundo, especialmente en África e Asia. Dúas destas longametraxes serán estreadas mundialmente neste evento.

A feira máis importante da industria musical do mundo

WOMEX leva xa 21 edicións por toda Europa: Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica, Cardiff ou Budapest. A súa vixésimo segunda edición é tamén a segunda que se celebra en Santiago de Compostela como escenario. Nestes 20 anos de historia, só dous artistas galegos foron escollidos na selección oficial (Mercedes Peón no 2010 e Davide Salvado en 2014).

O WOMEX está organizado pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín (Alemaña), tamén responsable doutros eventos como Classical: NEXT (Viena), Porto Musical (Recife, Brasil) ou Atlantic Music Expo (AME), en Cabo Verde. 

Como socio local forma parte da organización Nordesía Producións en partenariado co Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, ademais do patrocinio privado de Mahou. 

Dos 2.500 participantes profesionais no Womex 16, uns 800 son organizadores de concertos e eventos musicais, 450 representan a selos e distribuidoras musicais, outros 500 son axentes individuais, 400 managers e 250 produtores.

Impacto na música e na economía de Galicia

WOMEX 16 é o máis importante evento cultural en Galicia dos últimos anos. Trátase dunha grande oportunidade para a música galega, pero tamén para a proxección internacional da nosa cultura e para o posicionamento de Santiago e de Galicia no mundo, como se demostrou na edición celebrada en 2014.

Ademais do valor cultural, o Womex supón un extraordinario efecto económico e de imaxe na cidade que o hospeda, que se valorou nas últimas edicións nun impacto positivo no PIB de máis de 2,5 millóns de euros. Ademais, aproximadamente un 80% do custe da produción reverte directamente nas empresas galegas. Asemade, hai que engadirlle o impacto na imaxe de marca da cidade, do país, do seu tecido cultural e da súa industria musical derivado da visibilidade que produce o impacto internacional da Feira.

Presentación

A programación completa foi presentada este xoves en rolda de prensa no salón vermello do Concello de Santiago coa presenza do seu alcalde, Martiño Noriega, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Bryan Kaulback, director rexional de Mahou, patrocinador privado; e Antón Martínez, socio de Nordesía Producións, organizadora do evento.

O alcalde, Martiño Noriega, sinalou que ”Santiago volve amosar nesta ocasión como unha cidade pequena no cuantitativo pode ser un referente turístico e cultural no cualitativo. Acoller a maior feira de músicas do mundo, como é o Womex, significa apostar por un turismo de eventos que vai máis alá do feito ata o de agora e que consigue que Santiago sexa atractiva en calquera momento do ano pola súa oferta cultural”.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, sinalou que con Womex, Compostela convertíase “no centro das marxes, na capital das músicas que son as bandas sonoras dos distintos pobos, que transmiten a súa identidade  son a carta de presentación dos países de orixe”. Reparou Sanmartín nas tres propostas galegas para destacar a forza da música de noso que se transmite a través das xeracións de Radio Cos e Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre e destacou moi especialmente o encontro Narf con Timbila Muzimba que pode ser “a metáfora do que Womex significa, un proxecto en que a música galega e moçambicana se dan a man, en igualdade de condicións”. 

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, valorou Womex 16 como un “importante esforzo colectivo de empresas e administracións” para converter a Santiago e a Galicia “en capitais mundiais, por uns días, da música tradicional e de raíz.” Rodríguez destacou o bo ritmo ao que avanza a participación profesional na feira e confiou en igualar, ou mesmo superar, as cifras da edición anterior, “polo pronto todos os stands dispoñibles na Cidade da Cultura están xa cubertos.”  

O representante de Mahou, Bryan Kaulback, explicou que “a colaboración de Mahou con WOMEX 16 enmárcase na súa aposta polo lecer e o entretemento innovador. Desde sempre Mahou involucrouse con proxectos que ofrecen unha perspectiva diferente e que ofrecen valor engadido á cidade, como é esta cita mundial da música. Para Mahou formar parte de WOMEX demostra o seu compromiso coa dinamización e o lecer desta cidade e da súa contorna”. 

Temas: WOMEX MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta