GC Aberto

Slavoj Zizek: "O antisemitismo está vivo e coleando en Europa"

Crónica dunha interesante conferencia en Tel Aviv de Slavoj Zizek, filósofo esloveno e un dos referentes da esquerda radical europea.

Por GalizaIsrael (http://www.galiza-israel.org) | GC ABERTO | 03/11/2016

Comparte esta noticia
O filósofo esloveno Slavoj Zizek ven de pronunciar unha conferencia nunha libraría do centro de Tel Aviv ateigada de caras coñecidas da esquerda israelí. Foi presentado por Udi Aloni, un artista israelí e activista do BDS que acaba de editar un libro titulado "What Does a Jew Want".

Slavoj Zizek
Slavoj Zizek | Fonte: Mairav Zonszein +972mag

A libraría Tola'at Sfarim (Bookworm), que tamén é unha pequena editorial de libros sobre todo de psicoloxía, estaba chea de xente, novas e vellos, moi ansiosa coma min de poder escoitar a Zizek.

Moitos parecían chegar coa expectativa de escoitar como Zizek criticaba a Israel e faría uso do seu enxeño irónico e do carisma que tanto gusta aos pequeno-burgueses de Tel Aviv que apoian o movemento de BDS. En efecto, cando Udi Aloni introduciu a Zizek, identificouse a si mesmo coma un activista a prol de BDS e dixo que elixiu esta libraría co fin de non cooperar con calquera institución formal israelí.

Con todo, Zizek non apoiou e nin sequera falou moito sobre o BDS - e cando o fixo, foi porque llo pediron explicitamente durante a quenda de preguntas -. As súas dúas afirmacións claras sobre o BDS foron: (a) non o apoia, e (b) si apoia un movemento que sexa iniciado conxuntamente por palestinos e israelís, e de aquí, da rexión.

Pola contra, Zizek captou a atención do público durante case dúas horas falando do antisemitismo, do capitalismo e do lugar dos xudeus no mundo. Advertiu de que o antisemitismo está "vivito e coleando" en Europa e América, e afirmou que o Estado de Israel debería preocuparse máis polo antisemitismo da dereita cristiá no canto de malgastar a súa enerxía nos autoproclamados xudeus antisionistas. Dixo que os cristiáns sionistas de Estados Unidos son intrinsecamente antisemitas e que a disposición de Israel a aceptar a súa axuda resulta desconcertante.

Zizek comezou a súa charla dicindo que cando foi convidado a falar en Tel Aviv (a maior parte da súa viaxe estivo en Ramallah, con Udi Aloni), a xente aseguroulle que aínda había algúns "bos israelís" de esquerdas aos que lles encantaría escoitalo, como querendo convencerlle de que quizais pagase a pena visitar Israel. Zizek dixo que non lle gustaba nada este enfoque.

"Ser un 'anti' é o que está de moda".

Esta declaración marcou o ton de todo o seu discurso, enmarcado firmemente na idea de que a maioría da xente cae presa demasiado facilmente das tendencias e dos ruídos mediáticos, e que en realidade non identifica a raíz dos problemas. Falou do doadol e de como está de moda ser, por exemplo, "anticapitalista" hoxe en día, xa que só se precisa culpar directamente a un banco específico ou algunha persoa específica como culpabeis do mal, e logo pensar que un xa fixo o seu parte. Mencionou a Bernie Madoff neste sentido como un chibo expiatorio ao que era moi fácil botarlle a culpa, cando en realidade o verdadeiro problema é o sistema que permite, e mesmo empuxa, aos Madoff cometer os seus crimes.

Percorreu o antisemitismo a través da historia, desde cando se esperaba converter finalmente aos xudeus, na época da Ilustración e da Revolución Francesa, e cando se fixo evidente que non había conversión ou asimilación suficiente que puidese facer nada para cambiar o seu xudaísmo eterno. Os xudeus, entón, pasaron de ser individuos moi diferentes e particularistas a ser demasiado universais e cosmopolitas, o que facilitou o camiño para o Holocausto.

Despois de establecer a profunda vitalidade do antisemitismo, mencionou que non ten paciencia con aqueles que escusan o antisemitismo árabe xa que, aínda que a maioría dos palestinos son pobres e están oprimidos, non se debe tolerar que sexan antisemitas. Tamén falou sobre o seu coñecido argumento dun "antisemitismo sionista", polo cal os sionistas utilizan a linguaxe antisemita contra os seus compañeiros xudeus acusándoos de non ser o suficientemente sionistas. Esta foi a súa principal crítica de Israel - a caza de bruxas contra os xudeus que non son "suficientemente sionistas" - .

Sentada nunha sala chea de activistas israelís, algúns dos cales se consideran como a vangarda na loita contra a ocupación israelí e o apartheid, dedicando grande parte do seu tempo a visitar Cisxordania en solidariedade cos palestinos, enfrontándose cos militares israelís e favorecendo un boicot total do país, eu podía sentir dentro da sala a decepción de todas aquelas persoas que agardaban que Zizek falase dunha maneira máis crítica e desaprobatoria de Israel. Apenas dixo palabra sobre a ocupación e non mencionou a palabra apartheid nin unha soa vez. Non falou directamente sobre o que é Israel en si mesmo ou o que se debería ser ou facer.

Ese foi sen dúbida un paso audaz ante tal audiencia - e non estou segura de se á xente lle gustou -, pero penso que en moitos aspectos, e na realidade, Zizek realizaba unha critica de moitos dos activistas alí presentes. Eles están tan atrapados cos "males" de Israel que perderon a perspectiva sobre o que está a pasar no resto do mundo, e pode que até perdesen de vista os verdadeiros perigos dun antisemitismo persistente, con todo tipo de consecuencias.

Coma persoa familiarizada coas ideas de Zizek e que coñezo moi ben a súa crítica punzante de Israel, fiquei moi satisfeita porque non necesitaba escoitar outra vez como Israel está a ocupar aos palestinos. E realmente, coma un filósofo que pasa o seu tempo en Europa podería contarnos cousas novas sobre todo isto? Pero, por suposto, algunhas persoas da audiencia non se mostraba moi feliz co feito de que non dedicase o "suficiente tempo a criticar ao sionismo".

Zizek procedeu a dicir que o sionismo non é o peor dos males do mundo. Mencionou o estrangulamiento de Cisxordania por Israel como un proxecto de colonización e comentou que deberían estar colgados por todas partes os mapas de Cisxordania para que a xente puidese ver realmente a dominación de Israel. Pero tamén dixo que calquera nai na República Democrática do Congo venderíase como escrava se tivese a oportunidade de vivir en Cisxordania. 

Chegando até Tel Aviv e falando así ante un grupo de activistas da esquerda israelí, non sobre os males de Israel, senón sobre a maneira profunda e perversa en que subsiste o antisemitismo na Europa e nos Estados Unidos de hoxe en día, e como se propaga contra o sionismo e Israel, Zizek parecía quería expresar - tal como eu o percibín - a súa auténtica frustración ante un certo sector do activismo esquerdista radical actual no mundo, para o cal as fechorías de Israel permiten pasar por alto, descartar ou negar completamente, os auténticos problemas relacionados coa existencia e a identidade xudía, sobre todo ante un mundo global.

Coido que o punto de vista de Zizek é que o antisemitismo non só segue existindo, senón que se está reencarnando baixo diferentes formas e que os israelís deberían prestar moita máis atención - xa que é altamente prexudicial, e non só para Israel -, pois no ámbito aínda máis amplo do racismo e da violencia, e de como tratar os problemas globais, é algo moi prexudicial para todos.

Crónica de Mairav Zonszein publicada no dixital +972mag

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta