Directivos de Freixenet e Google entre os ponentes do 4º Foro da Comunicación de Galicia

Estrella Galicia, Galejobs, R Cable e Eloxia son algunha das outras marcas que exporán as súas estratexias de comunicación na cuarta edición deste foro en Expourense.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/11/2016 | Actualizada ás 12:13

Comparte esta noticia

O 4º Foro da Comunicación de Galicia servirá como punto de encontro para os profesionais galegos vinculados ao sector que queiran compartir as experiencias con expertos de primeiro nivel e ofrecerá un completo programa de conferencias nas que este ano cobrará especial protagonismo o mundo online e a estratexia de marca. 

Premios do Foro de Comunicación de Galicia na súa terceira edición
Premios do Foro de Comunicación de Galicia na súa terceira edición

Esta edición do foro contará coa participación duns vinte relatores entre os que se inclúen importantes figuras do sector, expertos de escolas de negocios, profesores universitarios, xornalistas e empresarios. Un dos obxectivos será debater  sobre o uso dos medios dixitais, pero tamén se tentará fomentar unha cultura de emprendemento a través de conferencias sobre internacionalización e experiencias de xestión.

Programa de conferencias

A conferencia inaugural do 4º Foro da Comunicación de Galicia será impartida polo director do programa de dirección en comunicación corporativa IE Business School, Enrique Sueiro, quen ao longo da súa traxectoria profesional ten asesorado a máis de 3.000 directivos de ámbitos empresariais, científicos e institucionais. O programa continuará cunha mesa redonda que versará sobre estratexias de transformación  dixital e na que participarán responsables de comunicación e social media de empresas galegas punteiras como Estrella Galicia, Galejobs, R Cable e Eloxia.

A continuación terá lugar un relatorio orientado a analizar as relacións entre os profesionais da comunicación da empresa e dos medios, a cargo do xornalista Luís Fraga.  A sesión matutina finalizará coa conferencia de Emilio de Benito Cañizares, redactor de ciencia e sanidade do País e presidente da Asociación Nacional de Informadores da Saúde, que razoará sobre o uso da a información en nichos especializados.

A sesión de tarde estará centrada no ámbito máis analítico. Comezará cunha conferencia sobre Márketing político de man de Xavier Martínez Rolán, profesor na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo. Continuará coa presenza dun dos directivos de Google para España e Portugal, Adolfo Fernández, que falará sobre as oportunidades e as sinerxias da comunicación on-line.

A segunda parte da sesión vespertina centrarase en dúas grandes figuras: Marçal Moliné e José Luis Bonet. Moliné é membro de Fundación Mundo Cidade e no ano 2009 foi nomeado membro de honra da Academia da Publicidade. Tamén recibiu o Premio Nacional de Comunicación da Generalitat de Cataluña e pertence ao salón da fama do Festival Iberoamericano da Publicidade. Está considerado como un dos publicistas españois máis destacados e participará neste foro coa súa conferencia “de Bernbah a MMLB”.

A conferencia de clausura correrá a cargo de José Luis Bonet, presidente da Cámara de Comercio de España e de Freixenet, así como do Foro de Marcas Renombradas Españolas.  Durante a súa intervención falará sobre o proceso de internacionalización con marca, utilizando como estratexias principais o márketing e a comunicación.

O programa de conferencias completarase coa Área Expositiva na que distintas asociacións profesionais e empresas presentarán os seus produtos e servizos entre elas AVANTE, central de medios, Galejobs, a revista especializada Rúbrica, Atlántica Arte, o Máster de Comunicación de Bussiness School ou a Asociación Galega de Feiras e Eventos.

Para organizar o programa deste Foro, Expourense conta coa colaboración activa das  Facultades vinculadas coa Comunicación da Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago, o Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia e asociacións como MARKEA (Asociación Galega de Márketing), DIRCOM Galicia (Asociación de Directivos de Comunicación de Galicia),  Creatividade Galega e da Asociación Galega de deseñadores Gráficos.

A inscrición pode realizarse previa a través da web www.expourense.org. Este 4º Foro da Comunicación de Galicia clausurarase por primeira vez coa entrega de Premios da Comunicación e o Márketing de Galicia, promovidos polo Clúster da Comunicación Gráfica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta